Mércores. 24.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: San Lorenzo e Corme manteñen a pugna: Muxía e Castriz caen

Ponteceso-San Lorenzo foto Brais Pose
Imaxe do Ponteceso-San Lorenzo. Foto: Brais Pose
2ª Galicia: San Lorenzo e Corme manteñen a pugna: Muxía e Castriz caen

Complicadas saídas solventaron San Lorenzo e Corme este domingo, vencendo no Pinguel e no Cubaleiro respectivamente, o que os deixa con 53 e 51 puntos na loita polo título e o ascenso directo.

A 7 e a 11 quedan xa do liderato o Muxía e o Castriz, que se deixaban puntos fundamentais nos que parecían os claros favoritos a xogarse o ascenso.

Loita polo liderato

Sufrida vitoria do líder, cun tanto de Eloy Arantón no desconto. Comezou mellor o cadro de Dani Casal, que tivo 2-3 mans a mans pero non resolveron. Pouco a pouco o equipo de Pablo Mallón foise estirando e Charro puido abrir o marcador. Seguía o choque moi igualado na segunda, co San Lorenzo con algo máis de dominio, pero coas mellores ocasións protagonizadas no balón parado de Alberto Recarey. O partido puido caer de calquera lado. No m.89 unha contra de Charro puido acabar no 1-0; e na seguinte xogada Eloy Arantón marca o gol da vitoria, que o mantén no liderato. Caeu o choque do que mellor está.

Partido tenso tamén no Cubaleiro en Corcubión e Corme, cos dous equipos enfandados pola actitude do rival, polas lesións (os capis Lucas e Iago Lema entre outos)… Notouse o que había en xogo, por abaixo para os locais e por arriba para os visitantes. Adiantouse nada máis comezar o Corcubión por un penalti transformado por Mario. Pero apenas 2 minutos despois Manu Bermúdez igualaba a contenda. O Corme estaba mellor, pero no ecuador do primeiro tempo Lucas marchaba do campo por lesión. Así e todo, antes do descanso Borga Torrado adiantaba aos de Ángel.
Presionaba moi arriba e moi ben o Corcubión, pero sufría a lesión do capi Iago Lema. Marcaba de contado o 1-3 de novo Borja Torrado, e cando parecía que acabana o partido, o Corcubión sacou de orgullo, e a base de balón directo, recurtaba por medio de Brais e ben puido ter empatado.

Segundo vagón

Muxia-Cabana
Muxia-Cabana

Empates malos, moi malos para Muxía e Castriz. O Muxía visitou o campo das Redondas, nun partido moi moi igualado, cos dous equipos apretando moi arriba ao rival. Os de Leis e Lobelos dominaron se ben Manuel tivo a primeira clara ocasión. Manu Nogueira abriu o marcador ao fío do descanso.
Saíu con moito empuxe o Cabana, metendo atrás ao cadro muxián. Pronto chegou o empate de Aarón nunha xogada a balón parado. Os locais chegaban máis pero era o Muxía o que se volvía adiantar cun remate de Adrián Alcaina nun córner. Seguiu empurrando o cadro de José Manuel, e conseguía empatar por segunda vez, desta volta, e tamén á saída dun córner, por medio de Sergio Ferreiro. Ata o final os dous equipos tentaron conseguir a vitoria e puido chegar cunha última ocasión de Sergio Antelo que se atopa cun paradón de Joselu, quedando o 2-2 no marcador final.

Foi na mañá dominical cando o Castriz recibía a visita do Muros, e sumaba un punto que ata lle soubo a pouco aos muradáns. O cadro visitante sorprendeu cun partido tremendamente intenso, ante un cadro xalleiro estivo menos enchufado do normal, se cadra porque está vendo o ascenso moi lonxe e ten unha serie de lesións moi complicadas que lle fan ver a temporada moito longa. O equipo de Miguel Chouza adiantábase pronto por medio de Sebas ao desviar unha falta botada por Iván Facal, nunha xogada protestada polos visitantes por un posible fóra de xogo. Pero era o Muros o que marcaba o ritmo do partido, con continuos balóns colgados, moita batalla e gañando cada segunda xogada. David salvou dúas ocasións claras dos muradáns, pero tamén Xandre salvou algunha.
Na segunda xogou mellor o Castriz, maniatando algo máis aos visitantes. Pero o Muros non deixou de empurrar ata o final, subindo no tretio final a pelos ao Alexanco, a e conseguiu o empate noutro balón colgado no m.95 por medio de Dani Jurjo.

Zona morna

Polo medio, sorprendeu a vitoria clara do Outes (que está recuperando as sensacións de principio de temporada tras un bache tremendo) ante un Camariñas que vén de máis a menos. Aproveitou Chía para abrir o marcador unha indecisión da defensa camariñá. Corrían os minutos, cun Camariñas que expuxo moito máis, apretando ben atrás a un Outes que estaba metido na súa área. O cadro visitante entrou e entrou pero a defensa local estivo moi seria, e no desconto sentenciaba cos tntos de Manjelo e Aarón.

Métese algo tamén na zona morna o Volantes, sumando un puntiño importante ante o Cee, que o alonxa 2 puntos sobre o Corcubión, pero sen esquecer os arrastres que poidan caer da 1ª.
O cadro ceense adiantábase nunha contra por medio de Isaac Fábregas, por suposto. O Volantes daba un paso adiante e antes do descanso Rachón remata no 2° poste e iguala o marcador. Volveu saír con forza na segunda o cadro de Chicho, e ten sobre todo un man a man de Borja que para Maikel. Pouco despois Isaac Fábregas volve meter por diante aos ceenses, aproveitando un balón que se lle escapa das mans a Alex de Yi. Con 20 minutos por diante, e con máis corazón que cabeza, o Volantes envórcase sobre a meta ceense. Tivo Leo Picallo unha contra para sentenciar, e puco despois, Pesco engancha unha volea dende 30 metros que se cola para facer o empate. Coa inercia o Volantes seguiu percutindo pero o gol da vitoria non chegaría.

Zona baixa

Por abaixo, segunda vitoria consecutiva do Oza, por primeira vez na temporada, e esta colleitada ante todo un Coristanco. Un gol de Iván Mato (que fallara un penalti 5 minutos antes) serviu para que os carballeses levasen os puntos dun partido tremendamente físico, e sufríu nun longo desconto as embestidas dos de Juni para seguir soñando coa salvación. Polo de pronto deixan o posto de pechacancelas a conta do Cerqueda.

Un Cerqueda que saíu moi insatisfeito da actitude arbitral na súa derrota ante o Monte Louro. Os de Bibi venceron en Xaviña, e seguen moi enchufados. O Cerqueda dominou na primeira pero fallou a súas ocasións, e no treito final o Louro conseguíuse adiantar cun gol de Xián tras unha falta lanzada dende o medio campo.
Na segunda Íker marca o segundo a pase de Riki. Recurtou a falta de 15 minutos Manu Guillamet á saída dun córner e o último treito foi de acoso total dos de Emilio Uzal, pero sen sorte.

Monte Louro ceelebrado a vitoria
Monte Louro ceelebrado a vitoria

Comentarios