Laxe marida gastronomía con sustentabilidade e turismo no Forum Gastronómico
Parece que marida ben gastronomía con sustentabilidade. E máis cando lle sumas turismo de calidade e autenticidade. O peixe costeiro é peixe de primeira calidade, que ademais permite manter unha ampla sustentabilidade no mar, gracias á amabilidade da pesca artesanal.
Por aí vai o argumento co que Laxe participa esta semana (os días 10, 11 e 12 de marzo) no Fórum Gastronómico da Coruña dando a coñecer os peixes con X. No marco da campaña Con X de Laxe, Con X de Peixe, a Concellería de Turismo de Laxe estrea participación nesta feira.
Para facelo toman en consideración que “o turismo gastronómico é moito máis que disfrutar dunha boa comida ou bebida durante unha viaxe. O turismo gastronómico é, dende o punto de vista social, unha forma de achegarnos ó patrimonio cultural dun lugar e facelo memorable dunha forma completamente única e persoal. E dende o punto de vista económico, o turismo gastronómico é un medio óptimo para apoiar ós productores locais”.
Sinalan dende a Concellería que “os turistas soen preferir destinos con apostas gastronómicas claras”, de aí que utilizar como reclamo a flota diaria pesqueira artesanal de baixura, descargando os mellores peixes con destino á súa comercialización directa na lonxa, é algo de gran impacto.
”Esta condición de vila mariñeira con porto pesqueiro en activo, ademais da autenticidade cultural e social (modo de vida, fala, costumes, etc.) leva implícita a calidade do produto gastronómico (pesca artesanal en mar salvaxe). Ó mesmo tempo, promove a sustentabilidade dos nosos mariñeiros, porque asociar a gastronomía de Laxe co peixe permítenos apoiar a industria pesqueira local”, argumentan.
A Escola Municipal de Hostalaría de Carballo, tamén no Forum
Carballo participa por partida múltiple no Fórum Gastronómico que se celebra estes días na Coruña. Onte mesmo o cociñeiro carballés Adrián Felípez e o director da Escola Municipal de Hostalaría, Fernando Agrasar, participaron nunha presentación da asociación Coruña Cocina. Agrasar realizou dous pratos: 'Berzada de Barizo' e 'falsa patata rellena de cacheira', que mesturaron Tradición con innovación, sendo o principal o produto de proximidade.
Pero o gran día de Carballo será este martes. Por unha banda, porque o pan e a nosa empanada serán protagonistas durante toda a xornada no stand da Deputación. Por outra, porque catro alumnos/as da Escola Municipal de Hostalaría participarán pola tarde nun showcooking co director e profesor do centro.
Muros tamén no Forum
O restaurante A Muradana, a través da Ría da Estrela, tamén estivo presente facendo un showcooking.