Lendoiro: "Os que crearon este álbum, tiveron unha idea luminosa"
07:08 26/12/18
Monica Martinez e Lendoiro na Gala dos Cromos da Costa
A Gala do Álbum da Costa deixou unha gran sensación de potencia, de demostración do potencial social do Fútbol da Costa. Así o deixou claro o gran protagonista da noite, Augusto César Lendoiro, un dos culpables de que xentes de Santa Comba, ou da súa vila natal Corcubión, se achegasen a Vimianzo para velo e escoitalo de preto.
A zaseira Mónica Martínez dirixiu maxistralmente a Gala
Un luxo telo na bisbarra, na súa bisbarra, ademais nun formato tan cercano como o da entrevista persoal que lle fixo a súa amiga e xornalista zaseira Mónica Martínez, presentadora inmellorable da Gala.
Unha conversa que repasou os seus anos de infancia corcubionesa, ata as experiencias máis singulares vividas no máis alto do fútbol europeo.
Non podía comezar doutro xeito a entrevista que preocupándonos pola súa saúde, apenas uns poucos meses despois de que nos tivese a todos os deportivistas co corazón nun puño tras pasar 40 noites na UCI. “Aquí estou, e estou ben”, deixou claro cun aspecto estupendo e cunha boa bolsa de quilos de menos enriba.
A conversa arrincaba dende o berce. “A Costa ten algo especial”, recoñecía Lendoiro, quen a pesar de marchar a Coruña aos dous anos, pasaba as vacacións de verán sempre en Corcubión. “Eu síntome moi ben cando me din que son da Coruña, pero son de Corcubión, son da Costa da Morte, e sempre que podo fago patria, destacando varias cousas: o peixe e o marisco, as paisaxes e a xente”.
De Corcubión lembraba aqueles partidos no Campo do Rollo ou a Praia de Quenxe, ou aquel partido no Raíces onde fallou un gol tan fácil que se decatou que o seu futuro chegaría máis alto lonxe do campo, e que lle puxo o primeiro obxectivo: un campo de fútbol para Corcubión. Non parou ata que puido inaugurar en 2005 o Novo Cubaleiro, da man do entón presidente do club e da Peña Deportivosta Archilos Jano Caamaño.
Quixo destacar da súa terra a “esa tristura que ás veces nos trae o mar, como estes días, e aproveito para mandar un afectouso abrazo a todas esas familias”.
Pronto a conversa comezou a tirar cara o fútbol. “E sempre destaco tamén o Fútbol da Costa e a Copa da Costa, porque de todas as Ligas comarcais que había nos meus tempos no fútbol modesto (a das Mariñas...), a da Costa é a única que se mantén”.
Fiou os envites do mar costeiro para lembrar aquel emotivo partido da Selección da Costa en Riazor co gallo do Nunca Máis, e acordouse moito do eterno Manolín.
Preguntado por Mónica sobre QPC e sobre a iniciativa do Álbum, Lendoiro sinalou a importancia de ter un medio comarcal así de comprometido, e destacou que “o álbum é excepcional, non ten parangón en toda España. Os que pensaron tiveron unha idea luminosa, e á gran aportación dos árbitros, só lle podería incluír unha cousa máis, os directivos, utilleros... e demais xente que este detrás”.
Lendoiro falou marabillas no Fútbol da Costa