Venres. 19.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Baio e Esteirana tinguen o 2019 de branquiazul e blaugrana

1ª Galicia: Baio e Esteirana tinguen o 2019 de branquiazul e blaugrana

11 inicial do CF Dumbría ante o Val do Ulla. Baio e Esteirana continúan cunha traxectoria impecable neste 2019 despois de lograr sendas vitorias ante o Piloño e o Chaián, respectivamente. Pola súa banda, o Dumbría tamén sumou os tres puntos nesta xornada no partido adiantado ao sábado ante un Val do Ulla que segue loitando por saír dos postos de perigo. Mentres tanto, o Fisterra non pasou do empate na súa visita ao Tordoia do oleiro Dani Calvete e ve como o Sigüeiro lle arrebata o liderato e cae á terceira praza da clasificación, despois de que o Flavia fose quen de superar pola mínima a un Soneira que foi superior e que se viu perxudicado pola actuación arbitral.

Piloño SD 0 – 5 CD Baio

Piloño-Baio. Foto: CD Baio.

  • CD Baio: Dani Varela, Álex Figueiras, Norberto (Guau m.77), Martín MC (Josiño m.72), Bieito, Moreno (Santi Díaz m.53), Iván Rojo, Rubio, Peke, Damián (Raúl m.77) e Yago.
  • Goles: 0-1 m.3: Martín MC; 0-2 m.20: Iván Rojo; 0-3 m.31: Yago; 0-4 m.34: Martín MC; 0-5 m.68: Martín MC.
  • Expulsións: Os visitantes Javi López e Ramón no minuto 70.

O Piloño tivo opción de adiantarse no primeiro minuto, nun man a man de Dani Méndez que salvou Dani Varela e no posterior córner, Yago despexaría un lanzamento nun rexeite. E do posible 1-0 pasaríase ao 0-1 logo dun balón ao espazo de Rubio sobre MC tralo cal, este regatea ao porteiro e pon por diante aos seus. A partir dese gol, os baieses mostráronse moi superiores e tiveron moita efectividade, ainda que o porteiro do Piloño salvaría varias ocasións claras de gol. Pero a pesares da gran actuación, Iván Rojo, Yago e de novo Martín MC aumentarían a renta dos branquiazuis antes do descanso e poñer fin a unha gran primeira metade co 0-4 no luminoso. Na segunda parte, o Piloño moito máis metido pero nun contragolpe, Martín MC faría o definitivo 0-5. No minuto 70, o Piloño quedaría con 9 xogadores pero ainda así, tería varias oportunidades para facer algún gol, mais o marcador xa non se movería.

CF Dumbría 2 – 1 Val do Ulla UD

Os capitáns do Dumbría e do Val do Ulla co trío arbitral.

  • CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Yuyo, Cespón, Darío, Xacobe, David (Brais m.83), Pablo Paz (Gusa m.72), Alberto (David Carreira m.64), Xabi (Iago m.69).
  • Goles: 0-1 m.31: Coria; 1-1 m.32: David; 2-1 m.68: Yuyo.

Comezou o partido sen claro dominador, moitas imprecisións, xogo pouco fluído e sen que ningún dos dous equipos fose quen de crear perigo. Chegada á primeira media hora, o encontro animouse co tanto visitante, obra de Coria, e tan só un minuto despois, o Dumbría devolvería as táboas ao marcador despois de varios rexeites á saída dun córner que resolvería David. Antes do tempo de lecer, David e Canario tiveron as súas oportunidades para aumentar a vantaxe dos seus pero non acertarían de cara a portería, polo que se chegaría ao descanso co empate no luminoso. No segundo tempo, os xogadores de Julián Ferreiro saíron controlando máis o xogo e tras un pase interior de Darío a Yuyo, este marcou nun man a man o 2-1 definitivo. Os visitantes reclamarían un posible penalti pero o colexiado non sinalaría nada e o encontro remataría coa vitoria dun Dumbría que logrou tres puntos importantes nun partido no que contaba coas importantes baixas de Marcote, Rivi e Marcos Mouro, entre outros; para continuar na loita polos postos altos da clasificación.

