Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Secuestrados en Laxe

Secuestrados en Laxe

Secuestrados en Laxe. Ese podería ser o título dun filme baseado na vida de dous xubilados de Centroeuropa a bordo dun iate amarrado, de xeito forzado, no peirao de Laxe. Pero a historia é real.

Nos últimos días QPC achegouse ata Laxe para falar con Roberto Bertaggia, un home de 62 anos de nacionalidade italo-belga que posúe un iate xunto co seu compañeiro de orixe suizo e 61 anos, Jean Hager. Ámbolos dous están xubilados. Venderon todas as súas pertenzas para mercar o Searing e surcar os mares de medio mundo na compaña do seu can. Pero a última travesía, cara Fisterra, Cádiz e Marsella, contiña unha parada prolongada de xeito inesperado na vila das Mareas Vivas.

Todo comezou na noite do 3 de xuño, cando o veleiro estaba fondeado de xeito incorrecto na bahía de Laxe. Ao parecer, a embarcación ía cara á praia namentres os seus ocupantes estaban a durmir. Dende o peirao laxense foron tres os armadores que albiscaron a situación nese intre e decidiron ir en rescate do iate.

Pero o rescate lle está a saír caro aos tripulantes do Searing, xa que os rescatadores piden unha compensación económica como pago aos traballos prestados que agora o seguro non quere pagar. Os demandantes son os patróns do Xío, o Cabo de Laxe e o Fernando José. Estes alegan que o traballo feito require unha compensación económica por mor dos que din, perigos material e físico que contén o rescate. Pero o seguro do iate nega calquera tipo de necesidade en canto a ese rescate. En mans da xustiza anda o caso, no Xulgado Marítimo de Ferrol.

Segundo nos contaba Bertaggia, “no momento do suceso nós estabamos aturdidos e accedimos a facer o que querían, pero coidabamos que pagarlles o gasto en combustible e convidalos a unha comida sería suficiente. Cando chegamos a porto estabamos aturdidos co desenvolvemento de efectivos que había e eles xa estaban pedindo os papeis para cobrar do seguro”.

Diferente é a versión dos armadores, que pensaron en pedir o rescate “unha vez visto o comportamento dos dous homes e a súa falta de agradecemento”. Algún deles declarou que non lle importaría quedar co iate como pago aos servizos prestados no caso de que o seguro non proceda á compensación económica.

Na vila de Laxe son poucos os que se atreven a falar, en parte polo medo a facerse con inimigos entre os patróns que reclaman. Non obstante, entre o clima de tranquilidade xurden cada día comentarios en contra da actitude dos tres armadores con ollo a estes feitos de certa semellanza á práctica pirata. De todos os xeitos, e segundo nos contaba Roberto Bertaggia, “a xente de Laxe trátanos moi ben, tanto os veciños como os hostaleiros, e non imos deixar de levar un bo recordo deste porto por mor deste incidente”.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios