Luns. 23.09.2019
El tiempo

A artesanía, a música e o fútbol xúntanse esta fin de semana en Malpica

A artesanía, a música e o fútbol xúntanse esta fin de semana en Malpica
Xoguetes de madeira, embutidos, chocolates artesáns, macramé, cadros infantís, sandalias de algodón ou  garrapiñadas serán algúns dos 25 postos que se xuntan esta fin de semana no marco da sexta edición da feira Medieval Mariñeira de Malpica. Ademáis, dende hoxe e ata o domingo haberá un amplo e variado programa de actividades e actuacións para todos os públicos. A Feira Medieval Mariñeira inagurase hox ás 11:00 horas, e media hora despois desembarcarán na vila os Piratas de Turdión para ofrecer un dos pasarrúas musicais que protagonizarán durante a fin de semana. Ás 12:00 horas o artesán Roberto Figueira comezará a tallar o escudo de Malpica en madeira para doarllo ao concello ao remate da feira. Ademais dos Piratas de Turdión, pola tarde, a partir das 18:00 horas, contaremos coa Princesa Piruleta e a súa Unicornia, os Piratas e a Trasga do Mar coa súa bola xigante e a Bailarina de lume. O sábado, ademais, haberá un taller de circo (12:30), contacontos (13:00), música en vivo (12:00, 14:00, 18:00 e 20:00 horas), os globos con figuras da Trasga Saltarina (18:30) e un espectáculo de lume ás 22:00 horas. O domingo continuará a música (actuacións ás 12:00, 13:30, 18:00, 19:30 e 21:30 horas), volverá a Trasga coa súa bola xigante (12:30) e haberá de novo taller de circo (18:30) e contacontos (20:00 horas). Para os nenos e nenas, ademais, durante todo o mercado haberá unha barca balancín, cama saltarina e zona de xogos e talleres. E, para todo o público, estará aberta unha exposición de cascos e armas e teremos exhibicións en vivo dos artesáns Roberto Figueira, de talla en madeira, e Salvador de Paz, de acibeche. Festa Galega Os postos da Feira Medieval Mariñeira estarán abertos de 11:00 a 14:30 e de 18:00 a 23:00 horas. O mercado convivirá coa Festa Galega, que chega á súa 11ª edición. Catro grandes nomes da música tradicional galega pasarán polo escenario do porto entre os días 17 e 18 de agosto: Susana Seivane, Os da Porfía, Luar na Lubre e Coanhadeira. E non serán os únicos, porque, como é costume, na Festa Galega estarán as agrupacións de música tradicional do concello e con bandas de gaitas locais e convidadas. A música galega comezará a soar hoxe a partir das 22:00 horas coas Pandereteiras da A.C. Raigañas sobre o escenario do porto, ao que subirán ás 22:30 as Feiticeiras da A.C. Malante. Para as 23:00 horas está previsto o concerto de Susana Seivane, unha das gaiteiras máis internacionais, que está a piques de lanzar o seu quinto disco, e para pechar a velada contaremos a partir das 00:15 horas con Os da Porfía, sete homes que despois de formar parte durante anos de distintas agrupacións decidiron iniciar un proxecto común interpretando temas recollidos por eles e cunha indumentaria que xa é un dos seus sinais de identidade. Xa mañá sábado, ás 12:00 horas, sairá do Centro Cívico o tradicional Desfile de Bandas de Gaitas da Asociación Cultural Malante, un encontro de música tradicional que cumpre seis anos e que xunta, á parte da entidade organizadora, ás bandas de gaitas de Calo (Teo), Ximiela (Louro-Muros) e Ortigueira. Para pechar a mañá do sábado está prevista unha xurelada tradicional coa colaboración da A.C.D. A Estádiga. A música volverá pola noite ao porto. A segunda sesión nocturna da Festa Galega arrancará ás 22.30 horas coas Cantareiras Meigallo da A.C Carcaxía. Para as 23:00 horas está programado o concerto de Luar na Lubre, a banda celta máis internacional de Galicia, que leva máis de 30 anos sobre os escenarios e que continúa reinterpretando a nosa música tradicional. Pero o luxo do concerto do día 18 será dobre, porque para pechar a velada contaremos, a partir da 01:00, con Coanhadeira, unha banda ourensá de folk que desde o ano 2006 está dedicada a amosar a música conservada ata os nosos días a través da tradición oral. Os Petóns Por outra parte, mañá sábado o campo Xaviña (Buño) acolle a IV edición do trofeo solidario "Os Petóns". Será a patir das 18:00 horas cando se disputen os encontros entre os equipos do C.F. Noia, Atl. Coruña Montañeros e o U.D. Cerqueda. Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/a-festa-galega-e-a-feira-medieval-marineira-encheran-de-actividade-as-ruas-de-malpica-do-17-ao-19-de-agosto/ “Susana Seivane e Luar na Lubre subiranse ao escenario da Festa Galega de Malpica” — Que pasa na costa Fonte

Comentarios