Chaián CF 0 – 1 SD Esteirana

Chaián CF - SD Esteirana

  • SD Esteirana: MJ, Simón, Josiño Alves, Maroñas, Álex Rama (Adrián m.89), Róber Pladur, Josiño Barreiro (Manu de Yi m.83), Codesido, Elías (Pablo m.68), Tobío e Dani Rama.
  • Gol: 0-1 m.59: Tobío.
  • Expulsións: Os esteiráns Róber Pladur e Tobío no minuto 89.

As pequenas dimensións do terreo de xogo do Agua Santas dificultou que houbese espazos en ataque para os equipos e propiciou numerosas pugnas por facerse co balón. O primeiro tempo foi moi igualado e as ocasións brillaron pola súa ausencia, de aí que se chegase ao descanso co resultado inicial. Na segunda metade, a Esteirana mellorou e tiveron varios achegamentos que non materializarían. Cando se cumpría o minuto 59 de partido, Tobío remataría ao fondo da rede unha falta colgada á área, facendo o 0-1 que resultaría definitivo. A raíz do gol visitante, o Chaián buscou á área rival cun fútbol máis directo pero non lograría inquedar a portería defendida por MJ e a Esteirana sumaría tres puntos vitais de cara a permanencia.

SD Tordoia 0 – 0 SD Fisterra

SD Tordoia - SD Fisterra

  • SD Fisterra: Iván Bouzón, Bruno (Pichino m.67), Breixo (Rubén García m.61), Aarón, Makaay, Roa (Piti m.82), Cote, Rubia (Dani Martínez m.77), Andrés, Jesús (Fabián m.77) e Julito.

O entramado defensivo que confeccionou Dani Calvete para o seu Tordoia fixo que o Fisterra non estivese do todo cómodo sobre o céspede artificial de Gorgullos. Tanto foi así, que os tordoienses contaron con máis e mellores ocasións. Na primeira metade, tan só houbo un achegamento de perigo para cada bando pero Fariña e Aarón non acertarían de cara a gol. Os fisterráns tiñan máis posesión pero non lograban inquedar a Santi en ningún momento, nun primeiro tempo moi intenso. Logo do paso por vestiarios, a tónica do encontro seguiría sendo a mesma, aínda que o Fisterra asumiría máis riscos en busca da vitoria e a piques tivo de pagalo ante un Tordoia que aproveitou eses espazos para achegarse á portería de Iván Bouzón ata en tres ocasións que non lograrían materializar. No tramo final, Makaay tivo a máis clara para as visitantes pero o seu remate sairía alto por pouco e a continuación, Fariña a centro de Dubra puido darlle os tres puntos aos seus pero o balón non quixo entrar, polo que habería reparto de puntos.

Soneira SD 2 – 3 Flavia SD

  • Soneira SD: Javi Souto, De La Sierra (Samuel m.13), Aarón, Fran (Darío m.71), Madiop, Basti, Sandelo, Alemán, Álex Taibo, Pichi, Luis (Pose m.66).
  • Goles: 0-1 m.26: Uxío; 0-2 m.28: Checho; 1-2 m.51: Basti; 1-3 m.81: David; 2-3 m.85: Sandelo.

O fútbol foi inxusto cun Soneira que foi mellor que o rival de principio a fin e en todos os aspectos do xogo. Os irmandiños iría a por todas dende o pitido inicial e un defensa evitaría baixo paus o gol de Madiop, mentres que Fran non conectaría o remate a un bo centro de Luis, polo que o Soneira non lograría ver portería. Quen si o lograría e por dúas veces sería o Flavia á saída de dous córners rematados por Uxío e Checho, respectivamente. Tras isto, os vimianceses seguirían levando a voz cantante pero desta vez sería Diego Perol que sacaría da escadra un potente disparo de Basti, evitando así que o Soneira recortase distancias no marcador. Antes do tempo de lecer, chegaría a xogada polémica do encontro despois de que Madiop fose obxecto dun penalti que o colexiado non sinalaría para sorpresa de todos os presentes. Na reanudación, Basti faría o 1-2 e Fran tería o empate pero Diego Perol volvería a ser protagonista cunha nova intervención de mérito. Eran os mellores momentos dun Soneira que rondaba o empate, pero un erro de Pose habilitaría a David para facer o 1-3. A falta de cinco minutos para o final, Sandelo faría un golazo de falta para poñer o definitivo 2-3 no marcador.

Comentarios