Domingo. 06.10.2024
El tiempo

2ª Galicia: O Coristanco frea ao Cabana pero o Lira non pode co pisón esteirán

Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira
Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira
2ª Galicia: O Coristanco frea ao Cabana pero o Lira non pode co pisón esteirán

O choque da xornada disputábase nas Redondas, onde o Coristanco puido frear a serie de 8 vitorias e 1 empate nos últimos 9 partidos do líder, o Cabana, que agora só avantaxa en 2 puntos ao equipo de Juni. Nunha zona norte no que outro partidazo, o San Lorenzo-Castriz, tivo que ser adiado, facendo esperar a pelexa por esa 3º praza que dá acceso á fase de ascenso, e na que tamén está un Cerqueda que non pasou do empate co Nantón.

Polo Sur, a Esteirana sufría máis do habitual pero conseguía a súa 10ª vitoria seguida en Lombáns. Vitoria ademais importante do Muros, que mandaba ao Camariñas á 4ª praza debido á vitoria do Muxía en Louro.

 Todo, nunha nova xornada polo luto, tralo pasamento dun xogador do Corme de Veteranos ao remate do seu partido no Cairo ante o Fisterra.

Cerqueda - Nantón
Minuto de solencio no Cerqueda - Nantón

 

Grupo 1A, xornada 13

Muros - Camariñas (4-1)

  • Muros: Xandre, Berni, Iván, Xoaquín, Varo, Xavi, Fran, Ivo, Jesús, Dani e Thiago. Tamén: Gesto, Isma, Rubén, Sestayo e Flavio.
  • Camariñas: Pablo, Barreiro, Roi, Rodrigo (Chocolate, min.85), Pablo Suárez, Carlos, Moriño, Saviola (Manuel, min.88), Hugo (Víctor, min.65), Mario e Djibri.
  • Goles: 1-0, m.13: Ivo de córner; 2-0, m.38: Xabi; 2-1, m.57: Djibril; 3-1, m.64: Thiago; 4-1, m.90: Rubén.

Partido máis igualado do que sinala o marcador, pero que leva o Muros. O cadro muradán comezou empuxeando e creando dúas boas ocasións a balón parado que salvaba ben Pablo. Ivo adiantaba pronto aos seus cun córner directo que a defensa non foi capaz de rexeitar. Aí o cadro camariñán comezou a baixar o balón, a dominar ante un Muros que se sentía cómodo atrás, pero con Djibril e Mario facendo dano. Pero era de novo o Muros o que marcaba tras un balón colgado que peta no longueiro e lle cae a Xabi para facer o 2-1.

Arrincaba a segunda metade co Camariñas máis enriba aínda. Facía dano neses minutos o equipo visitante, ratificado co golazo de Djibril. Parecía que o partido se tornaba de cor visitante, co Muros apretado atrás, pero o empate non chegaba. E chegou a xogada clave, nun erro por falta de entendemento entre un defensa e o porteiro, que acaba aproveitando Thiago para facer o terceiro nun novo regalo. Aínda o intentou o equipo visitante, cun balón ao pau e varias ocasións, pero foi xa contra o final o que Rubén facía o cuarto. Demasiado castigo para un bo Camariñas.

Cee - Outes (1-3)

  • Cee: Maikel, Tomás, Ángel, Josiño, Julio, Álex Díaz, Anxo, Bruno, Bujeiro, Adrián Canosa, Cristian. Tamén: Xacobe, Iago Trillo, Pablo Lestón, Martín e Mateo.
  • Outes: Alex, Babu, Estefan, Caamaño, Ryan, Cutu, Martín, Veleiro, Jura, Iván e Fran.
  • Goles: 1-0, m.18: Anxo; 1-1, m.40: Martín de cabeza; 1-2, m.44: Veleiro dende fóra da área; 1-3, m.80: Eloy.

