Mércores. 16.10.2019
El tiempo

Unindo forzas entre Concellos para salvar os Penedos

Unindo forzas entre Concellos para salvar os Penedos
Unha das singulares formas dos Penedos de Traba e Pasarela-Foto-María José Mato Unha das singulares formas dos Penedos de Traba e Pasarela-Foto-María José Mato Co silencio administrativo da Xunta como marco, os Concellos de Laxe e Vimianzo están protagonizando unha acción conxunta pioneira para salvar Os Penedos de Traba e Pasarela. Sendo a única Paisaxe Protexida catalogada, nada se ten feito no último decenio por parte da administración autonómica. De aí que teña máis valor se cabe o paso dado polos concellos, de traballar en calve de colaboración, cos técnicos Víctor Santos (Vimianzo) e María José Mato (Laxe) como protagonistas á par duns políticos que tamén apostan polo patrimonio. Certo é que o Concello de Vimianzo nunca deu abandonado os Penedos, algo que Laxe si que fixo nos últimos anos, esquecendo por completo as súas labores de desbrozamento, sinalización e posta en valor. Se o ano pasado Vimianzo fixera varias labores, este ano tocoulle a Laxe, que a través da Concellería de Hostalería, Comercio e Turismo está intentando sacar do caixón o Plan de Conservación dos Penedos cunha charla informativa do catedrático, Augusto Pérez Alberti, un dos grandes culpables da posta en valor dos Penedos (xunto co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, por suposto). Un Alberto que mantén unha sensación de sinsabor, porque valora que o seu informe servira no seu día para paralizar aquela famosa canteira que ía destrozar media paraxe, conseguindo ademais que que se protesexen as formas graníticas, pero que ten un sabor agrio porque nada se fixo dende aquela. Victor Santos e Maria Jose Mato compartindo unha Andaina polos Penedos Victor Santos e Maria Jose Mato compartindo unha Andaina polos Penedos Por iso, queremos falar con Víctor Santos e con María José Mato:

Que fai “única” a paraxe dos Penedos de Traba e Pasarela?

- María José Mato: Cando nos falan dos Penedos de Pasarela e Traba é habitual escoitar que estamos ante unhas formacións únicas no mundo. Expertos en xeoloxía teñen informado e documentado con rigor técnico neste sentido ó longo dos anos. A propia rocha, formada por un tipo de granito moi especial e pouco presente noutras partes do mundo, xunto coa súa situación en superficie, exposta á beira do mar, inflúen claramente nese carácter único e singular. Superando o contexto científico, a esa catalogación coma “paisaxe única” súmanse atributos estéticos e naturais de marcado alcance turístico. Por un lado, o atractivo visual, transmitido pola variedade de formas e micro formas pétreas existentes. Por outro, a riqueza paisaxística do impresionante pano de fondo visible dende Pasarela e Traba. A estes hai que sumar, os valores culturais a nivel tanto literario coma de coñecemento, de lendas e tradicións da zona. Todo, no seu conxunto, e de xeito inseparable, outorga ese carácter especial que fai deste un espazo único e inigualable. - Víctor Santos: Creo que está perfectamente explicado por María, a parte do valor xeolóxico dos Penedos, o que máis chama a atención dos numerosos visitantes que levei alí son as curiosas formas das numerosas rochas que alí se atopan. Cando lle explicas aos visitantes os que van ver antes de chegar alí, non se imaxinan ata que punto esas formas son especiais. Lémborme dunha frase que me dixo un veciño de Teo que veu nunha das andainas organizadas conxuntamente polos concellos de Teo e Vimianzo: "eu pensei que viña ver pedras, pero isto é moito máis que pedras". Creo que define perfectamente o sentir das persoas que visitan os Penedos.  

Que significa, polo de agora, que os Penedos sexa Paisaxe Protexida? Ten feito a Xunta algunha acción incluída no Plan de Protección aprobado hai 9 anos?

- M.J.M.: Certamente, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, publicou no DOGA do 12 de xaneiro de 2009, o Decreto polo que se recoñecía que o macizo dos Penedos de Pasarela e Traba reúne os valores necesarios para ser conservado íntegro no seu conxunto, e en consecuencia acordou a aplicación da figura de protección. Esa figura de protección o que ven a significar, é que esta parte do territorio é merecedora dunha protección especial. Na práctica, non se materializou en nada, a non ser a propia publicación no Diario Oficial. - V.S.: Pois certamente, no 2009 a Xunta declarou os Penedos como Paixase Protexida despois de que os veciños e veciñas de Vimianzo, xunto co Seminario de Estudos Comarcais e algunhas outras asociacións lles fixeran ver que os Penedos de Pasarela e Traba mercía esta distinción tanto polo seu valor xeolóxico coma polo seu valor paisaxístico. Desgraciadamente a Xunta só se limitou a declaralo Paisaxe Protexida, pero non fixo ningunha actuación máis para poñer en valor este conxunto.  

Contades coa Xunta para algo?

- V.S.: Non parece que sexa o suficientemente importante para a Xunta poñer en valor os Penedos.  

Que sería necesario que fixera a administración autonómica para o seu coidado e posta en valor?

