Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A foca Nariga recupérase a boa marcha

A foca Nariga recupérase a boa marcha

Finalmente, e segundo nos contan dende a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA), era un lobo mariño o que atoparon nas proximidades da Punta Nariga, en Malpica. E así mesmo lle chamaron, Nariga.

Hoxe cóntannos que se recupera moi ben dende a Unidade de Recepción de Fauna e Coidados Intensivos de Ferrol. Pero recoñecen que os primeiros momentos, logo da recollida, foron angustiosos dado que o estado do animal non permitía demasiadas esperanzas, a ausencia de forzas, a deshidratación e o esgotamento minaba os ánimos do equipo de asistencia que agardaba un triste desenlace.

Pero Nariga foi forte. Superaba a primeeira noite con éxíto e xa comezou a mellorar de contado. Día tras días NARIGA foi gañando forza e aprendendo a comer, cousa que conseguiu el absolutamente só. Neste tempo tratóuselle a lixeira luxación articular da súa aleta pectoral dereita e alimentouse debidamente.

Así, explícannos que a primeira fase da rehabilitación está rematando e nun par de semanas chegará ao seu fin. Pero antes de ser posta en liberdade terá que pasar uns días no Acuario de O Grove, a onde onte mesmo foi trasladada. Alí ten unha piscina de 7x7 perfectamente illada. De aí, aos mares do norte, de onde chegou.

A súa chegada a Galicia

Así nos contan dende o CEMMA a historia oficial: Na madrugada do 14 de xaneiro os percebeiros de Corme detectaron a presenza dun lobo mariño nas pedras da Punta Nariga. Ao mencer o exemplar permanecía no mesmo lugar, xa sen posibilidade de voltar ao mar pois a marea baixa impedíalle chegar ao auga entre as rochas. O animal non facía ningún intento de fuxir, por iso puxérono en coñecemento da Rede de Varamentos que se dispuxo a recoller ao exemplar. Alá foi a Unidade Móbil da CEMMA con base en Ferrol, contando co apoio de membros da Policía Local, Protección Civil e Sociedade Galega de Historia Natural-Ferrol.

Neste momento atopámonos en plena tempada de lobos mariños. Estes exemplares nacen nas augas irlandesas entre setembro e outubro, dispersándose despois do destete, motivo polo cal chegan ás costas galegas de xaneiro a marzo. A rede de varamentos portuguesa xa nos advertira da presenza dun lobo mariño nos Açores e desde Asturias CEPESMA comunicáranos tamén unhas semanas antes a presenza doutro exemplar.

Historia en Galicia

Os lobos marinos cincentos (Halichoerus grypus) nacen entre setembro e outubro nas costas de Irlanda e chegan ata as costas galegas a partir de principios de ano. Desde o ano 1999 a Coordinadora para o Estudio dos mamíferos Mariños, (CEMMA) é a entidade responsable diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia do rexistro, asistencia, recuperación e liberación das tartarugas e mamíferos mariños varados ou capturados accidentalmente por interacción con artes de pesca. Este traballo atópase enmarcado na colaboración que ambas entidades levan adiante para o establecemento da Rede de Varamentos de Galicia coordinada pola CEMMA.

Entre o ano 1990 e 2011 a CEMMA leva rexistrando un total de 107 lobos mariños, pertencentes sobre todo a dúas especies, lobo mariño cincento e lobo mariño de capelo (Cystophora cristata), máis raramente rexístrase a presenza do lobo mariño común (Phoca vitulina) e do lobo mariño anelado (Phoca hispida). Case a metade dos exemplares foron localizados con vida, o 45%, e sobre os cales son susceptibles de levar a cabo labores de rehabilitación. Despois da recuperación, a CEMMA conseguiu devolver ao seu medio o 60% dos lobos mariños cincentos recollidos con vida, unha das cifras máis altas na recuperación da fauna salvaxe.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios