Venres. 26.04.2024
El tiempo

Cambio de timón na directiva do Fisterra

  • Analizamos as novidades noutras directivas do fútbol costeiro como San Lorenzo, Lira, Baio, Xallas…
Directivas da Costa
Directivas da Arriba á esquerda, Sergio Insua, que se postula como candidato á presidencia do Fisterra; abaixo Chino, novo e retornado presidente do CD Baio; á dereita a nova directiva do CF Lira
Cambio de timón na directiva do Fisterra

Mes de xullo e sempre pasa o mesmo no Fútbol da Costa. As directivas levan moito tempo cansas, de tanta crítica dende fóra e tan pouco apoio dende dentro, e deciden dar un paso a un lado. Unha demostración do importante e do meritorio do traballo na sombra desas xentes que fan todo para que 22 rapaces boten unhas patadas ao balón cada domingo.

Facemos un repaso dos últimos movementos en varios equipos da zona, cando queda pouco para que o 18 de xullo haia que ter escrito aos equipos na competición:

Fisterra

Trala disputa da fase de Ascenso á categoría nacional e a consecución da permanencia na Preferente, tralo título da cuarta Copa da Costa da súa historia, a SD Fisterra ten que asumir un cambio de rumbo. O seu presidente, “Veneno”, ten que deixar o cargo por motivos familiares, e deixa o club nunha situación inmellorable, cun superávit de 15.000 euros e unha masa social absolutamente envorcada co equipo.

Tamén o deixa o Tolo. O Director deportivo conseguiu gañar “a súa” Copa, como lla quixeron dedicar os xogadores, facendo un equipo de máxima calidade para unha categoría tan potente como a Preferente. O fisterrán necesita descansar despois do seu esforzo e dedicación.

En calquera caso, desta volta non parece que vaia haber problemas para que haia relevo. Xa está presentada a primeira candidatura comandada por Sergio García Insua. O que xa é presidente dos Veteranos espera á asemblea do vindeiro venres 22 para ver se hai outra candidatura (non se descarta na vila) para presentar un proxecto que “intentará que o traballo destes dous últimos anos da directiva que non acabe no lixo”. “A miña idea é recuperar a xente da casa, e, sobre todo apostar pola base, e volver facer equiopos cadetes e xuvenís”, explícanos Insua. Ata cadetes seguiría mandando Fran, e Insua ocuparíase de xuvenís, maiores e veteranos, nun ano que se perfila moi difícil polo listón tan alto que deixa a directiva actual.

En canto ao plantel, certo é que Copa da Costa impediu facer unha planificación ordenada do curso que vén, polo que estas semanas está a haber unha avalancha de ofertas para pescar no río revolto da fin da terra. Moitos xa se despediron polas redes sociais como os propios adestradores Juan Porrúa e Juan Cabrejo (o club xa traballa en nomes que coñecen a casa para asumir o reto), pero tamén os Julián, Víctor Casais, Cea, Aarón Fdez… Haberá que ver que acontece co resto de xogadores que traía o Tolo, como son Pablo Vigo (un dos 3 mellores defensas da Costa tivo un bebé xusto o día da final da Copa da Costa, e por iso non puido xogar), Capelo, Iván Bouzón, Buguy, Diego Cespón…

Quedan, iso si os da casa, comandados por Adrián Makaay que xa refrendou o seu compromiso co novo proxecto como capitán do barco, se ben outro dos capitáns como é Aarón López xa hai tempo que anunciou a súa retirada.

Xallas

Un dos equipos onde mellor se ve o complicado que é traballar nunha directiva. Este pasado venres, a directiva dirixida por Bea daba un paso a un lado, e esperan que este venres 15, ás 19:30h haia alguén que tome o relevo.

Baio

Houbo que lanzar dúas alarmas para que o Baio non desaparecese. Tralo gran traballo realizado pola presidenta Rebeca Facal (cansa da falta de apoio, pero demostrando unha profesionalidade difíficl de igualar), colle o relevo un veterano. “Chino“ (Manuel Mouzo), volve tomar o mando do decano do Fútbol da Costa.

Lira

Por Lira, trala dimisión de Anxo, o relevo chega ca directiva formada por Alba como nova presidenta, acompañada do seu equipo directivo: José Figueira, vicepresidente; F. Javier Saborido, secretario; Manuel Sendón, tesoureiro; e Christian, Raúl ,Fran e Manolo do Rato como vocais.

San Lorenzo

No equipo de Verdillo tamén hai novidades, cunha directiva formada por xente nova e máis veterana, pero todas que coñecen ben o club. Dani Fuentefría será o presidenta, con Dolores Viña como vicepresidenta, a Delegada do Ano do Fútbol da Costa Marta García será a Tesoureira; Sergio Gómez o secretario,; e como vogais Diego Varela, Daniel Cotelo, Alberto Mato, Luciano Fernández, Pablo Díaz, Sergio Collazo, Brais Cancela, Noelia Reyes, Sara Fuentefría, Ricardo Pena e Javier Vázquez.

Comentarios