Venres. 19.04.2024
El tiempo

Colaxe cumpre 10 anos formando e xerando oportunidades de emprego

Colaxe-Natalí Asorey Zorraquino
Natalí Asorey Zorraquino
Colaxe cumpre 10 anos formando e xerando oportunidades de emprego

Aló por febreiro de 2013 nacía en Laxe un novo centro de formación. Formulado inicialmente para as crianzas, pouco a pouco foise especializando na formación vinculada atención sociosanitaria, sendo a día de hoxe un dos máis importantes centros formativos da comarca na materia.

Falamos de Centro de Formación e Lecer Colaxe, creado e dirixido por Natalí Asorey. Un paso importante foi a homologación por parte da Xunta de Galicia do centro para impartir cursos subvencionados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta.

Nestes 10 anos teñen desenvolto máis de 20 cursos formando e facilitando unha profesión a máis de 300 estudantes, que puideron acceder a estes títulos sen necesidade de desprazarse aos centros urbanos. “Toda esta formación cumpre co obxectivo de mellorar a empregabilidade destas persoas como coidadoras, xeriátricas, auxiliares de axuda no fogar, etc.”, unha auténtica necesidade na comarca, .

”Co paso dos anos fomos medrando e en 2021 ampliamos a nosa oferta de certificados coa familia profesional dos servizos socioculturais e a comunidade, contando cun sistema de xestión da calidade formativa certificado segundo a norma ISO 9001 por EQA”, cóntanos Asorey. “Ademais, abrimos a nosa propia escola de tempo libre na que formamos profesionais do tempo libre e que logo convertimos nunha entidade de voluntariado xestionando colectivos de voluntariado que conviven por todo o territorio”.

Pechando o círculo da formación e o autoemprego

Outro dos grandes fitos acadados por Asorey, foi a creación da cooperativa Casa do Maior da Costa da Morte. Un xeito de axudar a pechar o círculo, xa que despois do proceso formativo, favoreceu ferramentas para que as mulleres formadas creasen a súa propia rede de centros de Casa do Maior.

”Do que máis nos sentimos, o equipo feminino de Colaxe, é que creamos unha nova fonte de emprego a través da economía social. Somos a semente da primeira residencia de maiores da Costa da Morte e coordinamos 10 fogares de maiores máis nunha rede de cooperativas de mulleres rurais”, sinala fachendosa Natalí..”Todo isto non sería posible sen o apoio das persoas que confiaron en nós ao longo destes anos e esperamos seguir formando as xeracións vindeiras”, agradece.

Novos cursos

A entidade ten o prazo de inscrición aberto para novos cursos para desempregados que darán inicio en abril. Podedes buscar información en www.colaxe.es.

Novas relacionadas

Comentarios