xoves. 08.05.2025
El tiempo

O Teatro volve a invadir Laxe

O Teatro volve a invadir Laxe
Teatro MOTA de Laxe 2013

Desta volta o MOTA pasa a ser MOT, pois ademais de afeccionados tamén son grupos profesionais os que enchen de teatro Laxe durante estes meses de outubro e novembro. A VII Mostra de Teatro de Laxe comezaba xa a pasada fin de semana e continuará domingo si, e domingo tamén, ata o 17 de novembro. Todo mentres o FIOT segue en marcha.

Despois de case 7 anos, esta mostra, unha das máis longas na súa historia, segue a encher de programación cultural os outonos de Laxe, achegando o xénero teatral ao municipio por parte de actores a actrices que, na maioría dos casos, tal e coma ocorre coa Escola Municipal de Teatro de Laxe e Asociación de Teatro Folerpas, gustan e despuntan no xénero teatral aínda que profesionalmente teñan outros quefaceres.

Persoas polifacéticas que non teñen reparo en subirse a un escenario para compartir co público diferentes historias e pasar un tempo agradable no que minuto tras minuto despertan diferentes sentimentos e pensamentos. O ciclo ou mostra deste ano, coma tamén ocorría na edición anterior, contará ademais cun par de actuacións postas en escea por grupos profesionais.

Cómpre sinalar que, un ano máis, o programa nace grazas á colaboración establecida dende fai 3 anos atrás entre o Concello de Laxe e a Asociación municipal de Teatro Folerpas, así coma nesta ocasión, coma resultado de actuacións facilitadas ao concello a través dos programas da Rede Cultural e FalaRedes, subvencionados pola Deputación da Coruña e Xunta de Galicia respectivamente.

Un programa completo

Durante 6 domingos consecutivos, ás 19:00 horas no Salón de Actos municipal de Laxe (enfronte do acceso á Biblioteca Municipal Antón Zapata) quen así o queira, poderá pasar un rato agradable en compaña do teatro e música galegas:

Teremos 4 espectáculos teatrais protagonizadas por grupos de teatro afeccionado galegos: Teatro Solidario das Ínsuas – Concello de Muros, Teatro Badius – Concello de Baio, Metátese Teatro – Concello de Palas de Rei e A Fiestra Teatro – Concello da Coruña.
E outros dous de carácter profesional, un deles teatral, promovido por Bandullo Azul (Fran Ameixeiras e Fran Campos dirixidos por Evaristo Calvo -membro do dúo Mofa e Befa) e outro de carácter máis musical interpretado pola cantante galega Uxía Senlle.

A programación da mostra deste ano é a seguinte, sempre ás 19:00h no Salón de Actos do Concello:

  • Domingo 13 de Outubro: Obra “Universos Paralelos”, interpretada polo grupo de Teatro Solidario as Ínsuas de Muros.
  • Domingo 20 de Outubro: Obra “Facer o sueco”, interpretada polo grupo de Teatro Badius, de Baio.
  • Domingo 27 de Outubro: Obra “A verdadeira historia de Robinson Crusoe”, interpretada polo Bandullo Azul da Estrada.
  • Domingo 3 de Novembro: Concerto “Rosalía Pequeniña” con Uxía Senlle.
  • Domingo 10 de Novembro: Obra “Oniromancia” interpretada por Metátese Teatro, de Palas de Rei.
  • Domingo 17 de Novembro: Obra “O anel máxico”, do grupo A Fiestra Teatro da Coruña.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).

Comentarios