Os locais levaron os derbis na 1ª e os "novos" sumaron na 3ª

Volveu o fútbol ao completo nunha fin de semana na que o carrusel botou fume con máis de trinta encontros en directo e na que QPCtv continuou as súas históricas retransmisións en Mazaricos.
3ª RFEF e Preferente
Seguen sen saírlle as cousas ao Sofán, que esta vez visitaba un campo tan difícil como o de Abegondo para medirse ao filial deportivista. Alí caeron os de Alberto por 2-0 despois de recibir un tanto en cada parte e non abandonan, por agora, a última praza da táboa.
Na preferente non foron mellor as cousas, xa que por segunda semana consecutiva non tivemos ningunha vitoria. A piques estivo de conseguila, iso si, a SD Fisterra, que mereceu marchar cos tres puntos logo duns minutos finais nos que tiveron varias ocasións. Pola súa banda, o Xallas caeu pola mínima ante o Pino, que volveu a facer un partido moi compacto e eficaz como o que xa sufrira o mesmo Fisterra a semana pasada.
1ª Galicia
Tres derbis tivemos este domingo na mini liga da Costa que podemos chamar á primeira Galicia. E os tres acabaron con vitorias solventes dos locais, que fixeron pleno. Ás 12, abriron a xornada o televisado Mazaricos – Baio (2-0) e o Soneira – Ponteceso (3-0), mentres que pola tarde o Dumbría vencía ao Corme no Conco (3-0) e o Volantes caía en Belvís (3-1).
Liga da Costa
Chegou por fin a ansiada estrea da Liga da Costa, que este ano a teremos dividida en dous subgrupos durante a primeira fase. No subgrupo A, cumpriron dous dos supostos favoritos, como son Esteirana e Cee, mentres que a sorpresa da xornada se deu na Arliña, onde un bo Outes se levou os tres puntos. O Muros tamén levou o triunfo ante o Baiñas.
No subgrupo B, saen moi reforzados desta primeira semana o San Lorenzo e o Castriz, que golearon a Cabana e Nantón respectivamente. Tamén o Coristanco, que amosou o porque das expectativas cunha vitoria nos minutos finais logo de comezar perdendo. No outro encontro da xornada, o Zas e Buño comezaron repartindo os puntos.
3ª Galicia
Tremendo carrusel o que puidemos desfrutar durante a tarde do sábado co debut da Terceira Galega. Unha categoría na que sumaron os tres equipos creados este ano: O Pereiriña levou os tres puntos despois dun gran triunfo ante o Castrelo, e Xallas B e Oza empataron na Fontenla. O Corcubión se levou un duro partido en Laxe, Camelle e Seaia repartiron puntos e o Porteño é o novo líder tras golear ao Ameixenda.
Futfem
Non puido o Bergantiños continuar coa súa boa xeira na visita a un dos favoritos da 1ª Galega como é o Orzán. As de Gueli competiron moi ben pero caeron 3-2 nun choque de candidatos que as deixa segundas, cun partido máis que as coruñesas.
Comezou tamén a 2ª galega, na que este ano teremos catro equipos, pero na que descansou o Cee na primeira xornada. O Cerqueda levouse o derbi ante As Miúdas e o Xallas gañou o primeiro encontro oficial da súa historia.
Futsal
Iniciouse por fin a preferente masculina logo do retraso á espera dun cambio de protocolo. E o fixo con vitoria para un Villa de Cee que tiña que viaxar ante Sarria e que trouxo os tres puntos despois do 4-6 final. Un gran resultado que acompañas ás malas novas das lesións de Marroco e Mario.
Na preferente feminina, o Fisober recibiu unha dura goleada a domicilio ante un Viaxes Amarelle B, que aproveitou o seu acerto nos últimos minutos da primeira parte.