Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A poesía e o teatro toman Malpica

A poesía e o teatro toman Malpica
teatro-malpica As próximas citas co concello de Malpica veñen en clave cultural onde terán o seu debido protagonismo a poesía e o teatro. Por unha banda, a asociación cultural Caldeirón e o concello de Malpica reunirán a todos os autores e autoras galardoados nos dez anos de historia do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas coincidindo coa celebración da Cea das Letras, o vindeiro 7 de novembro. A xornada comezará, precisamente, cun acto conxunto con todos e todas os/as premiados/as que se celebrará no centro Cívico ás 20 horas. Posteriormente, homenaxeados e convidados desprazaranse ata o restaurante A Cunca, de Buño, onde terá lugar a presentación da obra “A outra voz”, de Verónica Martínez e Alberte Momán, gañadora da última edición do certame, e darase a coñecer o fallo desta décima edición. O prezo da cea é de 25 euros e todos/as os/as asistentes serán agasallados cun exemplar do libro “A outra voz”. As persoas interesadas en asistir poden facer as súas reservas poñéndose en contacto coa asociación cultural Caldeirón (675 607 127), coa concellería de Educación, Cultura e Turismo (981 707 104) ou co restaurante A Cunca (981 711 204). Un total de doce obras aspiran ao premio do X Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, organizado pola asociación cultural Caldeirón coa colaboración do concello de Malpica de Bergantiños, que está dotado con 1.000 euros en metálico e a publicación da obra na colección Caldeirón. Teatro Xusto un día antes da Cea das Letras, arranca a XI Mostra de Teatro. Faino o vindeiro 6 de novembro coa presentación do novo espectáculo de Mamá Cabra: "15 Primaveras, a gran festa". A cita, dixirida a todos os públicos, comeza ás 20:30 horas. No espectáculo faise un percorrido pola historia do grupo e das súas mellores cancións en formato "concerto-teatro". Mamá Cabra acompáñase dos principais espoñentes do panorama muscial para público infantil, como poden ser; Magín Blanco (A nena e o grilo), Pablo Diaz e e Olga Kirk (Tic Tac) ou Uxía Senlle coa súa familia de (María Fumaça). Todas as citas
  • Venres, 13 de novembro: "Cociña económica"
Mofa e Befa poñen os seus mandís, arremánganse e métense na cociña a facer o que eles mellor saben, que non é nin fritir un ovo nin preparar unha caldeirada de bertorella, nin tan siquera pelar patacas. Cociñan as risas que lle arrincan ao público. Dous xeitos de cociñar diferentes: o da cociña económica, onde non se aforra nada e onde se practica a liberalidade absoluta cos ingredientes e o da cociña KaKofónica onde postos a aforrar, aforran ata nas vocais das palabras coas que explican a receita. A cita, dirixida para un público de máis de 14 anos, comeza ás 20:30 horas.
  • Venres, 20 de novembro: "D.E.P."
D.E.P., de Malasombra Produccións, é unha trepidante comedia na que se mostra con moito humor, o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante a repartición dunha herdanza. Uns seres humanos que nos amosan o seu lado máis cruel, ante a disputa de bens materiais: "que mamá morra axiña por favor!". A comedia, dirixida a todos os públicos, será ás 20:30 horas.
  • Domingo, 22 de novembro:
Ás 11:00 comezarán varias actividades lúdico-teatrais, dirixidas a un público familiar, e que estarán dirixidas pola escola de teatro Valle-Innova, Fundación Valle Inclán. Xa pola tarde, ás 17 horas, a mesma escola de teatro ofrece o espectáculo infantil interactivo "Quiero ser un Valle-Inclán", no que os rapaces e rapazas descubrirán os pormenores máis divertidos da vida de Valle­ Inclán e do mundo do teatro. Venres, 27 de novembro: "As fillas bravas". "As Fillas Bravas", de Chévere Produccións, son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. A obra, que comeza ás 20:30 horas, está dirixida a todos os públicos.
  • Venres, 4 de decembro: "Xango".
Talía Teatro interpreta a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de tódalas aventuras que viviu, e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar. Este espectáculo de mimo e clown, dirixido ao público infantil, preferiblemente para nenos e nenas de 6 a 11 anos, comeza ás 20:30 horas.
  • Venres, 11 de decembro: "Rosa Caramelo"
Os nenos de 4 a 8 anos, teñen a oportunidade de ver esta comedia infantil de Talía Teatro - Fundación Escolar. Illada nun xardín, Margarita é a única elefanta do grupo que non consigue que a súa pel sexa de color rosa caramelo. Cando os seus pais desisten desa idea descubrirá o significado da liberdade, e abrirá o camiño da igualdade para as súas compañeiras. A comedia comeza ás 11:30 horas. Ese mesmo día, ás 20:30 horas, Talía Teatro trae para o público adulto, maiores de 13 anos, a súa obra "Demolición".  Este comidrama é unha proposta entre o humor e a emoción, entre a dor e o pracer, entre o divertimento e a reflexión. Unha situación, un conflito, personaxes e diálogo. Catro pés para o banco da comunicación teatral. Hai outros. Pero quixemos probar se chegaba con estes para que o banco se mantivese en pé.
  • Sábado, 12 de decembro: "O cantar dos cantares"
Unha rexoubeira, e un crego autoritario, nunha aldea galega, da década dos anos 50, queren imponer o seu pensamento a toda a veciñanza; así que argallan todo tipo de estratexias incluso ameazas para sometelos ás súas ideas. A comedia, interpretada por Os Amigos de Malpica, comeza ás 20 horas. Todas as citas co teatro terán lugar no centro cívico de Malpica. Fonte Novas relacionadas

Comentarios