Venres. 04.10.2024
El tiempo

Días de despedidas nos banquiños e despachos do Fútbol da Costa

David Velo deixa o Castriz
David Velo deixa o Castriz en 2ª
Días de despedidas nos banquiños e despachos do Fútbol da Costa

Cada ano por estas datas estamos nas mesmas. Revolución nas directivas e baile nos banquiños. Dous casos diferentes, pois se ben as directivas son traballos altruístas e non pagados (normalmente ao contrario), o posto de adestrador cade vez está máis codiciado.

Cambios nos banquiños

Apenas un día despois da eliminación do Castriz da Copa da Costa, o cadro xalleiro anunciaba o cese de David Velo, un adestrador que levou ao equipo de volta á 2ª Galicia tras practicamente 3 meses sen perder partido, ademais de metelo nos Cuartos da Copa, quedando eliminado ante todo un Corme, co que competiu moi dignamente.

Ao tempo, o Lira anunciaba que Diego Lobelos non seguirá o vindeiro ano, despois deste convulso curso no que o equipo tardou moitísimo en conformar un grupo estable e estivo ao fío dos postos de descenso. Lobelos está estudando novas posibilidades unha vez que xa houbo algún equipo que contactou con el e que lle ofrece o equipo sénior e un de base, unha proposta moito máis apetecible para o adestrador fisterrán.

Tamén deixa a que foi a súa cada durante estes dous anos o adestrador carballés Adrián Lema. Un Lema que levou ata a pole position de favoritos da Liga da Costa ao Muxía, e que agora buscará novos desafíos.

Tamén anuncia o Unión Club Cee que Roski, e o seu segundo Alberto, non seguirán para a vindeira temporada.

O primeiro movemento completo protagonízao Pablo Mallón, que cambia o banco do San Lorenzo, onde estivo estas dúas últimas campañas, polo do Ponteceso, onde Mato xa anunciara que o deixaba.

Outro que deixa o banco é Bibi, adestrador deste novo Muros que en dous anos conseguiu un ascenso (como vemos, manteado nesta foto inferior) e unha traballada permanencia na Liga da Costa.  

Bibi manteado polo Muros

Cambios nas Directivas

Zas

Por Zas xa é o terceiro ano que intentan atopar o relevo. Os dous anos pasados foi imposible atopar relevo a estra directiva algo desgastada, pero esperan que este ano sumar xente o seu proxecto. Pero o pasado sábado celebraron a segunda asemblea pero apenas se presentaron 3 socios (máis 1 da primeira cita), dos 300 socios que ten o club.

O presidente Manuel Corzón, está moi queimado, e comproba como desmolariza ver como como ano tras ano os apoios dos socios e veciñanza son moi poucos. Roberto Mouro está intentando convencer ao presi, e xa hai un grupiño que ten gañas de aportar.

Baio

Os seus veciños de Baio teñen tamén este sábado asemblea, e polo de pronto non parece que haia algún grupo interesado en coller o mando desta nave. Unha nave que dificilmente podería levar mellor rumbo, tal e como van as cousas no fútbol costeiro. A actual directiva, comandada por Chino (xa leva 10 anos na directiva, 8 como vice e 2 como presidente), está algo cansada de críticas que consideran inxustas, pero tamén deixa claro que tería gañas de continuar, con algo máis de xente no barco. “Este é o momento de facer a asemblea, porque xa hai xogadores que xa están recibindo ofertas, e hai que poñerse a traballar para a vindeira temporada”. Afirma que estará encantado de axudar en todo o que poida a quen teña gañas de coller o timón.

Xallas

Por Santa Comba, chegou a hora de Pedro, que leva preto de 20 anos na directiva, e un ano como presidente nesta última . O actual presidente presentou a súa dimisión, ateigado polo seu traballo na hostalería. “Eu querole moitísimo ao Xallas, pero o traballo e o traballo. Teño a decisión máis que tomada. Necesítase un cambio, polo ben do Xallas é que desapareza”, asegura.
A Asemblea será o 21 ás 21:30h, e parece que podería haber un grupo novo de xente interesado.

Baíñas

Por Baíñas necesitan un relevo para a presidencia. Víctor Muíño métese de cheo na vida política municipal vimiancesa (entra como edil na corporación como membro do PSOE) polo que “non podemos estar a todo”.

Este mércores hai asemblea a ver se nombra un novo presidente. O que está claro é que o club, tras 7 anos de vida, non vai desaparecer. Toda a actual directiva está comprometida e aí seguirán os Tasky (que pode que sexa o que teña que afrontar a presidencia), Pablo Muíño, Chambón, Cristian, Esteban… pero ao seren moitos tamén xogadores, necesitan xente para sumar como directivos. A ver que pasa tamén con Juan Silva, que podería volver á disciplina do club verde.

Muxía

Tamén este mércores hai asemblea en Muxía, para analizar como afrontar a dimisión do presidente Álvaro, o gran valedor do empuxe deste equipo nos últimos anos, que conseguiu convencer a ducias de xogadores para volver á súa casa e formar un equipo que aspira mesmo a subir á 1ª Galicia. Álvaro ten abondo na hostalería coa ampliación do seu novo negocio e non ten o tempo necesario para adicarlle ao club.

En principio, parece que se presenta unha candidatura con xente que xa estaba no club, comandada por Juan José (o pai de Julián) como presidente, contando con varios membros da casa.

Pero hai un ruxe ruxe de que hai outra candidatura que se pode presentar, polo que habería que convocar eleccións en vindeiras datas.

Novas relacionadas

Comentarios