martes. 10.03.2026
El tiempo

A muradá María Lago e a malpicá Noelia Freijeiro visitarán Cabo Verde nun encontro internacional de mulleres locais

Maria Lago Rivadeneira e Noelia Freijeiro en Mallorca
Maria Lago e Noelia Freijeiro, as dúas arriba á esquerda, no II Encontro Internacional de Mulleres Electas celebrando en Palma en novembro
A muradá María Lago e a malpicá Noelia Freijeiro visitarán Cabo Verde nun encontro internacional de mulleres locais

Xa estiveron en Palma de Mallorca, e agora arrincan para Cabo Verde. Falamos da alcaldesa de Muros, María Lago, e a Concelleira de Cultura e Teniente de Alcalde de Malpica Noelia Freijeiro, que participarán xunto a 130 alcaldesas e concelleiras dunha ducia de municipios galegos, os días 12 e 13 de marzo no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’.

Nesta iniciativa daranse cita máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Galicia, Cabo Verde e Mozambique, nun espazo de intercambio de experiencias orientado a reforzar o papel das mulleres na vida pública e nos procesos de toma de decisións a nivel municipal. A participación neste encontro permitirá coñecer iniciativas desenvolvidas noutros territorios e compartir boas prácticas que contribúan a seguir avanzando cara a unha maior igualdade na política local.

O encontro está impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde, e conta co financiamento da Xunta de Galicia e da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) a través da Confederación de Fondos de Cooperación e Solidaridade.

Unha ducia de concellos galegos estarán representados nas xornadas que se celebrarán na cidade de Praia baixo o lema ‘Electas no local, unha voz global’, organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde (ANMCV).

AsEleitas_ig copia

AsEleitas_ig copia

Mesas de debate

Tras a constitución da devandita rede na mañá do xoves 12 de marzo, arroupada polas representantes municipais de Galicia, terá lugar a apertura formal do encontro co presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo. A continuación desenvolverase a conferencia inaugural ‘As mulleres no poder’, a cargo da Ministra de Xustiza de Cabo Verde, Joana Rosa. 

O primeiro panel, ‘Mulleres na política local: barreiras, oportunidades e leccións aprendidas en Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, contará coa intervención de Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas, e centrarase en identificar os principais obstáculos que dificultan o acceso e a permanencia das mulleres aos cargos municipais, a partir da experiencia propia, así como os factores que favorecen esta incorporación e as estratexias de sororidade que se poden adoptar. 

O venres día 13, os traballos darán comezo coa mesa ‘Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia’, na que intervirá a alcaldesa de Burela e presidenta provincial de Lugo, Carmela López. Esta sesión busca visibilizar e analizar políticas públicas que teñan xerado impactos positivos na igualdade de xénero a nivel local, así como explorar mecanismos institucionais que permitan transversalizar este enfoque. 

A continuación, terá lugar o obradoiro ‘Elaboración de políticas locais e orzamentos municipais sensibles ao xénero’, que ofrecerá ferramentas prácticas para identificar desigualdades estruturais, abordar as necesidades de mulleres e nenas e garantir unha asignación equitativa dos recursos, achegando exemplos reais. Entre as dinamizadoras deste workshop atópase Marta Lois, decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC.

A axenda pecharase o venres pola tarde, coa sesión de conclusións a cargo da Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA) e coa lectura e sinatura dunha declaración final por parte de todas as electas locais presentes, tras a que se celebrará a clausura oficial do evento. Cómpre apuntar que o II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ poderá seguirse en streaming e nas redes sociais das entidades organizadoras co hashtag #AsEleitas.

Comentarios