Venres. 19.04.2024
El tiempo

Futfem: O Cee logra a única vitoria da fin de semana

Cee feminino
Cee feminino
Futfem: O Cee logra a única vitoria da fin de semana

1ª Galega, Gr. A

Bergantiños 1 - 2 Lugo

Bergantiños: Andrea; Laura, Lore, Elena, Yaiza; Alba (Carla, 86’), Inés, Noelia (Marián, 45’), Bárbara; Cruz e Pita (Lara, 65’).

Goles: 1-0, 15’: Cruz / 1-1, 34’: Irene / 1-2, 68’: Irene.

Volvía o Bergantiños a competir tras a súa segunda xornada de descanso, e volvía facelo nas Eiroas, onde recibía ás líderes e favoritas ao ascenso, o Lugo. Pero as de Geli amosaron dende o inicio que nada lle tiñan que envexar ás lucenses e a intensidade da primeira parte deixou en evidencia que se trata xa dunha categoría de moito nivel. Os primeiros 45 minutos foron, para o espectador, unha delicia pese a que non se creasen ocasións claras. E aínda así houbo golazos como o de Cruz dende fora da área que non serviu para chegar con vantaxe ao descanso.

Na segunda parte si se notou xa unha baixada do ritmo debido a fatiga física, pero seguiu a estar moi equilibrado o partido cos dous equipos querendo dominar. Non obstante, nun balón en longo da defensa visitante, Irene encaraba a Andrea e non erraba. Un gol que sentenciaría ao Bergan, que pese á ofensiva final, non foi quen de crear demasiados apuros á muralla do Lugo.

Bergantiños Lugo

2ª Galega, Gr. 3

Noia 4 – 2 Xallas

Xallas: Xiana; Laura, Rita, Maite, Andreíña; Michelle (Lucía, 65’), Leti (Ali, 62’), Luchi (Yomar, 69’), Yoly; Roo (Inés, 55’) e Xastia.

Goles: 1-0, 24’: Julia / 1-1, 35’: Xastia / 2-1, 49’: Adriana / 3-1. 55’: Noelia / 3-2, 64’: Xastia / 4-2, 75’: Noelia.

Por segunda xornada consecutiva se lle volveron a facer moi largos os noventa minutos ás xallesas ante un Noia que leva pleno de vitorias e está no posto máis alto da táboa. Porque as de Rupper comezaron moi ben, coas ideas claras e sen dar facilidades ás rivais pese a que, nun disparo dende fóra da área e coa axuda do sol, se adiantaban. Pero Xastia conseguía unha igualada xusta ata o momento para ir a vestiarios.

Tras o descanso, uns malos quince minutos romperon o encontro a prol do Noia, que se volveu adiantar nun córner e que ampliou vantaxes a saída dunha falta mal defendida polas verdes. Aínda así, pouco a pouco se repoñían e Xastia volvía a acurtar distancias ata que a mala sorte se apoderou do Xallas: un tiro dende lonxe tocaba nunha defensa e desviaba o esférico ata a rede para facer o 4-2 definitivo.

Amio 1 – 1 As Miúdas

As Miúdas: Noa (Adriana, 46’); Pau, Mariña, Clara, Sofía; Uxía, Marta, Ana (París, 86’), Leti (Sabela, 35’), Lorena (Nerea, 57’); Paty.

Goles: 1-0, 24’: Noa, en propia meta / 1-1, 37’: Paty.

Non é casualidade que a primeira vez que se presenta As Miúdas cun persoal ao completo, saquen o seu primeiro punto. As de Juan Carlos por fin puideron competir de igual a igual nun encontro que non gañaron debido á mala sorte de cara a gol e de cara a súa propia portería, pois o primeiro gol o introduciu nas redes a propia Noa.

Paty era quen de empatar antes do descanso, pero aínda así As Miúdas non conseguían sacar adiante un partido que as tería sacado da zona máis baixa da clasificación e as deixaría empatadas cas súas próximas rivais, o Praíña.

Praíña Sporting 0 – 3 Cee

Cee: Noemí; Lucía Facal, Lurs, Alba, Nerea; Saray Duarte, María Lijó; Minerva (Nayara, 82’), Lucía Canosa, Andrea; Saray Caamaño (Sabela, 85’).

Goles: 0-1, 17’: Saray Duarte / 0-2, 20’: Lucía Canosa / 0-3, 79’: María Lijó.

Pouco a pouco, comeza a verse xa a ese Cee que o ano pasado se converteu nun dos equipos a bater desta segunda galega. As de Rafa e Isidro bordaron o fútbol nunha primeira parte practicamente perfecta co dominio total da posesión, con xogadas elaboradas dende atrás e de lado a lado e cunha presión moi efectiva. Así, pronto se adiantaban co gol, de falta, de Saray Duarte. E ao momento ampliaban vantaxe a través de Lucía Canosa, puidendo marcar varios tantos máis antes do descanso.

Na segunda metade, foise arriba o Praíña, que incomodou moito ás visitantes pola súa superioridade no contacto físico e nos balóns directos, aínda que non crearon demasiado perigo. A partir do 75’, cando a fatiga física apareceu, o Cee volveu ao seu e sentenciou o partido grazas a un gol de María Lijó.

Unión 2 – 0 Cerqueda

Cerqueda: Lidia; Raquel (Isa, 70’), Mónica, Saskia, Lorena; Ana; Cris (Lucía Rodríguez, 46’), Paula, Zeltia (Nuria, 76’), Eva; Naroa.

Goles: 1-0, 11’: Laura / 2-0, 41’: Marina.

Despois dun inicio fulgurante da competición, leva o Cerqueda dúas semanas nas que se está topando coa dificultade dunha categoría que amosa moita igualdade en tódolos partidos. Desta vez, as de Guillamet non atoparon o seu lugar no terreo de xogo en ningún momento do encontro e perderon, ademais esa fiabilidade defensiva que as caracterizaba.

De feito, foron dous erros propios os que propiciaron os goles locais que supuxeron unha derrota xusta pola maior intensidade do Unión. Terá, iso si, o Cerqueda, tempo para analizar eses erros, pois descansan esta vindeira semana.

F7 – 1ª Santiago

Mazaricos 0 – 0 Trazo

Mazaricos: Pedrosa; Fátima, Ánxela, Tamara; Graci, Lúa;  María. Tamén xogaron: Seijas, Katia, Daniela, Natasha e Lucha.

Chegaba o primeiro partido na casa desta tempada das amarelas e conseguiron dominalo de principio a fin, aínda que iso non lles foi suficiente. As de Borja Sueiro apenas concederon ocasións e conseguían crear apuros con xogadas moi elaboradas que iniciaba a mesma Pedrosa, pero faltou efectividade.

Graci, Ánxela, Daniela e Lúa tiveron varias ocasións, pero o gran encontro da porteira visitante impediu que se transformasen en goles. De todas formas, e como resaltan dende o propio club, deixaron moi boas sensación.

Comentarios