O álbum do Fútbol Base da Costa 23/24 xa está en marcha
Ilusión. Esa é a palabra que mellor define o comezo do proxecto do álbum de cromos 2023/2024.
Os equipos de Quepasanacosta e a viguesa Sportcrom volvemos á carga cun novo álbum. Como fixemos na tempada 19/20, as nosas crianzas volverán ser as grandes protagonistas, convertíndoas en verdadeiras estrelas e facendo que se coleccionen a si mesmos no canto dos señoritos da Adrenaline.
Onte comezaba a singradura coa sesión de fotos no Cairo, con toda a familia d@s peques do Corme CF, e esta fin de semana os fotógrafos pasarán por campos como o de Laxe, Mazaricos, Coristanco, Esteiro ou Outes.
Son moitas as cousas positivas que xenera este proxecto, pero quedámonos con varias cousas: Ademais da ilusión de buscarse a un mesmo e aos teus amigos nun cromo, o proxecto permite un proceso de vertebración e afirmación da identidade de toda unha comarca, a Costa da Morte, e que un de Carnota coñeza, polo nome, a un de Muxía.
Un privilexio ademais para a rapazada da comarca, porque non hai outra liga no país que conte cunha iniciativa como esta.
2 álbumes
Son 21 os clubs que participarán nos 2 álbumes que crearemos, xa que temos máis de 1.600 protagonistas:
- Un coas categorías Biberón, Prebenxamín e Benxamín mixtos.
- Outro coas categorías Alevín mixto, Infantil e Promesas/Alevín feminino.
Antes de que remate o ano o álbum volveremos realizar unha xira da presentacións, e volveremos sentirnos coma Reis Magos levando os cromos a cada vila. Volveremos ver sorrisos como estes: