Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dani Barcia a nova promesa do fútbol galego, campión de España e internacional coa Sub19

Dani Barcia con Noel e Trillo na Seleccion
Dani Barcia, segundo pola esquerda, con Santi Denia, Noel e Trillo na concentración da Selección Española sub19
Dani Barcia a nova promesa do fútbol galego, campión de España e internacional coa Sub19

Daniel Barcia Rama é unha nova promesa do fútbol galego, foi unha peza crave no Deportivo xuvenil que gañou a liga de División de Honor e a Copa de Campións. O mozo xogador de 18 anos, de familia cabanesa, que acaba de asinar o seu primeiro contrato profesional co club ata o 2024 debutou xa coa selección nacional Sub19. foi convocado xunto a dous compañeiros, tamén canteranos, Trilli e Noel; todos eles cunha traxectoria de máis dunha década de formación na cidade deportiva de Abegondo. Ás ordes do seleccionador nacional da Sub19, Santi Denia, o mozo xogador concentrouse na cidade alicantina de Alfaz do Pi para participar en dous partidos amistosos contra México. O estadio olímpico da Nucía e o estadio Guillermo Amor de Benidorm acolleron as vitorias do equipo español.

Dani Barcia ca Seleccion Espanola

”Foi unha experiencia única. Ata agora, unha das mellores que teño porque non se representa ao teu país todos os días. Foi unha recompensa a todo o traballo que levo facendo e, sobre todo, á perfecta tempada que fixemos o equipo en equipo. Cando vin que estaba na lista definitiva non mo cría e, tras asimilalo, estaba feliz e eufórico. Xa na concentración, realizamos varios adestramentos antes do primeiro partido e un cúmulo de sensacións invadíronme. Xa no partido, xogar de titular, co himno soando, o campo perfecto e cheo, o bo partido que fixemos, a vitoria 5-1, todo era impresionante. Foi unha experiencia que soñaba desde pequeno, que se fixo realidade e que espero teño a oportunidade de repetir”.

Dani Barcia reside no Temple cos seus pais Toni e Sandra e a súa irmá Lucía. Do seu pai, tamén futbolista de mozo, cre herdar a xenética futbolística e do seu veciño, un campo de fútbol, a motivación. Tanto este campo vecinal, como o do Atlético de San Pedro onde comezou como prebenxamín, recordan con agarimo as primeiras patadas deste estudante de Ciencias da Actividade Física e o Deporte (INEF) que, aínda que recoñece que o fútbol é un deporte sacrificado, gustaríalle estar relacionado con el no futuro.

”Adestro case todos os días da semana e xogo os fins de semana. Esta disciplina deportiva implica estar moito tempo sen a familia e os amigos e pouco espazo ou ningún queda para gozar doutras afeccións. Cando era máis pequeno dedicaba o meu tempo libre a xogar ao fútbol; hoxe en día, ese pouco tempo dedícoo a desconectar del. É difícil. Hai momentos duros nos que unha contorna próxima que che apoie é primordial. A miña familia é o soporte moral fundamental que mantén a miña mente sa para afrontar o día a día”.

Dani Barcia nun Depor infantil

10 anos de convivencia na cidade deportiva de Abegondo crea lazos e fortalece amizades. Un punto de encontro onde os traballadores das instalacións e dos diferentes equipos, ademais dos compañeiros de batalla, conforman unha segunda familia.

”Sempre tiven un gran compañerismo ao meu ao redor pero, principalmente, o grupo da tempada pasada. Todos eramos un. Con algúns compañeiros levo seis anos compartindo risas, momentos bos e malos, triunfos e fracasos, viaxes, vestuario… Na selección, con todo, foi a miña primeira vez. Fómonos coñecendo aos poucos. É un bo grupo e traballan connosco para crear esa unidade necesaria de equipo, de vestuario, de compañeiros, de amigos”.

Depor Campeon Xuvenil

David Lagar é o segundo adestrador e analista do Fabril, segundo equipo do Deportivo. foi e segue sendo unha das persoas que acompañou ao defensa central no proceso de formación desde os seus comezos en benxamíns.
”Dani Barcia pertence á primeira xeración da historia do club nesa categoría. É zurdo e sempre destacou, ademais de polo seu físico, pola súa intelixencia á hora de anticiparse e situarse defensivamente. Ten boa capacidade de pase medio, o que lle permite filtrar pases coa tensión adecuada. Como todos os mozos, aínda ten moito marxe de mellora e, soamente, a través de traballo e estar concentrado para aprender algo cada día, pódeo conseguir”.

Este novo talento deportivo ten as ideas claras e sólidas. É un traballador constante con pequenos descoidos de vagancia, como el mesmo narra. Encántalle gozar da familia, dos amigos e da comida aínda que de forma sa e saudable, ata se atreve a crear os seus propios pratos. De carácter alegre e tranquilo, os nervios non lle invaden nin rompen o silencio interior e observador que lle caracteriza. Gañar facerlle sentir unha das mellores sensacións posible e das derrotas, aínda que son frustrantes, sempre lle exprime unha crítica construtiva: “hai que mellorar que aínda queda moito camiño”.

Sergio Ramos foi o seu referente ata hai pouco. Agora fixa a mirada nos diversos centrais como Dijk, Laporte, Encomia... Competir axúdalle a mellorar día tras día e os retos a superarse e alcanzar metas. Os seus compañeiros son o máis importante, o traballo en equipo un apoio moral imprescindible e as vitorias en grupo moito máis satisfactorias. Dani Barcia, o zurdo defensa central, é unha nova promesa do fútbol cos pés na terra e a mirada no fútbol profesional, centrado en dar o mellor de si para chegar ao primeiro equipo e estar presente nas futuras convocatorias da selección e no europeo.