Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Nace a Casa do Maior da Costa da Morte, un proxecto de economía social e cooperativismo para asentar poboación

PResentacion do proxecto Casa do Maior da Costa da Morte
Presentación no Couto do do proxecto Casa do Maior da Costa da Morte
Nace a Casa do Maior da Costa da Morte, un proxecto de economía social e cooperativismo para asentar poboación

A comarca conta con algunha Casa Niño como a do Ézaro. Un Un fogar alternativo para as crianzas paralelo ás Escoliñas. Un servizo que permite paliar a escaseza de prazas no rural a través do emprendemento.

Unha idea semellante (unha casiña cunha coidadora para o coidado de 5 persoas) é a “Casa do Maior”. A Xunta, mentres esquece a creación de novos centros de Día a pesar da demanda continua, prepara unha subvención para a creación deste novo servizo. E na Costa da Morte nace un proxecto ben fermoso de “economía social, baseado no cooperativismo sen ánimo de lucro, para dar un servizo de coidado a 5 maiores, dende un local cedido polos concellos, favorecendo o emprego feminino no rural, a conciliación, e a dinamización comunitaria”.

A que fala é Natalí Asorey, responsable do Centro Colaxe, e promotora do proxecto “Casas do maior da Costa da Morte”, que este mércores facía a presentación oficial na Casa dos Veciños. Con ela, despois de meses de contactos por toda a zona, un grupo de mulleres que queren “contribuír á transformación social da comarca a través da economía social e feminista”.

Queda agardar ao mes de agosto, cando a Consellería de Política Social escolla os proxectos subvencionados, a partir de cando as promotoras terán 3 meses para poñer as Casas en marcha.

Obxectivos

Casa do Maior da Costa da Morte

Ademais de mellorar a calidade de vida de moit@s maiores e dosseus familiares, o asentamento da poboación no rural é un dos obxectivos claves do proxecto, que nace ademais cunha idea de xestión horizontal, de autoxestión de feito, e de “dignificación das tarefas dos coidados e acompañamentos”.

Centros

Son varios os centros que están previstos comezar a funcionar nesta rede de cooperativas. Centros, que ofrecen 5 prazas para maiores de 60 anos, de atención de luns a venres de 9:00h a 17:00h, coidados de xeito personalizado por unha promotora con formación e experiencia como xerocultora, que ademais promoverá a realización de actividades físicas e lúdicas para manter activos aos maiores.

Centros que terán unha vixencia minima de 5 anos, con “carácter integrador preventivo e asistencial, que durante o día prestan atención a persoas maiores que vivindo en zonas rurais dispersas na Costa da Morte están en situación de fraxilidade psicosocial ou dependencia, promovendo a súa autonomía funcional e persoal, facilitando o respiro familiar, nun entorno de gran calidade ambiental”, definen.

Na comarca xa hai varias propostas en marcha, con varios concellos xa implicados:

  • Coristanco: Onde se atopan dúas casas unidas na parroquia de Erbecedo e formará parte de Colaxe Sociedade Cooperativa Galega.
  • Mazaricos: A casa do maior estará situada na parroquia da Picota, unida á Escola Infantil da Galiña Azul, coordinada por 3 C Maiores Sociedade Cooperativa Galega.
  • Cee: situada en Carbaliza, coordinada por 3 C Maiores Sociedade Cooperativa Galega.
  • Laxe: no Centro Social de Traba de Laxe, da man de Claxes Sociedade Cooperativa Galega.
  • Camariñas: en Xaviña, da man de Claxes Sociedade Cooperativa Galega.
  • Ponteceso: na Casa dos Veciños do Couto, da man da Monte Branco Sociedade Cooperativa Galega a través da Entidade Veciñal Monte Branco.
 

Novas relacionadas

Comentarios