Manuel Espasandín, readmitido como subdelegado arbitral
- As familias dos colexiados menores amosan o seu agradecemento pero tamén a súa cautela.

Despois dunha demostración do poder social do Fútbol da Costa, Manuel Espasandín vén de ser readmitido como subdelegado arbitral.
Na nova, coñecida esta pasada noite de luns polos colexiados costeiros tras unha reunión co Comité Técnico de Árbitros e o Presidente da RFGF, ten matices pero é unha gran nova para a comarca.
Queda pendente a reunión que manteña este martes o CTA na Coruña, que terá que ratificar a conclusión chegada nesta pasada noite de martes en Baio. Ademais, hai outra condición: que Espasandín faga tándem con Óscar Martínez Santos (“Camocha”), o colexiado baiés (pero da delegación de Santiago) que viña sendo a proposta do presidente do CTA para ocupar o relevo de Espasandín.
Quedará pois tamén pendente a repartición de funcións entre os dous, puidendo facer Espasandín as labores de Subdelegado, como abogou o Presidente Pablo Prieto, e Óscar Martínez Santos o enlace entre a Subdelegación e o Comité Técnico de Árbitros.
Así, o unido colectivo arbitral saía satisfeito da reunión, moi agradecido ao talante de Pablo Prieto, que chegou coa clara intención de solucionar o conflito, mesmo recoñecendo que puideron ter cometido algún erro. "Se queda así a cousa, é a mellor solución para ambas partes", recoñece o propio Espasandín, que tería que aceptar a proposta.
As familias, cautelosas
Con todo, as familias, que veñen de dar unha lección de compromiso a todos os clubs de que cando se quere algo, hai que ir con todo, amósanse cauelosas, e lanzan este comunicado:
Agradecemos a rectificación, mais deixamos un aviso claro: o camiño ata aquí estivo cheo de dilacións e mensaxes que restaron valor á voz da Costa. Máis de 2.000 sinaturas non son papeis mollados: son 2.000 familias, clubs e representantes dicindo basta. Minusvaloralas é un desprezo inaceptable á participación social. Esiximos ao presidente un recoñecemento público por escrito do seu valor e que se habilite unha canle estable de diálogo coa Subdelegación da Costa.
Mentres se debatían fórmulas, os nosos nenos e nenas árbitros sufriron. Cada fin de semana preguntan por Manuel, o seu “pai no campo”, quen lles secaba as bágoas, lles daba forza e poñía a súa seguridade por diante de todo. Esta inxustiza mídese en miradas tristes e ilusións feridas. A prioridade é devolverlles a calma e o referente que nunca deberon perder.
Na xuntanza estiveron Javier González Arévalo, Bernardino González, Roberto Vázquez Alvite, o propio presidente da RFGF e Óscar Martínez, ademais da inmensa maioría dos árbitros da Costa, que volveron defender a xestión impecable de Manuel Espasandín. O presidente pediu desculpas polos erros e comprometeuse a reconducir persoalmente a situación, preservando o interese dos menores, liña que —recoñeceu— Espasandín viña marcando.
Reclamamos, con firmeza e sen ambigüidades:
* Formalización inmediata por escrito da readmisión de Manuel Espasandín e da función de Óscar Martínez como nexo Subdelegación–CTA.
* Respecto institucional ás 2.000+ sinaturas: declaración pública que as recoñeza e canle permanente de comunicación coa Subdelegación da Costa.
* Calendario claro, responsables identificados e protocolos de protección para os árbitros menores, tal e como sempre priorizou Manuel.
As familias permaneceremos vixiantes ata ver cumpridos estes puntos. Hoxe valoramos o paso dado; mañá esixiremos resultados. Porque coas ilusións dos nosos pequenos non se xoga.