O equipo técnico das Seleccións da Costa amosan o seu apoio a Corredoira
Este pasado mércores 6 de marzo, Manolo Corredoira presentaba a súa dimisión como adestrador do Sporting Zas. Unha situación que se deu tras numerosas queixas de varios clubs pola dualidade de funcións do actual SubDelegado da RFGF na Costa.
Parece peregrino vincular pequenos erros nas arbitraxes cunha hipotética man negra da subdelegación, pero a situación tornábase dificilmente sostible, e a directiva do Zas, farta de “criticas, inxurias, inxustizas, mentiras e sobretodo desprestixio que este home leva a sufrir desde fai uns meses”, aceptou a decisión, apoiando ao máximo ao seu “eterno míster”, e escolle a José Barca como substituto.
Este é o comunicado que envían os compañeiros nas Seleccións.
Comunicado de apoio a Corredoira
A familia das Seleccións comarcais da Costa da Morte, todos os que formamos parte do grupo de traballo tanto do combinado sub12 como do sub15, queremos amosar o noso apoio incondicional a Manuel Corredoira ante as inxustificadas críticas que lle obrigaron a presentar a súa dimisión como adestrador do Sporting Zas.
Queremos animalo para que siga traballando polo ben do Fútbol da Costa, pois é claro e notorio o gran impulso que tivo o noso deporte dende a súa chegada á Subdelegación da Costa da RFGF.
Os que traballamos con el dia a día só podemos destacar o seu traballo, ilusión e implicación, así como a súa independencia e honestidade para desenvolver as súas diferentes tarefas.
Ademais temos tamén que agradecerlle a confianza que brindou en cada un de nós para levar a cabo este proxecto magnífico e único, e a liberdade que nos deixa para desenvolver as nosas labores. Un proxecto que permite a moitos rapaces da zona vivir experiencias inesquecibles por toda Galicia, e do que el é un grandes artífices.
- Asinado: Josiño Abelenda, Martín Vecino, Adrián Varela, Jose Barca, Juan Manuel Marcote, Óscar Leis, Joaquín Quintáns e Alberto Pose.