Venres. 13.09.2024
El tiempo

Alfredo Cañizo explica a súa versión da saída do goberno malpicán

alfredo canizo Malpica
Alfredo Cañizo explica a súa versión da saída do goberno malpicán

Coñecíamos onte, tras varias polémicas, a saída de Alfredo Cañizo, edil de AIM, do goberno de coalición formado co PP. Unha saída na que o relato varía segundo quen o explica, e mentres o PP afirma que se trata dunha expulsión (o PP indica que lle comunicou ao edil a súa expulsión e que este inmediamente presentou un escrito de renuncia no Concello), o propio edil, como explica neste comunicado, asegura que se trata dunha "renuncia".

En calquera caso, a historia do concelleiro malpicán é asunto paradigmático da política municipal na Costa da Morte, e de como un único edil dun partido independente pode mandar, durante décadas, nun concello.

COMUNICADO DE ALFREDO CAÑIZO


PRIMEIRO.- Que a miña renuncia a formar parte do Equipo de Goberno do Concello de Malpica é o resultado dun cúmulo de motivos sustentado no maior de todos eles, que non é outro que o incumprimento sistemático de todos os acordos asinados notarialmente co Grupo Popular para esta lexislatura.
En todo caso, salientar que presentei a miña dimisión sen presións nin sequera indicacións de ningún tipo, no convencemento de que tras da Festa Galega e a Festa Mariñeira, e arranxadas ou encamiñadas o resto de tarefas pendentes de responsabilidade das miñas Concellarías, era o momento de facer efectiva unha decisión que hai tempo tiña tomada. Todas as manobras posteriores do PP, argallando un cese nunha hora para eludir as súas responsabilidades, que xa nunca foron quen de encarar, non son mais que estertores dun equipo de goberno que incapaz de xestionar axeitadamente as súas competencias opta unha vez mais por botarse de fóra, cargando contra min coma se non formase parte dese equipo de goberno, e non fose ese equipo completo, e particularmente o Sr. Alcalde, directo responsable da xestión municipal en todos os seus ámbitos.

SEGUNDO.- En canto ás Festas do Mar, desencadeante último dos acontecementos (que non motivo exclusivo da miña renuncia), logo de ter calado ante tantas falsidades e improperios, véxome na obriga, unha vez abandonado o cargo que ostentaba, de dar cumprida información das xestións levadas a cabo pola miña Concellaría:
- Non existe nin houbo en ningún momento prohibición por parte do Concello para que a Asociación Mallas da Area non celebrase as Festas do Mar, sendo decisión unilateral desa Comisión de Festas a non celebración dos festexos.
- A Concellaría de Festas, en aras ao bo funcionamento e organización das Festas do Mar, requiriulle á Asociación por escrito que comunicase o programa dos festexos, a fin de organizar o operativo de seguridade (que varía segundo os grupos que veñan), sendo hoxe o día en que aínda non se tivo resposta.
- Na última xuntanza na Alcaldía, insistindo na necesidade de coñecer o programa de festas, afirmaron que non tiñan aínda nada contratado, a dúas semanas vista, que tiñan algunhas cousas apalabradas, sen mais. E ese, e non outro, foi o motivo de todos os problemas que xurdiron entre o Concello (que non Cañizo) e a Asociación Mallas de Area.
- En todo caso, nesa xuntanza expúxoselles que o Concello tiña preparado todo como sempre, permisos, banda para a procesión, seguro especial de RC para a procesión,... e que de haber discrepancias, e polos motivos que fosen, arranxaríanse unha vez rematadas as festas, pero que non deixasen de facelas; emprazóuselles a unha xuntanza logo dos festexos na que se non querían seguir xa se falaría.
- Sí é certo, e así se lles fixo saber desde un principio, que este ano o Concello non asumiría os gastos derivados da carpa, xeradores de corrente, cadros da luz, casetas,...en resumo, os gastos que tampouco se asumen nas distintas parroquias deste Concello. Tratouse así de que todas as comisións de festas deste concello tivesen o mesmo trato, as mesmas condicións. E para suplir eses gastos, asignóuselle unha subvención de 6.400 euros a principios de ano, como pode comprobarse nos presupostos municipais, que foron e son públicos.
- Si se lles expuxo, que non prohibiu, que non parecía de recibo a montaxe de barras na praia, no centro do pobo, no campo da festa...Que non se poda asoballar así á

nosa hostalería, parecendo razoable que, como en todas as festas dos demais pobos, as barras estivesen no “campo da festa”. Insisto, montáronas onde tiveron a ben e nunca se lles impediu.
En definitiva, non atopo motivo algún polo que a Asociación Mallas de Area renunciase a facer as Festas do Mar, agás esa falta de entendemento coa miña persoa que enarboraron como bandeira xustificativa. Se non houbese outras razóns de mais peso, que hainas aínda que as agochen, parece como pouco bastante infantil, sobre todo cando se trata de deixar a un pobo sen Festas por nin facelas nin pasarlle en tempo a testemuña a quen sexa quen de tirar para diante con elas.

TERCEIRO. As consecuencias do proceder dos integrantes da Asociación Mallas de Area son ben coñecidas por todos. Continuas descalificacións e insultos en redes sociais, ataques intolerables á miña familia, pintadas na miña casa,...todas desde a carraxe que no pobo provocou a súa decisión e xurdidas desde eses comunicados onde fixeron caer na miña persoa en exclusiva a razón da súa sinrazón.
E ante tal situación, logo de calar e aguantar canto me caíu enriba, presentei a miña renuncia, sen ruído e sen entrar no xogo dos que aproveitan esa situación que me veu dada para, unha vez mais, atacarme política e persoalmente sen contemplacións.
Fronte aos que me vilipendiaron, tomarei as accións legais oportunas.
Fronte ao PP, que logo de conseguir co meu voto tres adicacións exclusivas para os seus concelleiros (non para min, que non a teño), as cesións de cantas áreas me pediron e o meu apoio imprescindible en tantas xestións, incumpriu reiteradamente aquel acordo do 3 de setembro de 2021 cando prestei o meu apoio á súa moción de censura, continuarei traballando como concelleiro e portavoz do meu grupo sen a súa presión nin o seu desprezo, coa liberdade que as urnas me outorgaron e coa conciencia de ben representar aos meus votantes.

CUARTO. Cómpre rematar o meu comunicado dando as grazas a todos os malpicáns e malpicás que tanto concordando coas miñas decisións como diverxendo delas, fixérono sempre desde o respecto e o intercambio san de opinións e ideas. A todos e a todas agradecerlles o seu apoio nestes últimos dias, tan difíciles para min, e dicirlles que tentarei estar á altura política e persoal que esperan e merecen.-


Máis novas

Comentarios