O iSlow Coliving de Laxe únese a Ágora Rural para romper a fenda dixital a través da formación
Fortalecer o talento local, mellorar a empregabilidade e facilitar que máis persoas poidan traballar en liña ou incorporar ferramentas dixitais aos seus proxectos.
Estes son os principais obxectivos da asociación Ágora Rural, que vén de incorporarse ao programa estatal RuralTIC Aulas Digitalizadas, unha iniciativa promovida por Fundación AlmaNatura xunto ao Acelerador de Equidad Digital da Fundación HP, co obxectivo de reducir a fenda dixital no medio rural e ampliar oportunidades de formación e empregabilidade.
Ágora Rural forma parte dunha rede de 12 entidades de toda España que están a impulsar aulas dixitalizadas en territorios rurais, apostando por unha transformación dixital construída en rede e adaptada ás necesidades locais.
Grazas a esta iniciativa, a entidade contará cunha aula dixital móbil que permitirá desenvolver proxectos de capacitación tecnolóxica en distintos espazos do territorio. As formacións realizaranse na sede de Ágora Rural en iSlow Coliving (Laxe), no Local Social de Serantes e tamén estarán dispoñibles para outras entidades que desexen organizar cursos ou obradoiros como vai ser o caso do Centro Social de Cando, en Outes.
Segundo sinalan desde a asociación, “non se trata só de incorporar dispositivos, senón de crear espazos onde a tecnoloxía conecte persoas, coñecemento e territorio”.
No marco deste programa, Ágora Rural pon en marcha un ciclo inicial de formacións totalmente gratuítas dirixidas á veciñanza, persoas emprendedoras, mocidade e calquera persoa interesada en mellorar as súas competencias dixitais.
Laxe (iSlow Coliving e Local Social de Serantes)
- Benestar dixital.
- Ferramentas para o teletraballo
- Domina os videoxogos (campamento xuvenil)
- Mellora a túa produtividade coa Intelixencia Artificial
Outes (Somos BLAiN, Centro Social de Cando)
- Intelixencia Artificial: crea prompts de forma profesional
- Multiplica o teu contido coa IA

As persoas interesadas poden inscribirse a través da seguinte ligazón:
https://bit.ly/4tzhQvP
Máis novas

