Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O BNG demanda na comarca prezos mínimos no sector pesqueiro

BNG Federación Redeiras
BNG Federación Redeiras
O BNG demanda na comarca prezos mínimos no sector pesqueiro

O sector primario segue dando de fuciños co capitalismo. Os prezos ao cliente final seguen a ser o gran cabalo de batalla do sector gandeiro, por exemplo co leite, pero semella que a problemática xa se estende ao pesqueiro. Así o expuxo onte a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, nas súas visitas a Malpica, Fisterra e Muros. O grupo demanda uns prezos mínimos no sector pesqueiro que garantan uns ingresos sostibles para a xente do mar.

Acompañada de Rosana Pérez, Daniel Pérez e Carmela González, integrantes da Comisión de Pesca do Parlamento galego, mantiveron encontros cos representantes dos pósitos e cos responsables locais do grupo, para deixar patente “a necesidade de incrementar a defensa do sector pesqueiro galego nas diferentes institucións, ao tratarse dun sector estratéxico na economía do país que precisa “de todo o noso apoio”.

“A pesca artesanal e o marisqueo son actividades singulares e sustentábeis da nosa economía, que xera miles de postos de traballo directos e indirectos, polo que seguiremos presentando iniciativas que dean resposta as súas demandas”, salientaron. As nacionalistas respaldaron a proposta do sector para que na explotación mercantil dos recursos mariños sexan estabelecidos uns prezos mínimos para determinados produtos da pesca e o marisqueo, como xa é aplicado ás Organizacións de Produtores de Pesca-OPP e a tan demandada rebaixa do IVE do peixe. Estes dúas ferramentas permitirían garantir uns ingresos sostibles para toda a xente do mar. Asemade, na reunión celebrada en Malpica tratouse dos problemas de seguridade do dique, situación que vai ser debatida no Parlamento de Galiza o vindeiro 19 de outubro.

Igualdade na pesca

BNG Federación Redeiras

Por outro lado, tamén mantiveron un encontro coa presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, Verónica Veres, para coñecer polo miúdo os problemas do colectivo das 600 redeiras galegas, referidos en boa parte na súa loita a prol da igualdade no sector pesqueiro, o recoñecemento de doenzas profesionais propias do oficio de redeira, o coeficiente redutor e a loita contra o intrusismo.

“É necesario abordar a totalidade dos problemas do sector pesqueiro, do que en Galiza dependen miles de familias, porque o desleixo do goberno galego e estatal non fan máis que afondar nos nosos problemas económicos”, salientaron as nacionalistas. “Seguiremos traballando para dar a coñecer a situación da pesca galega e defender os intereses do sector”, subliñaron.

Comentarios