sábado. 01.11.2025
El tiempo

Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir

san Calisto de Barizo, en Malpica-Foto-Felix Neira
san Calisto de Barizo, en Malpica-Foto-Felix Neira
Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir

San Pedro de Barizo, anexo de Santiago de Mens, é unha das oito parroquias que forman o concello de Malpica, actualmente encadrado no arciprestado e comarca de Bergantiños, e que anteriormente formaba parte do extinto arciprestado de Seaia. Dentro dos límites da precitada freguesía, no lugar Bariango, existe unha pequena capela cuxo titular é o Espírito Santo; sobre o antigo mesado do altar maior existe unha caixa de cristal e aluminio que alcanza os 137 cm x 65 cm x 55 cm, que contén o corpo do mártir San Calisto dentro da imaxe xacente. Esta representación mide 125 cm de longo. O corpo está moldeado en cera, figurando as mans, pernas e cabeza, á que se engadiron postizos como unha perruca, dentes e ollos de vidro. San Calisto atópase sobre un leito cuberto de veludo, cunha túnica corta cinguida cunha banda vermella e calzado cunhas sandalias. Aos seus pés atópase unha representación do vas sanguinis

A historia de como chegaron estas reliquias a esta freguesía foi aportada polo investigador Félix Neira Pérez, que incluíu na tese de doutoramento a imaxe deste neno mártir, e ao que agradecemos que nos enviase a foto ilustrativa e a información seguinte. A chegada deste corpo santo, destinado nun principio á igrexa parroquial de Barizo, pois o párroco desexaba “que tuviese la reliquia de un Santo”, foi recollida nas contas de 1851, cuxa adquisición e traslado dende Roma costou a cantidade de 4797 reais. Logo de saír da Cidade Eterna, o corpo foi embarcado e enviado ao porto da Coruña, e de alí foi levado ao convento das MM. Capuchinas. Como o corpo veu xa preparado, e debido ás dificultades da navegación, don Francisco Manso, vinculado ao mosteiro coruñés, e Xosé González, canteiro de Barizo que traballaba na cidade, contrataron ao mestre Fernando Quinteiro para recompoñer a imaxe de cera que contiña as reliquias. Este arranxo costou 760 reais. Na mesma cidade herculina, como apunta tamén Neira Pérez, elaborouse “una caixiña” de metal branco pola suma de 40 reais. Supoñemos que esta refírese ao novo vas sanguinis, que reserva fragmentos do Santo que viñeron na compaña do corpo, “en una caja pequeña de madera (…) cerrada y sellada que se abrió en esta casa a presencia de don Jacinto Ponte, ecónomo de Santiago de Mens y don Francisco Manso”. 

Pola presenza do vaso de vidro que o acompañaba e pola representación sufrinte e ensanguentada do Santo, supúxose que este fora un mozo martirizado nos primeiros séculos da Igrexa. Do mesmo modo, ao non contar cunha placa que lle outorgase un nome, moi seguramente foi “rebautizado” co título das catacumbas ou do cemiterio do que foi extraído. A súa devoción calou moi pronto entre os fieis e fregueses das parroquias próximas; deste xeito, atopamos no arquivo parroquial un libro de reconto de esmolas que vai dende 1864 a 1890. Grazas ás dádivas dos devotos, restaurouse a capela do Espírito Santo, alcumada como de San Calisto. Ao longo do ano tributábanselle varias funcións relixiosas, como no día de Nadal ou no domingo de Entroido. Entre as esmolas atopamos, por exemplo, en 1869 o ofrecemento dunha ovella e de cera, ou en 1871 un becerro e unha manta. O imaxinario popular engadiu que o corpo aparecera expulsado polo mar na costa de Barizo. Actualmente a festa de San Calisto celébrase o II Domingo de Pascua. 

Máis artigos de Luís Bermúdez

Comentarios