Crónica da xornada e resultados do #futboldacosta


Segunda xornada completa (a falta dos cadetes e infantis) no #futboldacosta. Estes 8 e 9 de setembros, en plenas Festas da Barca, sorprende que non houbese máis encontros suspendidos sabendo que toda a bisbarra acode a Muxía.
En todo caso, as xornadas transcorreron con normalidade e resultados para todos os gustos. Como na 3ª xornada da Preferente, onde os nosos colleitaron 2 vitorias e unha derrota. Derrota a do Soneira, que aínda lle falta ir encaixando as novas fichas trala curta pretempada, ante o Laracha. Aínda así os de Felipe Candamo mantéñense con 4 puntos na metade da táboa. O Xallas de Santa Comba de Corredoira segue amosando que este ano vai forte e supero por 1-2 ao O Val. Con 6 puntos, a 1 dos xalleiros, sitúase o Dumbría, que corrobora o seu bo inicio cunha vitoria por 0-2 ante o Carral, recuperando ademais o bo sabor do gol, da man de Pablo Muíño.
Na 1ª Autonómica houbo o primeiro derbi, no que o novo Camariñas puido con todo un experimentado Ponteceso. Os de Pepucho foron superiores aos de Nacho, que se colocan como pechacancelas con 0 puntos. Tampouco o Fisterra foi quen de sumar os seus primeiros puntos e caeu no seu debut en Ara Solis ante o Estudiantil. E o Malpica queda cos 3 puntos da primeira xornada tras caer 3-1 en Piloño.
Segue líder o Corcubión na 2ª Autonómica tras vencer, sufrindo, ante o Outes. Os de Manolín comparten a doble vitoria con outros equipos, como o sorprendente Volantes que demostrou que tamén sabe sufrir e defender forte fóra de casa e venceu ao seu coñecido do ano pasado, o Cabana, que aínda non sumou. O Cee parece moi forte, e hoxe, malia sufrir ante o Carnota, puido quedar cos 3 puntos e seguir arriba. O Sofán tamén anda forte e así o demostrou no derbi carballés ante o San Lorenzo de Gueli. Completa o quinteto de 6 puntos a Esteirana que vencía 2-1 ao Zas.
Na 3ª Autonómica, sorprende este Soneira B con 2 de 2 e sen recibir tanto. Os vimianceses superaron a un Ameixenda que aínda lle queda por mellorar. Boa xornada, iso si para os outros dous novos conxuntos, pois Baíñas e Castrelo sumaron o seu primeiro punto da historia ante Coristanco e Laxe respectivamente, dous equipos que se manteñen na zona alta con 4 puntos e que volven ser candidatos logo da gran temparada pasada.
Por arriba, o Independiente Carballo amosou a súa intención de estar arriba e superou a un dos favoritos, a UD Cerqueda. Tamén gañou, e amosou credenciais, o Porteño ante un Nantón algo baixo. O Lira non puido sumar a segunda vitoria tras un choque de ida e volta ante o Xaviña que remataron gañando os camariñáns aos puntos.
E volveu o fútbol ao mítico campo do Rodeiro, e o fixo cunha agardada vitoria local por 2-0 ante o Alcaián. Onde non se xogou, foi en Fisterra o choque ante o Muxía, polas festas da Barca.
Ademais, repasamos as Ligas Xuvenís, que a partir de esta semana, e coa axuda de todos os que queirades achegarnos aos campos, intentaremos facer unhas completas crónicas coma as do ano pasado. Por sur, no Gr.3, Xallas de Santa Comba, Fisterra e Muros son os únicos que suman 2 de dous. E o fixeron tras sendos bos choques, pois os xalleiros tiveron que superar ao Dumbría, o Fisterra ao potente Cee e o Muros no derbi coa Esteirana.
Polo norte, o Ponteceso, tras gañar ao Malpica nun gran choque, é o único que suma 2 de 2 á espera do choque do Baio ante o Muxía, aprazado. O Cabana sitúase por detrás con 4 puntos trala súa goleada ao Camariñas, un dos que queda sen sumar co Zas.
Preferente, xornada 3
O Val | 1-2 | Xallas de Santa Comba |
Laracha | 2-1 | Soneira |
Carral | 0-2 | Dumbría |
1ª Autonómica, xornada 2
Camariñas | 4-1 | Ponteceso |
Fisterra | 0-1 | Estudiantil |
Piloño | 3-1 | Malpica |
2ª Autonómica, xornada 2
Cabana | 0-1 | Volantes |
Dumbría | 0-4 | Corme |
San Lorenzo | 0-1 | Sofán |
Cee | 2-1 | Carnota |
Corcubión | 1-0 | Outes |
Buño | 0-0 | Castriz |
Muros | 1-0 | Montelouro |
Baio | 3-1 | Mazaricos |
Esteirana | 2-1 | Zas |
3ª Autonómica, xornada 2 (Descansa Muxía)
Castrelo | 2-2 | Laxe |
Indep. Carballo | 2-1 | Cerqueda |
Camelle | 2-0 | Alcaián |
Baiñas | 1-1 | Coristanco |
Ameixenda | 0-4 | Soneira B |
Lira | 4-5 | Xaviña |
Nantón | 1-2 | Porteño |
Fisterra B | 2-2 | Corcoesto |
Liga Xuvenil, Gr.3, xornada 2
Xallas de Santa Comba | 2-0 | Dumbría |
Mazaricos | 4-2 | Corcubión |
Fisterra | 3-2 | Cee |
Muros | 2-1 | Esteirana |
Outes | 4-0 | Soneira |
Liga Xuvenil, Gr.4, xornada 2 (O Baio - Muxía aprázase polas Festas da Barca)
Ponteceso | 3-1 | Malpica |
Cabana | 5-0 | Camariñas |
Laxe | 5-0 | Zas |
Corme | 2-1 | Coristanco |
Baio | Apraz. | Muxía |
Máis información
Fonte
- Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).