Venres. 29.03.2024
El tiempo

Lendoiro: "Os que crearon este álbum, tiveron unha idea luminosa"

Lendoiro: "Os que crearon este álbum, tiveron unha idea luminosa"
Monica Martinez e Lendoiro na Gala dos Cromos da Costa Monica Martinez e Lendoiro na Gala dos Cromos da Costa A Gala do Álbum da Costa deixou unha gran sensación de potencia, de demostración do potencial social do Fútbol da Costa. Así o deixou claro o gran protagonista da noite, Augusto César Lendoiro, un dos culpables de que xentes de Santa Comba, ou da súa vila natal Corcubión, se achegasen a Vimianzo para velo e escoitalo de preto. A zaseira Mónica Martínez dirixiu maxistralmente a Gala A zaseira Mónica Martínez dirixiu maxistralmente a Gala Un luxo telo na bisbarra, na súa bisbarra, ademais nun formato tan cercano como o da entrevista persoal que lle fixo a súa amiga e xornalista zaseira Mónica Martínez, presentadora inmellorable da Gala. Unha conversa que repasou os seus anos de infancia corcubionesa, ata as experiencias máis singulares vividas no máis alto do fútbol europeo. Non podía comezar doutro xeito a entrevista que preocupándonos pola súa saúde, apenas uns poucos meses despois de que nos tivese a todos os deportivistas co corazón nun puño tras pasar 40 noites na UCI. “Aquí estou, e estou ben”, deixou claro cun aspecto estupendo e cunha boa bolsa de quilos de menos enriba. A conversa arrincaba dende o berce. “A Costa ten algo especial”, recoñecía Lendoiro, quen a pesar de marchar a Coruña aos dous anos, pasaba as vacacións de verán sempre en Corcubión. “Eu síntome moi ben cando me din que son da Coruña, pero son de Corcubión, son da Costa da Morte, e sempre que podo fago patria, destacando varias cousas: o peixe e o marisco, as paisaxes e a xente”. De Corcubión lembraba aqueles partidos no Campo do Rollo ou a Praia de Quenxe, ou aquel partido no Raíces onde fallou un gol tan fácil que se decatou que o seu futuro chegaría máis alto lonxe do campo, e que lle puxo o primeiro obxectivo: un campo de fútbol para Corcubión. Non parou ata que puido inaugurar en 2005 o Novo Cubaleiro, da man do entón presidente do club e da Peña Deportivosta Archilos Jano Caamaño. Quixo destacar da súa terra a “esa tristura que ás veces nos trae o mar, como estes días, e aproveito para mandar un afectouso abrazo a todas esas familias”. Pronto a conversa comezou a tirar cara o fútbol. “E sempre destaco tamén o Fútbol da Costa e a Copa da Costa, porque de todas as Ligas comarcais que había nos meus tempos no fútbol modesto (a das Mariñas...), a da Costa é a única que se mantén”. Fiou os envites do mar costeiro para lembrar aquel emotivo partido da Selección da Costa en Riazor co gallo do Nunca Máis, e acordouse moito do eterno Manolín. Preguntado por Mónica sobre QPC e sobre a iniciativa do Álbum, Lendoiro sinalou a importancia de ter un medio comarcal así de comprometido, e destacou que “o álbum é excepcional, non ten parangón en toda España. Os que pensaron tiveron unha idea luminosa, e á gran aportación dos árbitros, só lle podería incluír unha cousa máis, os directivos, utilleros... e demais xente que este detrás”. Lendoiro falou marabillas no Fútbol da Costa Lendoiro falou marabillas no Fútbol da Costa

Para cando as memorias?

Mónica sacoulle unha gran primicia. “Para cando as túas memorias?”, instoulle. “Creo que para 2019 poderían saír”, respondeu para alegría de toda a parroquia branquiazul. Houbo tempo aínda para darlle turno ao público, que quixo preguntar por moitas desas batallas que seguro aparecerán nesas memorias. Saíron a colación esas míticas negociacióna nocturnas que tan famoso fixo ao presi. “Son un especialista da noite”, recoñeceu. “A máis longa foi de 22:00h a 12:00h da mañá, e iso que as 10:00h o presidente do Las Palmas estivo a piques de romper a negociación. Tamén houbo outra moi dura por Ramis”. Recordou que se o mellor momento na etapa deportivista, é complicado separalo, despois de tantos éxitos, mesmos os xa acadados co Ural, si ten claro o peor. E non foi aquel penalti de Djuckic, senón que foi “a derrota en Dortmund, cando o Borussia nos remontou nos últimos minutos e nos botou nos oitavos da UEFA (non esta insulsa Europa League) un partido que tiñamos merecidísimo. Sufrín moito aquel día, foi moi inxusto”. O público quixo lembrar aquel Rombo do Palmeiras, e lle preguntaron como lle quedara a cara coa espantada de Rivaldo. “A verdade é que eu me enterei practicamente ao mesmo tempo ca ti”, contestoulle Lendoiro ao espectador. “Foi toda unha casualidade. O Barsa quería a Mcmanaman, que acabaría no Madrid, pero pedía unha barbaridade de cartos. Así que alí, coa directiva estaba Alberto Toldrá que tantos bos xogadores nos trouxo ao Deportivo, e lles dixo medio de broma: “Por ese prezo case pagades a cláusula de Rivaldo”. E en dúas horas estaba todo feito”. Brillante estivo ao ser preguntado polas afeccións de Tristán. “Si, gustáballe a noite”, recoñeceu entre risas. “Pero a verdade é que era un artista”, sinalou con cariño. Unha das xogadoras do futfem costeiro preguntoulle se el nunca pensou en crear o Dépor Feminino. “A verdade é que non, pero penso que se apostas por aí tes que facelo de xeito totalmente igualitario e non tomalo como unha simpatía, se non coas mesmas categorías de base que os chicos”. Deixou máis que claro que non se vai presentar de novo como candidato á presidencia do Dépor pero aproveitou para deixar un clar recado; “é unha pena que a xente nova do fútbol non queira aproveitar a experiencia da xente vella do fútbol. Porque non todo o mundo entende de fútbol...” Un luxo poder escoitar, nun formato coma este, ao presidente que cambiou o rumbo dun equipo, dunha cidade, dunha provincia.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/xogadoras-e-arbitros-protagonistas-da-gala-de-estrea-do-album-da-costa/ --

Comentarios