Ameixenda-Monte Louro, un duelo de urxencia na Liga da Costa
Óscar Leis e Julio Vila cos cromos do seu homónimo Este vindeiro domingo, o Sampaio dos Refoxos acolle un encontro a vida ou morte no que dous dos equipos máis necesitados da Liga da Costa como son o Ameixenda e o Monte Louro se ven as caras nun partido de urxencia e de vital transcendencia para acadar o obxectivo. Neste encontro, tamén haberá se enfrontarán dous amigos, ademáis de compañeiros no fútbol base no Dumbría, como son os adestradores Julio Vila e Óscar Leis, quenes analizan a actual situación dos seus equipos e tamén, este partido que pode deixar moitas cousas en claro de cara a esta segunda volta da Liga da Costa.
Os protagonistas
Julio Vila, adestrador da SD Ameixenda
- QPC: A que cres que se debe que o teu equipo esté nunha situación tan desfavorable a estas alturas de tempada na Liga da Costa?
Julio Vila: A situación do equipo pódese achacar a moitas razón: falta de experiencia na categoría, pagar a novatada, as baixas de xogadores que axudaban na estructura do equipo e os rivais que non perdoan os teus posibles despistes. Segunda xa é unha categoría onde te encontras rivais con certa entidade e tes que competir moi ben tanto no plano defensivo como no ofensivo e nós non acabamos de afinar. A isto hai que sumar que a asistencia as sesións de adestramento non é a que nun principio esperabamos todos e así faise aínda máis difícil mellorar. Ás veces máis que adestrar facemos un labor de cohesión de unión, que o grupo non vaia por libre. E aínda así é dificultoso.
- QPC: Cres que seredes capaces de reconducir a traxectoria do equipo para acadar a permanencia?
Julio Vila: Agora mesmo, o obxectivo e saír competir coa mellor predisposición posible e intentar ir metendo xente nova dentro do que se poida. Desde a directiva danme todo o seu apoio e así como noutros equipos de seguro que os adestradores teñen un obxectivo posiblemente máis ambicioso, nós vamos intentar primeiro competir mellor e despois se imos sumando xa iremos vendo as nosas posibilidades. Pero de seguro que aínda imos dar algunha sorpresa. Q
- QPC: Esta vindeira fin de semana enfrontádesvos a un rival directo pola permanencia como é o Monte Louro, co cal perdestes na primeira volta por 2-0. Como afrontades este encontro de vital transcendencia?
Julio Vila: O partido é de vital importancia, que dúbida cabe. Como acabo de dicir, nós imos competir coa mellor predisposición posible e intentar non quedar descolgados na última posición case de maneira definitiva. O mesmo lles pasará a eles. En Louro, eles foron mellores e acadaron os tres puntos. Nós intentaremos devolverlle a moeda e de paso metelos na loita con nós.
- QPC: Que opinión tes sobre o teu amigo e compañeiro no Dumbría, Óscar Leis, ao cal te enfrontas nos banquiños este vindeiro domingo no Ameixenda-Monte Louro?
Julio Vila: Óscar Leis e Diego Lobelos abriron un camiño no fútbol da Costa da Morte que outros desde a distancia envexabamos e agora, preto deles, admiramos. Eu só teño palabras de agradecemento. Óscar axudoume desde a distancia e anónimamente no pasado e agora, tanto en Dumbría como compañeiro no fútbol base e como rival en Segunda só podo ter boas palabras. Niso melloramos moito no fútbol da Costa. Somos máis cordiales uns cos outros e quitando os partidos onde nos enfrentamos, todos nos axudamos a todos. En Louro, Óscar fai un traballo excepcional e o igual ca min e ca máis compañeiros ao traballo meramente deportivo súmalle o social, o de manter o grupo e intentar que os seus coñecementos sirvan para competir o mellor posible e así acadar o obxectivo do clube.
Óscar Leis, adestrador da UD Monte Louro
- QPC: A que cres que se debe que o teu equipo esté nunha situación tan desfavorable a estas alturas de tempada na Liga da Costa?
Óscar Leis: Son varias as circunstancias que nos levaron a esta situación, a cal consideramos que por merecemento debería ser outra distinta. Ofensivamente aínda que xeramos ocasións non tivemos efectividade de cara o gol e en cambio defensivamente, aínda que nas últimas xornadas melloramos nesta faceta, si que nalgúns momentos encaixamos goles evitables. Unha circunstancia que nos fixo moito dano, foron as numerosas lesións que sufrimos e que nos mermaron moito sobre todo na parte ofensiva. Ademáis, a sorte tamén nos foi esquiva marchándonos puntos en varios partidos na última xogada do partido como ante o Ponteceso e o Buño.
- QPC: Cres que seredes capaces de reconducir a traxectoria do equipo para acadar a permanencia?
Óscar Leis: Non só o creo, senón que estou seguro de que sairemos desta situación. Confío plenamente nos nosos xogadores e a pesares da situación, que non é a que desexamos, estou contento co esforzo dos rapaces e a implicación, aínda que todo é mellorable. Debido ás baixas por lesión, en moitos casos tivemos que tirar de rapaces con molestias que se puxeron a nosa disposición para axudar ao equipo aínda non estando nas mellores condicións fisicas. Debemos mellorar varias cousas e traballar máis que nunca para cambiar a nosa dinámica. Nas tres últimas xornadas empatamos e o parón veunos ben para recuperar efectivos e traballar sobre os aspectos a mellorar.
- QPC: Esta vindeira fin de semana enfrontádesvos a un rival directo pola permanencia como é o Ameixenda, ao cal vencestes na primeira volta por 2-0. Como afrontades este encontro de vital transcendencia?
Óscar Leis: Iniciamos a segunda volta ante un equipo nunha situación similar á nosa. Como dixen antes, o paron veunos ben e afrontamos o partido con ganas e ilusión, como temos que afrontar todos os que nos quedan ata o final para lograr o obxectivo que nos marcamos o inicio da tempada, a salvación.
- QPC: Que opinión tes sobre o teu amigo e compañeiro no Dumbría, Julio Vila, ao cal te enfrontas nos banquiños este vindeiro domingo no Ameixenda-Monte Louro?
Óscar Leis: De Julio só podo falar ben, como persoa, formador e adestrador. A verdade é que me sinto afortunado de poder compartir con el tantas horas de fútbol, o cal me permite seguir formándome e aprendendo, pois é unha persoa con moitos coñecementos deste deporte. Creo que o mellor que nos levamos do fútbol son os amigos que imos facendo polo camiño e de paso, tratar de aprender de todos eles. El está á fronte do Fútbol8 en Dumbría e xunto co resto de adestradores nestas categorías base, está a realizar un traballo espectacular, de feito que xa comezamos a ver o froito deste bo traballo e que nun futuro nos reportará moitas alegrias. Na Liga da Costa, estamos os dous a vivir unha situación similar pelexando polo obxectivo da salvación e ogallá ambos poidamos logralo.