Carballo reivindica a “Irmandiña” cunha exposición sobre a Selección Galega
A mostra está composta por vinte paneis nos que se fai un percorrido polo pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a prol das seleccións nacionais galegas, ademais da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional. “Temos os exemplos de Gales ou Escocia, e aquí en Galiza o do fútbol gaélico, que compiten internacionalmente. No deporte somos unha potencia. Nos xogos olímpicos brillamos con luz propia, e a pesares das seis medallas e nove diplomas, Galiza non existiu: non puido exhibir a súa bandeira nin soou o seu himno”, argumentou Anxo Louzao. O representante de Vía Galega reivindicou o dereito a que un/ha deportista “cando gaña poida exhibir a súa bandeira e poida escoitar o seu himno”.
O alcalde de Carballo lembrou que o noso concello foi escenario de competicións como o Torneo 4 nacións, que instou á federación galega a recuperar, ou o partido de balonmán Galicia-Arxentina.