A Escola de Teatro de Laxe xa está a pleno rendemento
Segue en marcha o grupo conformado por alumnado de primaria da Escola Municipal de Teatro de Laxe (rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 7 e 11 anos). E hoxe, 30 de abril, a partir das 12:00 horas estrea unha obra de animación á lectura, titulada Fantasías. O acto consistirá na representación dunha escea de animación á lectura de curta duración (entre 10-15 minutos) que se repitirá entre 2 ou 3 veces de maneira consecutiva tendo coma destinatarios/as os diferentes cursos de infantil e primaria do CPI Cabo da Area.
Trátase por tanto dunha actuación pechada ao alumnado e profesorado dos cursos de primaria do CPI Cabo da Area, que se levará a cabo nas propias instalacións do centro, en concreto, na Biblioteca situada no bloque do edificio pertencente aos cursos de infantil e primaria.
De igual xeito que o 5 de marzo deste mesmo curso fixera o grupo de secundaria da Escola Municipal de teatro na biblioteca do bloque de secundaria, presentando a obra Camiños, a representación consistirá nunha escea de carácter teatral na que os actores e actrices (alumnado de primaria do colexio CPI Cabo da Area pertencente á Escola de Teatro Municipal), a través do xogo, achegarán ao alumnado deste centro educativo á maxia, á ledicia e á fantasía que proporciona a lectura.
Os actores e actrices accionaron a panca da metaficción e trasladaron ao espectador/-a a un heteroxéneo universo literario que bebe da obra de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Joaquim Murale, Castelao, Núñez Singala, Rosalía de Castro, Albert Camus, Osvaldo Dragún, etc.
Para todos
Ambas obras de animación á lectura, Camiños e Fantasías, poderán ser accesibles e vistas polo público en xeral en horario de tarde o día 24 de maio nas instalación da Biblioteca Municipal Antón Zapata. Nesta ocasión, faranse dous pases, un con cada obra, nos que os/as protagonistas serán os/as actores/actrices dos grupos de primaria e secundaria da Escola Municipal de Teatro. Debido ás dimensións da biblioteca e para a comonidade dos actores e actrices, tratarase de actuacións con aforo limitado, o cal, se determinará en próximas datas, xunto cos horarios de realización.
E haberá máis citas coa Escola Municipal de Teatro durante todo o vindeiro mes de maio ata a primeira fin de semana de xuño, data na cal, terá lugar o Festival anual de Teatro de Laxe, Teatrapa, no que, ademais das actuacións dos diferentes grupos da Escola de Teatro de Laxe, contarán con representacións das outras tres escolas coas que se estableceu intercambio este ano: Palas de Rei, Touro e A Estrada. Sempre e cando o tempo o permita, realizarase de igual xeito que nos outros festivais, un roteiro teatralizado por algúns dos puntos de interese cultural e turístico do concello e que se darán a conocer en próximas datas.
Máis actividades
Outras actividades previstas para a Escola de Teatro de Laxe a realizar con anterioridade ao mencionado festival, son as seguintes:
- Sábado 11 de maio. Participará no roteiro polo Pazo de Andeade e presentará a obra no Concello de Touro, xunto cos outros tres grupos. Haberá, ademais, unha función na Residencia da Terceira Idade “Os Tercios”.
- Entre os días 15 e 19 de maio, os alumnos e alumnas de maior idade da escola, xunto co seu profesor, Afonso García, realizarán unha viaxe a Portugal, Estremadura e Madrid cos outros tres grupos de teatro (Palas de Rei, Touro e A Estrada) con varias actuacións e recollida de premios.
Novas relacionadas
- A Escola Municipal de Laxe estreou unha completa temporada de Teatro.
- Nace Colaxe, un novo espazo educativo para o pequenos de Bergantiños.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).