Ana Miranda leva á Comisión Europea a preocupación veciñal pola mina de Coéns
O BNG vén de trasladar á Comisión Europea a preocupación existente en Laxe polo proxecto mineiro previsto en Coéns, a través dunha iniciativa rexistrada pola eurodeputada Ana Miranda na que se alerta dos posibles impactos sobre a saúde da veciñanza e sobre o medio natural da contorna.
A pregunta parlamentaria presentada por Ana Miranda nace tras a visita realizada o pasado 13 de xuño a Coéns, onde mantivo un encontro coa Plataforma Contra a Mina de Coéns e coa veciñanza afectada. Durante a visita, os representantes da Plataforma trasladáronlle información detallada sobre o proxecto, a proximidade da explotación ás vivendas e os posibles efectos ambientais derivados da actividade extractiva prevista.
Na iniciativa rexistrada ante a Comisión Europea, a eurodeputada do BNG advirte de que o proxecto se sitúa a escasos metros dun núcleo rural e moi próximo á lagoa de Redondelo, incluída no Inventario de Humidais de Galicia. Así mesmo, recolle a preocupación manifestada pola Plataforma Contra a Mina de Coéns respecto dos impactos que podería xerar unha explotación mineira a ceo aberto destas características.
Para o BNG, a iniciativa presentada no Parlamento Europeo "abre tamén un debate de fondo sobre o modelo de explotación dos recursos minerais e sobre os límites que deben existir cando este tipo de proxectos afectan directamente ás comunidades locais e aos espazos naturais protexidos".




