O Ministerio responsabiliza a Portos do eterno problema dos áridos e inundacións no paseo de Laxe

Recibiu o BNG de Laxe, a resposta do Congreso dos Deputados ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ás súas preguntas sobre o eterno problema cos áridos e coas inundacións nos paseo marítimo de Laxe.

Unha resposta na que claramente atribúen a Portos de Galicia a responsabilidade da retirada da area (dunas ou montellóns) da parte baixa do paseo marítimo de Laxe creadas a consecuencia das obras de prolongación que no seu día acometera este ente no peirao comercial. “O Ministerio coñece a situación da praia de Laxe, que basculou, tanto lonxitudinal como transversalmente debudo ás obras de implantación do porto, e é por elo que Portos de galicia traslada a area dende a zona do porto ao outro extremo da praia cada varios anos”, sinala o goberno central.

Do mesmo xeito tamén sinalan que as inundacións na zona baixa do paseo son provocadas porque a cota á que se atopan os sumidoiros de recollidas de pluviais está moito máis baixa que a da altura das dunas”. “Algo absolutamente lóxico, non hai outra causa das inundacións, todo o que non sexa revertir esta situación é inútil”, apunta o voceiro do BNG local Xosé Manuel Pose Lema.

Así, para solventalo convidan a Concello e Portos a canalizar as augas pluviais cara o porto e admiten que ámbalas dúas administracións son coñecedoras da situación, e sinalan que o Ministerio xa ten colaborado tecnicamente coas outras administracións. “Portos xa estudou a problemática, e é a quen lle compete estudar e realizar as medidas necesarias para estabilizar a praia e protexer este ecosistema”, conclúen o escrito do Ministerio.

Polo tanto, desde o BNG de Laxe apelan, “por enésima vez, a Portos de Galicia a retirar de xeito contundente o exceso de area da parte baixa do paseo marítimo, non nas cantidades nin no tramo (a zona de adscrición recollida no PXOM é ata o número 1 da Avda. Rosalía de Castro e no ancho ata a liña de mar) no que o vén facendo esporádicamente senón en moita máis zona e con máis asiduidade.”

NOVAS RELACIONADAS