37 avoas mestras que forman a menores de Bergantiños
Que importantes son as xuntanzas interxeracionais. E nesa liña vai o proxecto da Cruz Vermella de Carballo das Escolas de Avós e Avoas educadores, que está chegando ao seu fin de curso tras máis de 6 anos en funcionamento. Este ano participaron un total de 37 avoas e avós, en 5 escolas diferentes, e desta volta puideron ir ata o encontro interxeracional da escola de Laxe.
Humanidade, Imparcialidade, Neutralidade, Independencia, Voluntariado, Unidade ou Universalidade son conceptos que se traballan nestes cursos. A finalidade deste é ofrecer un soporte psicosocial a persoas maiores que exercen labores de educación a menores de idade, apoiándoos na súa función educativa, detectando necesidades e reforzando as súas habilidades como educadoras e coidadoras.
Neste proxecto traballan voluntariado e técnicas da Asemblea Local da Cruz Vermella de Carballo, presentando temas clave na educación dos netos e netas, que se van complementando coas experiencias das participantes, e propoñendo dinámicas grupais que permitan unha maior cohesión do grupo e unha mellor asimilación dos contidos traballados.
Ao longo deste ano un total de 37 avoas e avós participaron no proxecto, reuníndose en diferentes escolas: Carballo (instalacións de Cruz Vermella), Pazo da Cultura, Coristanco, Laxe e Malpica. Ao finalizar a etapa cada grupo decide cómo celebrar a súa festa de clausura, polo que nesta ocasión ademais de varias festas, leváronse a cabo dous encontros interxeracionais; unha oportunidade para que avoas/ós e netas/os poidan aprender uns dos outros.
Os cinco grupos volverán a reunirse despois do verán para continuar coas súas actividades.
Fonte
- Cruz Vermella Carballo.