Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Álbum do #Fútfem Galego crea referentes femininos

Gala do Album de Cromos do FútFem Galego
Primeira mesa da Gala do Álbum FutFem
O Álbum do #Fútfem Galego crea referentes femininos

Esta pasada noite de martes 21 de decembro de 2021, o Centro Ágora da Coruña acollía o nacemento do primeiro Álbum de Cromos do Fútbol Feminino Galego. Unha iniciativa pioneira en toda España, desenvolta polo diario da Costa da Morte Quepasanacosta, a empresa especializada Sportcrom, coa colaboración de Rocío Candal, que trata de “afianzar, máis que impulsar, a revolución do #Futfem a nivel mundial dende a nosa esquina do occidente europeo”, como explicaba Ubaldo Cerqueiro, responsable do diario costeiro.

Un centenar de persoas, nomeadamente moitas das protagonistas, achegáronse para ver nacer este singular proxecto que converte en estrellas 600 xogadoras de 26 equipos do fútbol galego (dende o Dépor Abanca da Reto Iberdrola, pasando polos equipos de 1ª Nacional e 1ª Galega, ademais dos equipos do Fútbol da Costa da 2ª Galega), así como as árbitras das categorías. Tamén teñen o seu espazo as estrellas que xogan na Liga Iberdrola e nas Ligas Internacionais, como Vero Boquete, a xogadora do AC Milán, que dá imaxe ao álbum. Unhas estrellas que servirán de espello para que as nosas rapazas non teñan que fixarse sempre nos Messi ou Mbappé.

Gala do Album de Cromos FutFem Galego

Viaxe no tempo

A Gala convertiuse unha viaxe temporal pola historia do Fútbol Feminino coruñés, focalizando nas experiencias vividas no Club Karbo e no Club Sal Lence, dous dos pioneiros na materia que ademais foron referentes a nivel estatal nos anos 80 e 90. Rocío Candal moderou a primeira mesa que contou con Lis Franco, a xornalista histórica xogadora do Karbo, que contou as súas historias de “envexa” cando era nova e o seu compañeiro de balón en Manresa tivo a posibilidade de probar na Masía. "Eu nin podía ter ese soño”, valoraba, en contraposición co momento actual: "O mellor equipo de España foi sempre o Karbo, eramos unha selección. Pero agora Este FC Barcelona é doutra dimensión".

Ao seu carón, a Concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez; a Deputada de Igualdade e Normalización da Deputación da Coruña, María Muíño; e o Deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra Gorka Gómez, explicaron por que apoiaron dende o comezo o proxecto, coa adquisición de packs de álbum e cromos para repartir entre as novas xeracións de cada territorio. A capacidade do fútbol, e singularmente deste proxecto, para achegar a igualdade a todos os currunchos da sociedade foi fundamental.
Puxeron sobre a mesa o fundamental papel dos medios de comunicación, e animaron a que as administracións lideren o camiño que queda por percorrer.

Un pouco de humor

Marta Doviro na Gala do Album Feminino

A actriz e presentadora Marta Doviro, que nos deleitou con algunhas das súas futboleiras “Historias dunha rapasa Costa”. Marta Doviro: "Ata hai pouco as mulleres só saían nun calendario se estaban en pelotas. Gracias a este proxecto, saen con pelotas!”

As máis novas, xa teñen referentes femininos

Gala Album Cromos Futfem 1

A segunda mesa-debate, xa enfocada ao fútbol actual, serviu para decatarnos dunha cousa: Referentes como Tere Abelleira ou a propia Cris Oreiro xa substitúen aos Messi ou Mbappé para as xogadoras máis novas. Así o comprobamos coas respostas da María Calvo, capitana do Dépor B, Iria Santos, xogadora do Victoria CF, ou Daniela Alginas Orzán SD e Beatriz Cuesta Arribas, árbitra de Liga Iberdrola.

Ás novas xeracións ratificaron ademais o que avanza a sociedade en canto aos insultos ás xogadoras, e foi a colexiada a que valorou o que cambiou o mundo do fútbol feminino en apenas 5 anos. Unha idea deixou tamén Iria Santos, destacando que o Futfem está moito máis desenvolto nas cidades que no rural.

Despedida dende Milán

A imaxe do proxecto, Vero Boquete, unha das grandes referentes do fútbol galego e estatal, enviou este vídeo dende Milán:

 

Pechou Rocío Candal cunha "mensaxe reivindicativa pero esperanzadora. Seguimos damos pasiños, pero xa estamos aquí e viñemos para quedar". 
 

Primeiros cromos á venda

Ao remate, as xogadoras protagonistas presentes recibiron o seu álbum (o resto serán entregados a través dos clubs), e xa puideron comprar os primeiros sobres e intercambiar as primeiras repes. Serán os propios clubs os que xestionen a venda dos cromos, e ademais a organización conta cun correo para facer pedidos ([email protected]).

O proxecto conta coa colaboración de entidades como a Deputación da Coruña, a Deputación de Pontevedra, o Concello da Coruña, o Concello de Carballo, o Concello de Mazaricos, o Concello de Malpica, o Concello de Santa Comba, a Real Federación Galega de Fútbol; ou de empresas como Productos Cárnicos Domínguez, Saunier Duval, Artio, Centro Comercial Finisterrae, Oe+, Estación de Servio Bazarra, O Semáforo de Fisterra e o Hotel Faro de Lariño.

Comentarios