Comezaba parello o partido sen chegadas claras. Era o Cee o que marcaba nunha das primeiras chegadas tras unha boa xogada combinativa. Eran os mellores momentos dos de Rafa que mereceu máis, e os peores do equipo de Miguel Ramos, ata que nunha falta lateral Martín consegue o empate. E apenas 3 minutos despois en plena páxara ceense e xusto ao fío do descanso, Veleiro fai o segundo para os da Serra.

Con máis confianza afrontaba o Outes a segunda metade, ofrecendo un carrusel de ocasións, ante un Cee desarmado, pero que se mantiña no partido. Só ao final sentenciaba o Outes, se ben o Cee aínda tivo unha ocasión clarísima que salvou Babu na liña de gol.

Monte Louro - Muxía (0-2)

  • Monte Louro: Alassane, Abel, Juan Lois, Chouza, Yeray, Dani, Raúl, Xian, Riki, Verán, Iker. Tamen xogaron: David, Piti, Antón, Geiko e Hugo.
  • Muxía: Hugo, Rui, Michael, Conguito, Mauro, Abel, Xan Nogueira, Julián, Víctor Alcaina, Manu Nogueira, Fran Moreira. Tamén: Pablo, Javi Rey, Edu, Isma Márquez e David.
  • Goles: 0-1, m.57: Víctor Alcaina; 0-2, m.70: Abel.
Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira 3
Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira

Partido igualado en Agra da Filgueira, cun patido moi serio dos de Diego Lobelos, que soubo adaptarse ben a un cadro de Bibi ben armado atrás, e buscando facer dano a balón parado e con saídas rápidas cos Íker, Xián ou Riki. Nunha desas o colexiado anulaba un tanto de cabeza de Yeray por fora de xogo. Na área contraria, onde volvía Alassane, o cadro muxián non chegaba con demasiada profundidade.

Na segunda o Muxía fíxose dono no partido, facéndose con todos os rexeites e os segundos balóns. Así chegaron os dous tantos, con dous tiros dende o borde da área de Víctor Alcaina e Abel.

Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira 2
Monte Louro-Muxia-Foto-Edu Olveira

Lira - Esteirana (0-2)

  • Lira: Raúl, Santi, Cartamil, Sebas, Raúl, Elvis, Lucas, Ángel, Mamadou, Juan, Dis. Tamén: Fran Perico, Oli, Isaac.
  • Esteirana: MJ, Simón, Damián, Dani París, Tobío, Adrián Abelleira, Pablo Rama, Alex Rama, Elías, Raúl, Oli. Tamén: Samu, Carajillo, Víctor, Pachi, Adrián Abeijón.
  • Goles: 0-1, m.81: Carajillo; 0-2, m.87: Pablo Rama.

Tardou o líder en romper a igualada ante un Lira que viña coa frecha para arriba. Foi un partido igualado típico dos que se atopa este ano o cadro esteirán, tan mandón coma sempre, pero que non era quen de crear ocasións claras ante a tea de araña formulada por Sil. Ángel na primeira e Dis na segunda tiveron dúas ocasións para que os locais romperan a igualada, pero os minutos pasaban e o cansanzo comezaba facer mella nos locais, provocando os primeiros ocos. Así, xa no treito final cando Carajillo aproveita unha xogada na que a defensa liracha queda parada pedindo fóra de banda, e a clava pola escuadra. Xa co equipo liracho desordenado, Pablo Rama facía outro golazo, demostrando o tremendo potencial do equipo de Geno.

 

Grupo 1B, xornada 13

Cabana - Coristanco (0-2)

  • Cabana: Victor, Aarón (Fernando), Sergio Ferreiro, Raúl, Duda, Sergio Antelo, Diego Cacha, Diego Moreno, Simón (Raúl Corzón), Manuel, Castro.
  • Coristanco: Rubén, Jonathan, Sergio, Dani, Jose Pazos, Juan Lagoa, Adrián Pazos, Mario, Nico, Borja, Castiñeiras. Tamén; Belar, Villajos, Samuel, Corral e Samu.
  • Goles: 0-1, m.40: Jonathan; 0-2, m.55: José Pazos; 1-2, m.80: Diego Cacha de penalti.
Cabana-Coristanco
Cabana-Coristanco

Partido por todo o alto, que comezaba cun ritmo trepidante con chegadas nas dúas áreas que facía que os porteiros se tiveran que empregar a tope. Ata o porteiro visitante lle sacaba unha pena máxima a Moreno cando corría o minuto 20. O Coristanco comezo a tomar o mando e se adiantou preto do descanso, marcando ademais outro tanto ao comezo da segunda metade tras unha falta lateral.

Non se desanimou o líder que comezou a dominar e a crear ocasións. Nun novo penalti Diego Cacha poñeria o 1-2 e de aí ao final os locais tiveron varias ocasións que unhas vez desarmou a defensa, outras saíron fóra e outras partou o meta Rubén.

Zas - Malpica (3-0)

11 do Malpica en San Andres
11 do Malpica en San Andrés. Foto: SCD
  • Zas: Rubén, Pepe (Hugo, m.78), Marcos, Miguel, Darío (Xabi, m.80), Adri, Iván (Andrés, m.60), Álvaro (Ángel, m.72), Dani, Yago e Mikel (Unay, m.84).
  • Malpica: Damián; Laik, Andy, Dimitri, Esteban; Jordan, Alberto, Aitor; Iván, Aday e Alberto Hombre. Tamén: Andy Rey, Borja, Lorenzo e José Ángel.
  • Goles: 1-0, m.39: Iván aproveita un balón en longo ás costas da defensa; 2-0, m.58: Álvaro dende a frontal; 3-0, m.70: Dani aproveita o rexeite a un tiro de Andrés.

Continúa o Zas a súa escalada particular. Os de Gurita comezaban dominando pero os de Periscal estaban cómodos atrás, sen permitir ocasións claras. Foi un espellismo. Pasada a primeira media hora, o Zas comezou a mandar sobre o terreo de xogo, e pronto Iván adiantaba aos locais. Na segunda o Malpica dominaba territorialmente pero non aparecían as ideas, e a cada chegada dos locais, ocasión clara que ou ben paraba Damián, ou ben remataba en gol.

Mención aparte merece o episodio protagonizado por Pepe. O mazaricán non aparecía pola casa e a súa familia preocuápabase e lanzaba unha alerta pola súa suposta desaparición. Pero simplemente estaba durmindo… Con esta camiseta aparecía no partido o domingo…

Pepe Alvite protagonista no Sporting Zas
O mazaricán Pepe Alvite foi un dos protagonistas no choque do Sporting Zas

Cerqueda - Nantón (1-1)

  • Cerqueda: Miguel, Marcos Pensado, Dani Riegía, Lorenzo, Gustavo, Breo González, Aarón, Iván, Manu Guillamet, Jonatan, Julián. Tamén: Héctor, Breo Rey, Nico, Hugo e Sergio.
  • Nantón: Guille, Gavín, Moreira, Pablo, Diego; Martín, Manuel, Iván, Josiño, Busto, Redondo. Tamén: Fuentes, Fariña, Amado, Pablo e Pastoriza.
  • Goles: 1-0, m.57: Iván Blanco; 1-1, m.86: Josiño de penalti.

Partido igualado en Xaviña onde o Cerqueda saíu peleón creando perigo a balón parado e en diversas chegadas por banda pero non logrou adiantarse no marcador. O Nantón, moi firme e ben posicionado, aproveitaba segundas xogadas e avisou un par de veces con disparos afastados pero non se moveu o marcador nos primeiros 45 minutos.

Ao comezo da segunda parte, si puido abrir o marcador Iván cun disparo lonxano que adiantou aos locais. O Nantón apertou e puxo en apertos a un Cerqueda que non soubo pechar o partido nos contragolpes e un erro en área propia propiciou o penalti que suporía o 1-1. Tivo o partido Cerqueda nunha última chegada de Nico ou unha falta perigosa que tirou Andrés e foise por pouco pero ao final, reparto de puntos para os dous equipos.

As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com

Comentarios