Os áridos da praia de Laxe e as inundacións volven ao Congreso dos Deputados

Parece que a ninguén lles preocupa a problemática que ten o paseo de Laxe coa area. Un problema eterno, que non se solventa coa dragaxe da zona do porto, e que cada vez que caen 4 gotas agroma en forma de inundación. Este verán fixéronse obras nas canalizacións pero as chuvias da pasada semana volveron deixar patente que as saídas ao mar das pluviais seguen taponadas e que a rúa volve anegarse formándose mesmo lagoas entre as dunas e o paseo marítimo.
Xa ten pasado polo Congreso dos Deputados o pasado mes de marzo aínda que a resposta foi considerada polo BNG “unha tomadura de pelo” polo que decidiu volver levalo asunto. Dende o grupo local, Xosé Manuel Pose mobilizou ao deputado Néstor Rego para levar ao Congreso unha nova pregunta ao Goberno Central relativa á acumulación de area en Laxe, que tantos problemas está a acarrear á veciñanza e á economía laxenses.
Rego preguntará se o Goberno “é consciente de que estas alteracións supoñen grave prexuízo para o Concello e que afectan á seguridade cidadá, á navegación marítima, á calidade ambiental e á economía da vila”, e se o “Goberno se compromete a estudar cales son as causas do cambio nas correntes mariñas, a analizar todas as circunstancias que xeran esa acumulación excesiva de area e a dar unha solución aos problemas que dela se derivan conxugando a protección do ecosistema litoral e as necesidades sociais e económicas dos veciños e veciñas”.
NOVAS RELACIONADAS
- Marzo 21: A resposta do Goberno Estatal aos eternos problemas cos áridos no paseo de Laxe: "Unha tomadura de pelo”.
- 2016: Laxe convoca a eterna manifestación polo problema dos áridos.
- Xuño 12: Portos comprométese a solucionar o problema cos áridos en Laxe.
- 2011: O BNG de Laxe cre que a actuación de Portos cos áridos é un parche .
- 2011: A area da praia de Laxe xa chega a Bruxelas.
- 2010: Problemas na praia de Laxe trala ampliación do dique..