Martes. 23.04.2024
El tiempo

A naturalidade de Fernández Vázquez conquistou o Fútbol da Costa

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Rafael Louzán, Fernandzo Vázquez, Fernando Vidal e César Méndez na Casa da Cultura de Vimianzo
A naturalidade de Fernández Vázquez conquistou o Fútbol da Costa

Non faltaba ninguén. Practicamente todos os adestradores da comarca estaban onte en Vimianzo para ver, en primeira persoa, ao home de moda do fútbol galego. E superou ás espectativas de moitos, ofrecendo unha entrevista chea de naturalidade, de sabedoría, de experiencia… E de liberdade. Porque FV é un home libre, sen ataduras, que pode dicir, a estas alturas da vida, o que lle dea a gana. E así o fixo na charla que o Comité Galego de Adestradores da FGFG organizou na Casa da Cultura de Vimianzo.


Non faltou ninguén do fútbol da Costa e viron adestradores de Santiago, Vigo...

Abría a sesión Silvia Cancela, directiva xalleira da RGFG e Víctor Muíño, concelleiro de deportes de Vimianzo, que resumiu moi ben o sentir da parroquia deportivista: “Gracias pola ilusión, Fernando”.

FV era o gancho para a verdadeira intención da xornada técnica proposta polo Comité, que traía a Albert Gil como principal ponente. O director da canteira do Deportivo ofreceu unha charla chea de lugares comúns, pero con certos puntos interesantes para que os adestradores costeiros tomen boa nota á hora de mellorar o rendemento colectivo e individual dos seus xogadores de base. A primeira frase foi a máis impactante: “Ás familias sempre lle dicimos que ningún dos seus fillos vai ser xogador profesional”, porque ao final, unha canteira ten tanto de formación persoal que deportiva, e a educación na frustración debe ser un dos alicerces.

A hora de FV

Aquí tendes 43 minutos absolutamente aproveitables do de Castrofeito. Acompañado por Rafael Louzán, presidente da RFGF e por Fernando Vidal, presidente do Deportivo, César Méndez realizoulle unha entrevista ao adestrador galego. Deixou unha cantidade innumerable de titulares no repaso á súa carreira, e sen pelos na lingua, mesmo chegou a lembrarlle á Louzán aquela promesa de facer, alomenos, un partido ao ano da Selección Galega. Tivo que sacar de calculadora o presidente federativo para explicar o complicado que é economicamente sacar a xogar o combinado galego. FV mesmo lle recriminou que a camisola non leve a tradicional franxa celeste, e propuxo comezar unha serie de partidos ante País Vasco, Cataluña, Valencia ou mesmo O Bierzo…

Os comezos

Fernando Vázquez recordou que xogou na Liga da Costa, co Negreira, sendo un gran “box to box”, pero que tivo que deixar os terreos de xogo aos 24 anos tras sufrir unha rotura de tripa por unha forte entrada dun porteiro rival en Betanzos. Pronto empezou a adestrar, nun equipo do Concello de O Pino. “Se pensaba que ía chegar a ser adestrador profesional, non. Pero si que tiña a ilusión”. Pasou 5 anos en Lalín, onde creou a Escola de Fútbol Deza, que aínda segue viva. “Cando cheguei había 2 xogadores de Lalín no equipo en 2ªB. Cando marchei despois de cinco anos aquel equipo tiña o 70% de xogadores da casa”, recoñecía orgulloso.
Naqueles tempos daba clase pola mañá en Noia e pola tarde ía ata Lalín a adestrar a todas as categorías de base do club.

Lembrou o complicado que era formarse, e quixo recoñecer a aqueles que eran ídolos para el como Julio Díaz, Chus Baleato (aínda manteñen tal amizade que onte viñeron xuntos) ou Jose Ramón Segura.

Naqueles tempos non cría que ninguén estivese vendo o seu traballo. “Tiña claro que non ía ir a ningún 2ªB fóra de Galicia. Pero claro, viu a SD Compostela… e só tiña que facer contas. Tiña que traballar 15 anos como profesor para gañar o que me ofrecían”, comentaba con total franqueza.

De adestradores-xogadores e de Bigdata

En todo caso, FV ten claro que o fútbol profesional é inxusto, e que a figura do adestrador é complicada, agochada. “De xogadores sabe todo o mundo, ata Maldini, porque se ve. Pero quen sabe de adestradores?? Os presidentes? Se agora se ficha por resultados, ou por moda… Eu paguei o prezo de non haber ser xogador profesional”, lamenta. “Eu cando cheguei ao fútbol profesional, con 38 anos, era moi novo, e agora regálanlle equipos a xogadores coñecidos recén retirados… Acaso un actor é de por si un bo actor?” ironizaba.

Tivo tempo para analizar a figura do adestrador como “estratega máis que como técnico. Pero hai que ter claro que onde hai un bo adestrador hai un bo equipo. Un bo adestrador é o 10% da calidade dun equipo”.

En todo isto, a aparición do “Bigdata nos corpos técnicos é importante. Agora sabemos que non recibir un gol vale 1,5 puntos por partido, vale máis que marcar un gol. Por iso os equipos agora pagan grandes cantidades por porteiros ou centrais, e pouco a pouco valerán tanto como os dianteiros”.

A súa figura como revulsivo

”Non me como referente para ninguén. E tampouco como rede de seguridade para os xogadores”, explicaba deixando claro que “eu non son causa de nada. O deportivismo estaba triste polas derrotas, pero tamén polo posible destino. Aí teño que dicir que apareceu o presi, que cos seuspactos segredos tranquilizou a afección eliminando o medo da desaparición. O paciente segue regular, eu estou estabilizándoo deportivamente, pero o presidente sanouno economicamente”, dixo lanzándolle algunhas flores ao seu amigo Vidal.

En todo caso, destacou a súa labor como adestrador, “máis que como motivador. Que está claro que un adestrador ten que saber comunicar, ten que falar cos seus xogadores. Pero ten que ser máis que iso, e lendo a prensa estes días parece que son só un encantador de serpes…”

Sobre a revolución deportiva do equipo, destacou que “é fácil máis acostumarse a perder que a gañar, porque a rutina de gañar esixe traballo, compromiso…” De aí que a estratexia sexa fundamental, máis que a táctica. “Imaxínate que somos o exército galego e imos loitar contra o exército norteamericano. Imos ir a campo aberto?”, explicaba facendo o símil bélico coa proposta deste Deportivo. “Temos que ir con humilidade e con comunicación aberta coa afección, á que lles agradezo a paciencia. Agora temos que xogar así, facéndoo o fácil, intentando non encaixar. Salgamos desta situación e xa iremos intentando xogar mellor”. “Se ascendemos temos que mirar a Europa”, dixo ilusionado.

”A vitoria é un engano”

Falou de estados psicolóxicos FV, e destacou varias frases lapidarias. De “a vitoria é un engano” pasou ao de “a vitoria é predecible, e polo tanto factible, posible”. “Se miras a clasificación e o calendario pode ser máis complicado, pero mirando cortiño, pasiño a pasiño, é máis doado ir gañando partidos”.

Para rematar, outra das frases que mellor o definen: “Para triunfar, hai que ser boa persoa”.

Comentarios