Presenza costeira entre as gañadoras do certame de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Entregáronse esta mañá de venres 18 de xullo os premios do VIII Concurso de microrrelatos da PuntoGal e a RAG. A Fundación Luis Seoane acollía este punto e final a unha festa da palabra na que quedou probado, un ano máis, que en galego pode contarse o mundo enteiro a calquera idade.
A tesoureira da RAG, María López-Sández, e o presidente do PuntoGal, o tamén académico Manuel González, presidiron a entrega dos diplomas e galardóns do certame, no que se distinguiron nove microrrelatos de ata 200 palabras como gañadores e outros seis foron recoñecidos como finalistas. Na entrega tamén participaron os académicos correspondentes Xosé María Lema e Ana Romero Masiá, e mais a técnica de PuntoGal Cristina Ríos, integrantes do xurado das categorías infantil e xuvenil; e o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, en representación do xurado de persoas adultas; así como Ana Cermeño por parte da revista Luzes, que colabora coa publicación no vindeiro número da súa edición en papel dos relatos gañadores e finalistas.
Os nove contos premiados poden lerse ademais na edición dixital xa dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, relatos.gal e dominio.gal.
As persoas premiadas e finalistas
Varias costeiras atopamos entre as recoñecidas. Rebeca Lema Martínez (1986), natural da Coruña pero con raíces e Laxe e residente, e mestra, en Varsovia, foi a gañadora do terceiro premio absoluto co texto “Tan duro”. En 2022 saíu do prelo o seu libro de relatos Historias de amor para nefelibatas e tamén escribe novelas baixo pseudónimo, unha delas xa publicada e outras dúas en camiño.
Por diante dela, o lugués Santiago Argüeso Galván (1997) recolleu o primeiro premio na categoría de persoas adultas por “O cadro”; e o ourensán residente en Barcelona Damián Fernández Rodríguez (1986) fíxose co segundo premio por “Lagamei Lalo”.
As finalistas da categoría de persoas adultas foron Marisa Vidal Collazo (Corme, 1966), autora de “Seur”, e Sara Jul Rivas (San Cibrao, 1972), recoñecida polo xurado “F+G=0”. Ambas as dúas son docentes de secundaria. Marisa Vidal Collazo conta cun libro en solitario, Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV, publicou tamén coas Comadres das Letras e coas asociacións Encrucillada e Mulleres Cristiás Galegas, e a mención do xurado do concurso da PuntoGal e a RAG súmase aos recoñecementos que recibiu por outros relatos nos certames que organizan Buserana, o Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia e a Biblioteca da Deputación da Coruña.
O resto de premiadas podedes velas na web da RAG.