Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A gravación dunha «Polafía» rescatará no Entroido de Cerqueda romances, contos, lendas e vellas coplas satíricas

A gravación dunha «Polafía» rescatará no Entroido de Cerqueda romances, contos, lendas e vellas coplas satíricas
Impresionante a aposta dende Cerqueda pola recuperación etnográfica do noso entroido. Da man das forzas de vivas de Cerqueda, como son as asociacións Monte D'Arxa e Raigañas, a Polafía volve ser unha realidade. O restaurante Aldeola acolleu na tarde do venres a rolda de prensa da presentación do programa Polafía que se encadra dentro do Entroido 2011 da parroquia de Cerqueda. A mesa de presentación estivo presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, que se acompañaba por Antonio Reigosa, coordinador das Polafías, Encarna Suárez Trigo, representante da Asociación de Veciños Monte d’Arxa, María Luz Varela Rama, representante da Asociación Cultural Raigañas e Alfredo Freire, xerente do complexo-hostaleiro Aldeola. A Polafía celebrarase o vindeiro Domingo de Piñata, 13 de marzo, a partir das 5 da tarde, no restaurante Aldeola de Cerqueda (Malpica de Bergantiños). Será a gran novidade de todo o entroido da Costa da Morte que, nesta ocasión, volve á creatividade literaria e á espontaneidade que viviu esta celebración etnográfica en moitas aldeas durante o século XX cando as celebracións de carnaval non estaban tinguidas polo seu carácter comercial.

As Polafías

As «Polafías» son unha actividade de recuperación de literatura oral que a Asociación de Escritores en Lingua Galega leva desenvolvendo durante estes anos polas provincias galegas. Neste ano 2011, a única Polafía que gravarán na provincia da Coruña será a presente de Cerqueda. Antonio Reigosa, coordinador das «Polafías» coñecedor da riqueza da literatura oral da parroquia de Cerqueda, púxose en contacto con Xosé Manuel Varela, secretario da A.VV. Monte d’Arxa para poñer en marcha esta recolleita. Como a música tradicional tamén forma parte da literatura oral sumouse ó carro todo o proxecto da Escola de Música e Danza Tradicional de Raigañas, xunto coa manifestación dos Madamitos e Ghuardineiros, actividade singular nestes momentos no territorio galego e que pervive unicamente en Cerqueda. Aínda que o programa da Polafía non estará plenamente pechado ata o propio día da celebración, porque pode haber algunhas altas de última hora, nestes momentos están confirmados os seguintes contidos e persoas:
  • 1.- No apartado “Romances”, Miguel Anxo Calvo escenificará un “Romance de cego”.
  • 2.- No apartado “Contos e lendas” haberá dúas participacións. Manuel Bouzas Souto (Manolo do Vinculeiro de Folgueira) narrará os contos: “Vigo dos Toxos”, “Viaxe ó Xubileo en Santiago”, “Unha viaxe a Carballo”, “O conto da camioneta” e “O conto da mili”; ademais, lembrará un fragmento dunha vella regueifa: “A regueifa do cura de Cerqueda chamado Gil”. Por outra banda, o xornalista da CRTVG Alberto Ordóñez lerá unha recreación literaria dunha lenda da parroquia de Cerqueda: “A cova do Xacintón”.
  • 3.- No apartado “Regueifa” recuperaranse fragmentos de regueifas históricas así como regueifarán os regueifeiros máis novos de Bergantiños. As regueifas históricas serán recordada por Florinda Bermúdez Castro (Florinda do Patricio de Lezudo) quen, coa súa memoria prodixiosa, nos lembrará fragmentos dunha histórica “Regueifa de Cadete e Leonarda en Pazos”, dunha “Regueifa de Leduzo” e mais “Coplas soltas”. Por outra banda, Jesús Lema Vecino (Suso de Xornes) e Antonio Rodríguez Caravel (Antonio de Xornes) ofrecerán unha breve regueifa en directo como mostra da vitalidade dos dous regueifeiros máis novos da comarca de Bergantiños.
  • 4.- No apartado “Comparsas”, Teresa Reigía Pose (Teresa dos Cucos) cantará unha “Comparsa de Mens” que data de 1960 na que se critica o cura desta parroquia malpicá e do mal estado da estrada de Malpica e Ponteceso; ademais, recordará coplas dunha “Comparsa de Cerqueda” datada no ano 1933 e mais varias “Coplas soltas” que fan referencia a Cerqueda.
  • 5.- No apartado “Coplas” terán protagonismo dúas irmás das Pozacas: Dolores e Evangelina Trigo Vecino. Dolores Trigo Vecino (Lola do Panadeiro) recitará os seguntes poemas populares: “Vou conta-los labradores”, “Viva Cores e Bardaio”, “Mozos que estades solteiros” e “Coplas do Prestige”; tamén lembrará fragmentos dunha “Comparsa de Aldeola”. A súa irmá, Evangelina cantará as “Coplas soltas de regueifa de súa nai Carmela con Cotelo da Ourada”, “Coplas de Leonarda” e “Coplas da fiada da casa do Benito”.
  • 6.- No apartado “Pandereteiras” intervirán catro xeracións de pandereteiras cunha diferenza de idade de 70 anos entre as máis vellas e as máis novas. Os obxectivos da intervención destas catro xeracións é obter unha ollada panorámica entre o pasado (e raíz) da música da pandeireta na parroquia de Cerqueda e a súa pervivencia na actualidade nas novas formación de cantadoras. Entre estas catro xeracións, cantarase a case totalidade do repertorio de música de pandeireta que aínda se mantén vivo en Cerqueda e que está formado polos seguintes temas: “Chotis de Cerqueda”, “Muiñeira corrida”, “Valse de Cerqueda”, “Ribeirana de Cerqueda”, “Punteada de Cerqueda” e “Xota de Cerqueda”.
  • 7.- No apartado “Madamitos e Ghuardineiros” gravarase, tras estaren de percorrido polos distintos lugares da parroquia desde as 11 da mañá, a última intervención desta manifestación etnográfica de Entroido única en Galicia na actualidade. Poñerán a música as vellas pandereteiras de Cerqueda (Dolores, María e Evangelina), intervirán “Os Vellos” e bailarán os “Madamitos e Ghuardineiros”.
  • 8.- No apartado “Gaiteiros”, e como fin de festa, os gaiteiros Raigañas realizarán un dobre pase coas pezas “Pasodobre de Cerqueda” e “Carballesa de Melide” coas que poderá bailar o público presente.
Na organización da Polafía participan a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación de Veciños Monte d’Arxa, a Asociación Cultural Raigañas coa colaboración do complexo hostaleiro Aldeola.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa das A.VV. Monte d’Arxa e A.C. Raigañas.

Comentarios