Novas: os dous primeiros adestradores cesados, e novidades nas ligas de Fútbol 8
10:03 03/10/18
Está a ser unha semana intensa en canto a novidades se refire no fútbol costeiro. Seguindo a mala liña do ano pasado, no que houbo infinidade de adestradores que non acabaron a tempada, este ano empezamos cedo en canto a ceses se refire. Os dous primeiros foron o adestrador do Xallas Néstor e o do Buño Oscar Torrila.
A Néstor duroulle pouco o crédito acadado a tempada pasada, onde dende a súa chegada o equipo fixo unha gran liga e venceu no torneo copeiro na recordada final ante a SD Sofán. O fútbol ten pouca memoria, e só con 6 xornadas Néstor fai as maletas rumbo á súa terra de Noia, deixando o Xallas composto e sen adestrador. O presidente Pedro comentou que esta semana axilizarán as negociacións para poder dispor de adestrador a principios da semana que ven. Este fin de semana ante o Puebla farase cargo do equipo o coordinador de base Iyan. Os motivos do cese, que se podería pensar que foron os resultados do inicio ligueiro, parece ser que nada máis lonxe da realidade. O "mal rollo" entre varios compoñentes da plantilla e o adestrador xerou unha incomodidade no vestiario difícil de soportar, e a corda rompeu polo lado máis débil.
En Buño Torrila aínda durou menos, só 3 xornadas, batendo récords de prontitude no cese. As tres derrotas, aínda que ante rivais realmente fortes e en partidos nos que o equipo competiu dignamente, foron escusa para que a directiva buscase un cambio de rumbo. O elixido para pilotar a nave é un vello coñecido, Chema Rivadulla, que estaba a adestrar ós xuvenís do Meicende e que xa se fixo cargo do equipo coa máxima ilusión.
En outro orden de cousas, o Fútbol 8 costeiro xa ten solución: nunha reunión o luns pasados os equipos costeiros puxéronse dacordo, cousa rara, e artellaron unha competición con máis sentido que as dos anos pasados. As categorías alevín e benxamín quedan divididas en grupo Norte e Sur, con 9 equipos en cada grupo que xogarán a doble volta. Posteriormente os 2 primeiros clasificados de cada grupo competirán por ir ó campionato galego, e o resto entrarán nun torneo de copa por grupos de 6 equipos. Uniránse nesta fase os equipos que forman un terceiro grupo, no que están encadrados conxuntos que non poden empezar o 28 de outubro como o resto por diversos motivos, e empezan outra liga o 20 de xaneiro. Parece que por fin todos os clubs están máis ou menos contentos e o Fútbol 8 costeiro ten unha competición con algo de xeito.