venres. 10.04.2026
El tiempo

Pataca: “O que está a facer este grupo de amigos é dun nivel estratosférico”

Felipe Vilela e Sergio Pataca a fronte do Muxia CF 2025-2026-Foto-Marina Busto
Felipe Vilela e Sergio Pataca á fronte do Muxía CF 2025-2026-Foto-Marina Busto
Pataca: “O que está a facer este grupo de amigos é dun nivel estratosférico”

"Que día tan grande para este equipo e esta afección!”. Así refírese Sergio Lema “Pataca” ao conseguido o pasado domingo en Arliña, eliminando a todo un SD Sofán e meténdose na final da Copa da Costa 2026. Un feito que ten un enorme valor, tendo en conta que esta será a segunda final consecutiva deste equipo, e a terceira final en toda a historia do club (caera no 1966 ante o Xallas).

O adestrador muxián, que afronta “coa ilusión intacta” ademais a súa terceira final consecutiva (ademais da do ano pasado xa estivo co Dumbría cando venceu ao Porteño en Arliña), vai máis alá: “O que está a facer este grupo de amigos é dun nivel estratosférico, que sexamos capaces de competir así contra equipos como Sofán, Arzúa ou Club do Mar fala moi ben da capacidade que ten o equipo para competir e gañar estes encontros”. 

”Estamos moi contentos por volver a repetir unha final, algo que me parece moi dificil sendo a eliminatoria a un partido, e agora seguir na competindo na liga para chegar a esta final contra todo un equipazo como o Malpica que seguro irá ca mesma ilusión ca nós por sair campión! A ver si temos a sorte de poder conseguir este importante título para o club!”, relata.

Xogadores do Muxia celebrando o pase a final da Copa da Costa en Arlina-Foto-Marina Busto
Xogadores do Muxía celebrando o pase a final da Copa da Costa en Arliña-Foto-Marina Busto

Corazón da casa

O mérito é doble neste club onde o 65% dos xogadores son da casa, aos que hai que sumar o propio adestrador, e o segundo de a bordo, Felipe Vilela. Das 21 fichas do A e os dous xogadores do B que están en dinámica de primeiro equipo (Javi e Noé), 13 son de Muxía.
Pero as vinculacións son constantes: Iván Bouzón e Rober naceron en Cee e A Coruña pero teñen familia na vila da Barca.
O plantel complétase con dous de Dumbría (Charly e Costa), un carnotán (Brais), tres vimianceses (Fabián, Joel e Alex), un de Cee (Mateo) e un do outro lado da ría, Fran Moreira, natural de Arou.

Un dos ultimos 11 do Muxia CF-Foto-Marina Busto
Un dos últimos 11 do Muxía CF-Foto-Marina Busto

As claves

”Cales cres que son as claves este ano para que o equipo, como dis, un grupo de amigos, compita tan tremendamente ben?”, pregúntámoslle:
“Na miña opinión, creo que un numero alto de xogadores levan moitos anos xuntos, iso axuda a ter esa sintonía tanto dentro coma fóra do campo. Outro punto importante, que o traballo feito por Lobelos, e Nando o ano do ascenso foi moi bo, e agora este segundo ano comigo de adestrador o equipo xa ten moitos automatismos, sabemos o que xogamos e un partido como o desta semana case non tiven que dar ningun tipo de correción, só algunha pincelada.

Puntos de inflexión

”Houbo algún momento de inflexión este ano no que vos decatastes que estábades para todo?”, lanzámoslle:
”Máis que punto de inflexión, é a realidade do día a día. Veste facendo dúas tandas de 5 e 7 vitorias seguidas, gañando 14 de 16 partidos contando a Copa, gañándolle os dous partidos ao Arzúa, o Calo no seu campo, Sofán….. pois a ilusión sempre petou na porta, pero tamén sempre tivemos os pés na terra para non crernos máis do que somos”

O ascenso a Preferente. Un soño ou unha quimera?

”Posibilidades de meternos na Promoción creo que si temos. Quedan 18 puntos e estamos a 4 puntos, tendo que xogar con 3 dos de arriba. É dificil pero intentarémolo empezando por seguir ca dinámica e conseguir unha vitoria en Melide”.

Os pesos pesados

” Todos son importantes tanto dentro coma fóra do campo, a sintonía e bo rollo entre os xogadores e o gran valor do equipo. Por destacar algo que si creo que é importante, e que todos vén no Capitán, Michael Vilela, un referente, e para el que nin este ano non o pasado puido disfrutar destes bonitos encontros de Copa, creo que o resto esta facendo un esforzo extra por darlle esa felicidade ao Capitán que non pode axudarnos dentro do terreo de xogo”.

”Como é a relación co equipo feminino, que tamén está facendo historia este ano?”

”A relación co equipo feminino é boa e cordial, como non cabe doutra forma. Compartimos campo moitas veces adestrando e sempre hai moi bo ambiente, tendo en conta ademais que moitos xogadores teñen as súas parellas no equipo feminino. Hai que destacar a boa tempada que están a realizar, a pesar da derrota na Copa seguro consegue o ascenso a 1ª e levan o nome de Muxia por Galicia”.

”Que culpa ten a directiva neste temporadón?”

”Claro está que son os xogadores os que xogan e os que poñen os goles, pero o traballo que realizan todos os días para que nos esteamos mais cómodos é incrible, preparando a instalación cada finde para os partidos, atentendo as nosas necesidades, indo as saídas cos equipos de visitantes, levando bocatas, bebidas… un traballo que unido ao que nós facemos no campo é o que fai que a tempada sexa de tanto éxito”.

Máis novas

Comentarios