domingo. 08.06.2025
El tiempo

O Dumbría, campionas da Copa da Costa feminina, tras vencer na quenda de penaltis ao Muxía

Final Copa da Costa feminina 2025-Lissette tras parar o penalti final-Foto-Jorge Castro-Dumbria Campion
O Dumbría erguendo o título de Campión da Copa da Costa Fem 2025-Fotos: Jorge Castro
O Dumbría, campionas da Copa da Costa feminina, tras vencer na quenda de penaltis ao Muxía

Vestiuse de Gala o San Paio de Refoxos para acoller a doble final da Copa da Costa, máis que nunca, a gran festa do Fútbol da Costa. E a tarde comezaba co partido feminino, cun ambientazo e máis de 1.000 nas bancadas.

As afeccións repartíanse por bancadas, coas Corviñas enchendo de vermello a bancada norte, e a familia dumbriesa tinguindo de branco a zona sur. Perfecta a organización da nova directiva da Unión Club Cee que tivo un bo desafío para comezar a súa andaina.

Final da Copa da Costa Feminina 2025-afeccion Dumbria
Afección do Dumbría. Fotos: Jorge Castro
Final da Copa da Costa Feminina 2025-Afeccion Muxia
Afección do Muxía. Fotos: Jorge Castro

No futbolístico, partidazo de área á área, cun Muxía que fixo unha grandísima final, sendo mellor sobre todo na segunda metade, que se tivo que decidir na quenda de penaltis.

A sorte, e as paradas de Lissette, levaron ás de Santi Lira a levantar o seu primeiro título copeiro, tras caer o ano pasado, tamén na lotaría dos penaltis, ante o Xallas.

Dumbría - Muxía (1-1)

Final da Copa da Costa Feminina 2025-11 do Dumbria
Plantel dumbriés. Foto: Jorge Castro
  • Dumbría: Lissette, Noa Forján, Mai, Carril, Sabela (Lara, m.62); Kelly, Paula Faindño, Yoli (Mariña, m.60), María (Carla, m.80), Eva e Claudia Cundíns.
Final da Copa da Costa Feminina 2025-11 Muxia
Plantel muxián.-Foto: Jorge Castro
  • Muxía: Vero, Andrea Piroja, Nerea Pazos (Nuria Mouzo, m.75), Marta, Raquel, Patri Romaní, Ana, Barca, Elsy, Andrea Insua, Claudia (Nerea Barrientos, m.64).
  • Goles: 0-1, m.39: Claudia tras un rexeite de Lissette a centro de Barca; 1-1, m.45: Paula Fandiño transfroma unha falta dende 40 metros.
Final da Copa da Costa Feminina 2025-colexiadas
Patri Romaní e Paula Fandiño, as capis de Muxía e Dumbría, xunto coas colexiadas Aisha González, Xiana Barbeira, Andrea Barbeira e María Pérex Rojo

Fermoso partido o vivido en Cee, moi igualado, cheo de idas e vidas. Comezaba o choque co Dumbría tendo o vento a favor, pero sen un dominio claro, tendo ocasións nas dúas. A primeira aproximación foi da man de Eva Lema para o cadro de Santi Lira, pero pouco despois tras unha boa xogada por banda dereita, Barca lanzou unha semivaselina que se foi por pouco a carón da meta de Liss.

O Muxía formulaba unha marcaxe individual pegaxosa de Elsy a Fandiño e de Nerea Pazos a Eva Lema,intentando que Patri Romaní tomase o mando de operacións. Non tiña moita continuidade a capi vermella pero cando tocaba o balón saía maxia das súas botas.

Ían chegando as ocasións nun vibrante ida e volta. Aínda non se cumprira Eva Lema protagonizaba un xogadón pola banda esquerda, tirandodous canos pola banda esquerda e mandando ao longueiro. Pero non paraba o partido, e de contado respondía o Muxía cunha xogada entre Barca e Patri que Andrea rematou en boca de gol pero fixo un paradón Lissette.

Final da Copa da Costa Feminina 2025-Patri e Evaç
Patri Romaní e Eva Lema. Foto- Jorge Castro

O Muxía pedía un posible penalti por mans na área dumbriesa que non viu Andrea Vilar, e na contra do Claudia Cundías cedía demasiado frouxo para Sabela. Nada máis voltar da pausa de hidratación, de novo Claudia Cundíns, que as tivo de todas as cores, mandaba o segundo balón ao longueiro da meta de Vero.

Corría o m.39 e tocáballe apretar ao Muxía, e era Claudia aproveitaba un despexe de Lissette a un centro de Barca para poñer o 0-1 no marcador no San Paio, para delicia da parroquia Corviña.

Pdero ao fñío do descanso, aparecía Paula Fandiño para deixar a súa pegada, cun golazo de falta dende 40 metros, e dun lateral, para superar por arriba a Vero e poñer o empate no marcador.

Final da Copa da Costa Feminina 2025-Gol Claudia
Claudia marcando o gol muxián.Foto.Jorge Castro

Parecía que ía sufrir o tanto o Muxía, pero todo o contrario. As de Isma Pose saíron presionando arriba, moi decididas e non deixaron saír ao Dumbría en toda a segunda metade, que sufría en contra do vento. Avisaban as Corviñas pero tamén Eva, coa caña, puxo en apretos a Vero.
Estirábase pouco a pouco o Dumbría e corría o m.25 cando un cambio de xogo de Paula Fandiño deixaba soa a Claudia Cundóins que superaba a Vero por baixo pero o balón saía lamendo o pau. Na seguinte xogada Paula Fandiño probaba dende lonxe coa esquerda pero atallaba ben abaixo Vero. Pero respondía de contado Barca tirando dende unha esquina da área salvando de novo Lissete.

Seguía dominando territorialmente o cadro muxián, pero á contra, tivo outra Claudia Cundíns tras outro pase espectacular de Fandi que parou Vero cunha man salvadora. Non paraba o partido e á volta, xogadón de Patri monumental pero o seu pase final foi cortado por unha providencial Fandi.

Estivo o partido nunha triple ocasión no m.85 para o Muxía. Un balón para Nerea Barrientos acababa no córner, no que Barca mandaba un golpeo precioso con rosca ao segundo pau, e no rexeite obrigaba a Lissette a salvar abaixo a un tiro de Andrea. Ademais, no seguinte córner tivo Raquel o gol no segundo pau.

Remataban os 90 minutos, e a final tivo que decidirse na quenda de penaltis. Acertaban as primeiras xogadoras, pero Lissete atallaba o cuarto tiro das muxiáns, lanzado por Raquel. Tivo Claudia Cundíns o penalti para sentenciar, pero non tiña o seu día a da Ponte do Porto.

Así e todo, volveu aparecer Lissette, a gran heroína na tarde, parándolle o 5º penalti a Elsy, e proclamando ao Dumbría primeira vez campionas da Copa da Costa, despois de perder o ano pasado, tamén na lotería dos penaltis, ante o Xallas a súa primeira final.

Final Copa da Costa feminina 2025-Lissette tras parar o penalti final-Foto-Jorge Castro
Lissette tras parar o penalti final-Foto-Jorge Castro
   
Final Copa da Costa feminina 2025-Lissette tras parar o penalti final-Foto-Jorge Castro-Muxia subcampiona
O Muxía celebran do o subcampionato-Foto: Jorge Castro
Final Copa da Costa feminina 2025-Lissette tras parar o penalti final-Foto-Jorge Castro-Dumbria Campion 2
O Dumbría celebrando o título coa súa afección. Foto: Jorge Castro

Máis novas

Comentarios