Martes. 19.03.2024
El tiempo

Lelo: Sempre foi unha ilusión adestrar ao primeiro equipo

Lelo dirixindo ao Corme na última final da Copa da Costa. Foto: www.diariodeportivo.gal
Lelo dirixindo ao Corme na última final da Copa da Costa xuvenil. Foto: www.diariodeportivo.gal
Lelo: Sempre foi unha ilusión adestrar ao primeiro equipo

Manuel Suárez “Lelo”, é dende esta tempada o novo adestrador do conxunto sénior do Corme, ao cal chega despois dunha exitosa traxectoria no equipo xuvenil co que acadou varios títulos ligueiros e copeiros e ao cal levou a xogar algunha que outra fase de ascenso á Liga Galega.

Agora, este cormelán faise cargo do equipo sénior para tratar de facelo de novo campión e, sobre todo, coa mesma proposta que ten o clube que non é outra que a de tirar da xente nova e da casa para garantir a continuidade desa proposta futbolística tan característica que teñen no Cairo.

Dende QPC, quixemos falar con el para que nos conte como está levando esta nova etapa á fronte do banquiño dos sénior do Corme nesta Liga da Costa que comezará este vindeiro domingo.

  • QPC: Custouche moito decidirte cando che propuxeron cambiar o equipo xuvenil polo sénior?

M.S.: A proposta non foi cambiar xuvenís por séniors xa que eu tiña falado con Suso da Torriña, a posibilidade de non adestrar este ano por motivos laborais, pero a mediados de xullo propóñenme adestrar aos séniors, e despois de falar coa familia, aceptei.

Sempre foi unha ilusión adestrar ao primeiro equipo, entón non foi difícil aceptar. O difícil foi decidir deixar os xuvenís e dicirlles aos rapaces que levan contigo catro e cinco anos que non podes seguir fíxose moi duro, e ademáis naquel momento aínda non tiñamos falado nada dos séniors.

  • QPC: Como estás levando esta nova etapa á fronte do equipo sénior do Corme CF?

M.S.: De momento coma outra tempada máis. Iso si, con máis problemas á hora de adestrar por motivos laborais ca en xuvenís e sentindo o apoio da afección dende o primeiro día.

  • QPC: Como valorarías o plantel que tes para afrontar este novo curso futbolístico que comezades o domingo ante un renovado Sporting Zas?

M.S.: O plantel do Corme é impresionante dende fai anos, non o vou a descubrir eu agora, os resultados falan por si sós. Agora mesmo, temos unha mestura de veteranía e xuventude que todo equipo desexaría.

Como adestrador teño a pena das lesións de Eloy e Aitor, dous rapaces que coñezo moi ben dos xuvenís, e que para min tiñan un papel importante neste equipo, pero temos que agardar a súa recuperación.

Lelo manteado polos xuvenís do Corme logo de proclamarse campións da Copa

  • QPC: Como viches ao teu equipo durante esta pretempada?

M.S.: En términos xerais, ben. Adestrador novo, algún xogador cambiando de posición, xente importante que non puido adestrar o que quixeramos. Con problemas de pretempada habituais que sufrimos todos os equipos.

  • QPC: Que equipos cres que pelexarán polo título desta Liga da Costa?

M.S.: Vexo unha liga moi, moi aberta a priori. Creo que Baíñas e Ponteceso polo que se reforzaron, teñen que estar si ou si; Esteirana e Muxia deberían polos planteles que teñen; e despois vexo tres equipos que se reforzaron moito e que poden meterse arriba como son o Cee, Castriz e Cerqueda. E esperemos que o Corme poida estar dando guerra.

  • QPC: E cales cres que serán os que loitarán por non descender á Terceira Galicia?

M.S.: Igual que por arriba vexo moitos equipos, por abaixo non o teño claro, xa que este ano vexo que houbo moitos cambios nos planteles. Entón creo que cando vaian unhas semanas de competición veremos quen conseguiu acoplar o antes posible aos seus xogadores.

  • QPC: Todos vos poñen coma un dos favoritos a loitar polo título ligueiro. Que obxectivo vos marcades para a presente tempada?

M.S.: O Corme está todos os anos dentro do abanico dos candidatos, e esta tempada non ía ser diferente. Por plantel deberíase de pelexar na zona de arriba, despois a competición ponte non teu sitio e este ano vexo unha liga máis reñida ca outros anos.

O obxectivo que nos marcamos e seguir na misma liña que os últimos anos, pasalo ben xogando, facer desfrutar á nosa afección sen renunciar a nada, e se consigues gañar, pois mellor.

Comentarios