Venres. 26.04.2024
El tiempo

Preferente: Cara para o Sofán e cruz para o Xallas

Preferente: Cara para o Sofán e cruz para o Xallas

Canedo e Benogo no Sofán-Puebla. Foto: SD Sofán. O Sofán pon terra de por medio cos postos de perigo logo de derrotar a un equipo da zona baixa como é o Puebla cun gol de Canedo no tempo de engadido. Pola súa banda, o Xallas recibiu un castigo excesivo ante o Ribadeo, nun partido no que foi superior e mereceu sacar, cando menos, un empate.

SD Sofán 3 – 2 Puebla CF

  • SD Sofán: Rumbo, Antonio (Iván Rey m.56), Rubén, Alexandre (Matías m.81), Raúl, Pablo Domínguez, Sera, Canedo, Jonathan (Quintela m.75), Camilo (Luis m.69) e Fabián.
  • Goles: 0-1 m.34: Benogo; 1-1 m.44: Raúl; 2-1 m.63: Canedo; 2-2 m.70: Pap; 3-2 m.90: Canedo.
  • Expulsións: Os visitantes Manuel e Viturro con vermella directa no minuto 43 e 45, respectivamente. A segunda das expulsións foi estando no banco de suplentes.

Vaia partido se puido ver no Carral, cheo de emoción, alternancias de dominio e ocasións en ambas porterías. Xogou ben o Puebla no primeiro tempo, pero pagou cara a expulsión de Manuel ao fío do descanso na xogada do penalti que deu orixe ao empate a un. Espi e Pap crearon moito perigo no inicio do encontro e tivo Espi unha boa ocasión nun disparo lonxano que saíu a rentes do longueiro. No que respecta á outra portería, Antonio viu como lle anulaban un gol. Adiantaríase o equipo visitante á saída dun córner que remataría Benogo e puido aumentar a súa vantaxe nun disparo de Espi ao pau.

Xusto antes do descanso, un remate de Raúl desvíao coas mans Manu e o colexiado sinala penalti e expulsa ao defensa local. Raúl non transformaría a pena máxima en primeira instancia pero si que o faría no rexeite para devolver as táboas ao luminoso. Á saída dos vestiarios, a SD dominou, creou ocasións, e adiantaríase nun remate de Canedo a centro de Alexandre. Cando parecía que o partido estaba controlado, un erro defensivo custoulles caro aos sofanistas xa que Pap aproveitaríao para facer o 2-2. E o mesmo xogador pobrense fixo intervir a Rumbo nun par de ocasións máis. O último cuarto de hora foi de total acoso dun Sofán que pechou ao Puebla na súa area. As ocasións sucedéronse, pero foi Canedo co tempo cumprido quen rematou un centro de Pablo Domínguez para desatar o delirio dos afeccionados locais nas bancadas.

Xallas FC 2 – 3 Ribadeo FC

Xallas FC - Ribadeo FC

  • Xallas FC: Koke, Christian (Abel m.18)(Mata m.90), Jacobo (Carlos m.74), Doro, Julián López, Álex Canedo, Baba, Marcos, Rubén, Iván (Álex Blanco m.71) e Óliver.
  • Goles: 1-0 m.21: Julián López (p); 2-0 m.58: Baba; 2-1 m.63: Javicho; 2-2 m.83: Javicho; 2-3 m.94: Juanma.
  • Expulsión: O visitante Luki no minuto 82 e o preparador físico do Xallas, Iyán, no minuto 45.

O Xallas foi o claro dominador do encontro e aos dous minutos de xogo, tivo a súa primeira clara oportunidade para adiantarse pero Marcos non acertaría co seu remate. Logo desta primeira chegada de perigo, os xalleiros tiveron varias ocasións que non materializarían e perderían a Christian por lesión. Tras este revés, Julián López adiantaría aos de Santa Comba dende os once metros e Koke salvaría o gol visitante cunha boa parada na única oportunidade dos da Mariña lucense. Logo do paso por vestiarios, nada cambiaría e Baba faría o segundo para o Xallas e poñería o 2-0 no electrónico, resultado tralo cal o Ribadeo se viría arriba, e Javicho metería aos seus no encontro ao superar a Koke cun disparo dende a frontal da área. Iván, Abel e Rubén puideron aumentar de novo as diferenzas no marcador pero non lograría materializalas e do posible 3-1 pasaríase ao 2-2, logo de que Javicho aproveitase un erro na saída de balón local. Pero o calvario para o Xallas da segunda metade non acabaría aquí, e un Ribadeo que rematou con 10, facía o definitivo 2-3 no minuto 94, por medio de Juanma para levarse os tres puntos de Fontenla.

Comentarios