Mércores. 24.04.2024
El tiempo

#PreviaQPC Arasolis acolle o primeiro gran derbi da tempada e o Sofán busca os tres puntos

11 do Sofan que venceu ao Xallas-FotoSD
11 do Sofan que venceu ao Xallas-FotoSD
#PreviaQPC Arasolis acolle o primeiro gran derbi da tempada e o Sofán busca os tres puntos

Intensa fin de semana a que temos por diante co primeiro derbi da tempada na preferente, entre Fisterra e Xallas. Máis arriba, na 3ª RFEF, o Sofán intentará conseguir a súa primeira vitoria ante un dos equipos que mellores sensacións está deixando neste comezo, o filial do Lugo. Ademais, logo da súa tremenda vitoria ante o Ribeira, o Fisober viaxa ata Santiago para enfrontarse ao Gaiola.

Sofán – Polvorín (Sábado, 17:30 – O Carral)

Despois da dura derrota sufrida en Viveiro, o Sofán volve ao seu refuxio particular, o Carral. Alí, os de Alberto teñen xogado os seus mellores minutos nesta 3ªRFEF, aínda que os puntos acabaran por compartirse tras empatar con Rápido de Bouzas e Noia. Agora, chega o Polvorín que, a pesar de xogar só dous encontros (descansou un e había positivos covid no outro), está a facer un gran comezo de tempada.

Non obstante, os carballeses queren firmar xa a primeira vitoria da súa historia nesta categoría e, para iso, os de Alberto Rodríguez traballaron ben esta semana: “Dende a miña chegada algo que traballamos moito foi neutralizar as emocións nas análises, fosen positivas ou negativas. Iso foi o que fixemos unha vez máis, ver aspectos a consolidar e outros a mellorar”, explica o míster, que recupera a Iriso e non poderá contar con Álex Gallego.

Alberto tamén ten claro que o triunfo pasa por esa conexión tan especial entre xogadores e afección que se viviu durante os últimos anos no templo vermello: “O máis importante é ser nós, xogando na nosa casa e coa nosa xente. A partir de aí, ir vendo o transcurso do partido para tratar de interpretar todas as situacións que se dean ao noso favor”.

SD Fisterra – Xallas (Domingo, 17:00 – Arasolis)

Chega o primeiro gran derbi da tempada nesta preferente que xa ten ao Fisterra como un dos seus candidatos tras dúas vitorias amosando un claro dominio e solvencia. Non obstante, ao Arasolis desprázase este domingo un Xallas que vén de deixar unha gran imaxe no seu debut oficial ante o Laracha, no que, pese a derrota, foron moi superiores.

Os de David González chegan coa única baixa do seu dianteiro Álex Blanco, mentres que Juan Purrúa seguirá sen contar con Aarón López. O que si estará será Cristian Caamaño, que logo de dez temporadas no cadro xalleiro, se enfrontará por primeira vez ao seu ex equipo. “Para min será un partido moi especial, porque alí deixei moitas amizades, que ao final é o bonito do fútbol”, di o lateral.

En canto ao partido, ao que advirte que chegan moi ben tras os dous triunfos sen encaixar, comenta: “Gañar este tipo de partidos sempre supón un plus con respecto a outros, polo ambiente e pola proximidade entre ambos conxuntos. Sempre gusta xogalos e, sobre todo, gañalos”.  A espera queda ver quen sae vencedor. O Fisterra podería colocarse líder en solitario se non gaña o Arteixo, mentres que o Xallas podería lograr a súa primeira vitoria.

A Gaiola – Fisober (Sábado, 17:00 – Pavillón de Santa Isabel)

Viaxa o Fisober a Santiago a corroborar como lle sentou unha vitoria tan importante como a que lograron a semana pasada e coa ambición de conseguir a terceira da tempada, que as podería situar xa na parte alta da táboa.

As rivais, o S.D. A Gaiola, suman tres puntos despois de dúas derrotas e unha vitoria, que as colocan agora mesmo ao borde do descenso.

Comentarios