SEMESCOM apoia a promoción dos Penedos de Pasarela e Traba como proxecto-estrela en FITUR

Entre a diversa presenza costeira en Fitur, cómpre destacar a campaña de colaboración municipal entre os concellos de Vimiazo e Laxe para poñer en valor os Penedos de Pasarela e Traba.
Así o quere recoñecer o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) que recoñece publicamente o seu contento porque os Concellos de Vimianzo e Laxe e incluso a Xunta de Galicia leven á edición de FITUR deste ano en Madrid, como proxecto estrela, a promoción da área xeolóxica e paisaxística dos Penedos de Pasarela e Traba.
A entidade valora a visita do presidente Rueda do pasado mes de novembro, para anunciar o Plan de Xestión, pero tamén critica que "non foi sen tempo, pois, como moitos saben, a nosa asociación leva loitando contra vento e marea pola protección –primeiro– e despois pola posta en valor destas “formacións graníticas únicas no mundo”, case desde o ano da nosa fundación (2005).
Ademais de participar nas xestións para a declaración de Paisaxe Protexida, a entidade fixo moitas publicacións, entre as que salientamos o DVD “Os Penedos de Pasarela e Traba, a arte dos dedos do tempo” (2009) e a “Guía dos Penedos de Pasarela e Traba” (2012), esta última da autoría do catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña, Juan R. Vidal Romaní, e de dous membros vimianceses da nosa entidade: Roberto Mouzo e Xosé Mª Lema. Pódense descargar estas publicacións libre e gratuitamente na páxina web www.semescom.gal.
O documental, de 23 minutos de duración, ao estar subtitulado en castelán, consideramos que é ideal para proxectar no “stand” galego do FITUR as veces que se queira. Ademais, eloxiando a beleza dos Penedos, escóitase nel a voz do escritor Manuel Rivas, actual Premio Nacional das Letras, e dado o prestixio internacional deste vimiancés de adopción é tamén un importante apoio a este proxecto.