O Museo do Mar cobra vida co programa Reláxese e o novo arquivo Vidal


Darlle vida ao Museo do Mar de Laxe é unha das prioridades do Concello de Laxe. E así está sucedendo, gracias ao apoio da Deputación e ás iniciativas da Consellería de Turismo local. Esta mañá de xoves a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, visitaba Laxe despois de que o pleno provincial aprobara o plan de axudas para darlle continuidade en 2018 ao proxecto de desestacionalización Reláxese, a gran aposta.
Ademais do programa, Laxe dá un paso adiante na conservación e a difusión do rico patrimonio fotográfico que Laxe ten grazas ao arquivo de Plácido e o seu fillo José María Vidal. O Museo do Mar atesoura arredor de 67.000 fotografías entre copias orixinais en papel, negativos orixinais e vidros/cristais de Plácido Vidal (1867-1956), o seu fillo José María Vidal (1900-1988) e tamén o seu neto. O arquivo fotográfico, dixitalizado e forma parte principal do patrimonio do Museo do Mar de Laxe, é imprescindible para coñecer a historia do pasado século non só do propio concello senón tamén das comarcas de Bergantiños e Soneira e, en definitiva, da Costa da Morte.
Máis axudas
As axudas da Deputación servirán ademais para proxectos de seguranza viaria e accesibilidade do concello de Laxe e de mellora de aforro do alumeado público ademais de participar na mellora de infraestruturas e equipamentos do Museo do Mar, por medio de tres actuacións para as que achega 215.000 € e que foron motivo central da xuntanza que esta mañá se desenvolveu tanto na casa do concello como na sede do museo en Laxe.
Recordaron ademais que o Plan Único deixou en 2017, 416.175,16 euros (que serviron para cancelar un 80% da débeda municipal), aos que hai que sumar os case 150.000 € que a Deputación subvenciona para persoal técnico en animación sociocultural, deportivo, financiamento dos servizos sociais comunitarios, o programa de integración laboral ou a limpeza de praias.
Arqueoloxía e ecoloxía, próximas actividades do programa RelaxeSE


Así, no marco do Reláxese, neste último trimestre adicado á arqueoloxía, ecoloxía e arquitectura, teremos as seguintes actividades:
- Venres 3 de novembro, ás 19.00 horas, no Museo do Mar, conferencia de Carmen Álvarez, Arqueóloga do Castro de Castrelo: “A excavación arqueolóxica de Castrelo, situación actual e perspectivas de futuro”.
- Sábado 4 de novembro, ás 18.00 horas, no Museo do Mar, taller de cociña ecolóxica con Noa Vázquez Rendal.
- Tódolos sábados de novembro de 9.00 a 14.00 horas. Mercado Ecolóxico nas dependencias do Mercado Municipal.
Novas relacionadas
- A Deputación permite a Laxe Relaxarse e a Santa Comba mellorar a estrada a Santiago.
- Arqueoloxía, ecoloxía e arquitectura protagonistas do último trimestre do Reláxese.
- Reláxese: Nove meses, nove actividades turísticas para desestacionalizar o turismo de Laxe.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).