- M.J.M.: O desexable sería que a consellería competente en materia de medio ambiente tomase a iniciativa para, primeiro, aprobar un plan de conservación e, segundo, elaborar un plan de acción que garanta a protección, xestión e ordenación desta Paisaxe Protexida, como tal. - V.S.: Pois en primeiro lugar protexer de verdade os Penedos, é dicir, elaborar un plan de conservación que evite na medida do posible o deterioro prematuro do conxunto paisaxítstico. En segundo lugar creo que o que procede sería poñer en valor os Penedos, axudas para a creación de rutas de sendeirismo que permitan visitar estes monumentos naturais, difusión dos mesmos,…  

Cada Concello xa ten levado adiante algunha iniciativa. En que consistiron?

- M.J.M.: Certo, tanto Vimianzo coma Laxe teñen levado adiante iniciativas para potenciar os Penedos. O Concello de Laxe, acometeu a sinalización e desbroce de sendeiros que facilitan a accesibilidade ás elevacións graníticas. Tense axudado tamén do Seminario de Estudos Comarcais para facer xornadas e visitas ó conxunto. O Concello de Vimianzo, máis activo neste senso, suma ás accións de desbroce e sinalización, a celebración de exitosas andainas polos Penedos, e tamén variedade de actos reivindicando o tan desexable Plan de Conservación. - V.S.: Dende o concello de Vimianzo xa levamos anos traballando na posta en valor deste entorno. Ocupámonos das labores de desborce e adecentamento para facer acesibles as visitas ás diferentes rochas, tamén nos ocupamos de xeolocalizar algunas rochas que se sabían que existían pero que se "perderon" cando a maleza se fixo dona dos montes, organizáronse numerosas andainas para visitar este paraxe,… Colaborouse en varias ocasións co Seminario de Estudos Comarcais na posta en valor e difusión deste entorno. Acabamos de chegar a acordos cos propietarios dos montes para que nos permitan a limpeza e a creación de rutas de sendeirismo sinalizadas e poder así visitar os Penedos sen ningún tipo de limitación.  

Como se fai visible esa colaboración entre concellos para recuperar este patrimonio natural?

- M.J.M.: As fronteiras administrativas que lles son propias ós concellos de Vimianzo e Laxe, vense superadas o tratarse este dun macizo único, que debe conservarse e difundirse íntegro no seu conxunto. O sentimento de pertenza é común ós dous concellos, polo que debe verse reflexado en accións conxuntas que superen calquera localismo. A efectos prácticos isto pode traducirse en infinidade de accións coordinadas, que vaian desde o deseño dun itinerario autoguiado, ata a edición de múltiples soportes informativos, ou a publicación de investigacións científicas. As limitacións existen, pero desde o punto de vista da planificación e xestión turística, o aconsellable para este recurso é traballar a favor de políticas de amplo alcance. - V.S.: Ata o momento cada concello traballou de maneira independente, pero non ten sentido xa que os Penedos realmente non son de Vimianzo, nin son de Laxe, son os Penedos. Temos a inmensa sorte que estean ubicados nos concellos de Laxe e Vimianzo e iso temos que aproveitalo, xa que estamos convencidos que cunha actuación conxunta, cun bo proxecto e coa axeitada difusión vanse a converter nun dos principais atractivos turísticos de todas a Costa da Morte.  

E o primero de xuño chega unha interesante charla laxeira encadrada no Programa Reláxese, sobre os Penedos. Que podemos esperar dela?

- M.J.M.: Pois si, o primeiro de xuño no Museo do Mar de Laxe, está prevista unha mesa redonda na que se abordarán aspectos científicos, culturais, mediombientais e mesmo sociais, relativos ós Penedos de Pasarela e Traba. Eu diría que podemos esperar dela un clima de consenso, de cooperación e tamén de reivindicación. O feito de que exista representación política tanto do Concello de Vimianzo coma do de Laxe, pode reflexar unha intencionalidade clara de coordinación entre ambas institucións para promover a solicitude do Plan de Conservación ante a Xunta de Galicia. Xunto ó Alcalde de Vimianzo e o Concelleiro de Turismo de Laxe, participarán tamén o Catedrático Augusto Pérez Alberti -redactor do informe que decidiu a declaración oficial coma Paisaxe Protexida-, o Seminario de Estudos Comarcais a través da presenza de Xosé María Lema, e o xornalista Xosé Ameixeiras. Todos eles son intelectuais de recoñecido prestixio que, sen dúbida, aportarán argumentos de peso á hora de falar abertamente dunha Paisaxe Protexida á que hai que recoñecerlle o lugar que xustamente merece. - V.S.: Eu espero que sexa o inicio dunha frutífera colaboración entre os dous concellos para poñer en valor este marabilloso e espectacular entorno. Victos Santos e Maria Jose Pose nos Penedos de Traba e Pasarela Víctor Santos e María Jose Pose nos Penedos de Traba e Pasarela  

Novas dos Penedos

https://quepasanacosta.gal/laxe-impulsa-o-plan-de-conservacion-dos-penedos-de-traba-e-pasarela/

Fonte

Comentarios