O Arrueiro de Laxe exportou saber culinario no Gastronomic Forum Barcelona
Falabamos a semana pasada da rede gastronómica que leva creando a área de Turismo da Deputación da Coruña nos últimos anos trala celebración do congreso A Provincia que sabe . Sen tempo a descansar, marchaban o domingo cara Cataluña para levar o stand do #DegustaCoruña ao Gastronomic Forum Barcelona.
Desta volta, a entidade centrou a súa presenza en tres comarcas Ferrolterra, Terras de Santiago e Costa da Morte, mantendo esa “estratexia de apoio aos pequenos produtores e produtoras da provincia para promocionar a súa materia prima e favorecerlle a presenza en mercados como este, de moi alto valor para eles”, explicou Xosé Regueira.
Así, produtos coruñeses e profesionais da cociña compartiron protagonismo durante 3 días de feira nas que o guía principal das 20 accións desenvoltas foi o divulgador e xornalista Jorge Guitián.
Os produtos escollidos para foron as: empanadas artesanais de Costumes de Galicia (Carballo), as conservas de mariscos e peixes d’A Conserveira (Ribeira), os roxóns e chourizos de Chichalovers (Santiago de Compostela), o queixo de pasta dura cocida de Galmesán (Arzúa), as patacas fritidas de Bonilla a la vista (A Coruña), os mariscos de Mariscos de Barallobre (Fene) e as algas de Algas de Mar de Ardora (Ortigueira).
Ademais foron 3 os cociñeiros que guiaron os showcooking e viviron unha experiencia espectacular de poder participar nun dos eventos gastronómicos máis importantes do país: Dani Castro (do restaurante O Camiño do Inglés, de Ferrol), Kike Piñeiro e Eloy Cancela (A Horta do Obradoiro, de Santiago) e Víctor Basante , chef do Restaurante Arrueiro de Laxe.
Basante, acompañado da copropietaria do establecimento, Luisa García Casal, presentaron o proxecto e ofreceron un obradoiro con produtos de temporada e quilómetro cero, “da lonxa de Laxe, que é moi pequena, e tamén da nosa horta”, onde reflexaron a esencia do seu menú, par ao que empregan “peixes menos valorados, como a raia”.
Explicaron que Arrueiro “é como unha árbore con tres ramas: o aloxamento, as experiencias e a gastronomía”, co propósito de “ir máis aló do desfrute, para acrroupar e nutrir ás persoas que nos visitan tanto fisica como emocionalmente”.
Agradeceron á Deputación a “oportunidade” de participar no Gastronómic Fórum Barcelona, e invitaron ao público a “visitar a Costa da Morte durante todo o ano”.