luns. 27.10.2025
El tiempo

O loureán Guillermo Carracedo repite título estatal nas ondas de Malpica

Guillermo Carracedo Campion de España de Surf en Malpica
Guillermo Carracedo Campion de España de Surf en Malpica
O loureán Guillermo Carracedo repite título estatal nas ondas de Malpica

Guillermo Carracedo vén de proclamarse de novo Campión de España de SUP Ondas 2025. O de Louro renovou o seu título na nova edición do Campionato de España de SUP Ondas, celebrado no marco do Malpica SurfFest, un evento que reforza  posicionamento da vila malpicá como cita destacada do calendario nacional de surfing.

I é que ter en Bergantiños a todo un campión mundial non é para menos. O loureán, fillo do comprometido xenetista xalleiro Ángel Carracedo, superou a Joan García, Jesús Rey e Felipe Morillo, nunha final disputada en condicións óptimas: ondas en torno ao metro e medio, marea no seu punto xusto e unha serie de longas dereitas que ofreceron gran potencial técnico.

Carracedo, que destacou desde as primeiras roldas, soubo xestionar unha final táctica e precisa, elixindo ben as súas ondas e demostrando unha lectura de mar impecable. Dúas longas dereitas ben puntuadas aseguráronlle o título. “Moi contento. Este campionato de España é un empuxón de motivación para o Mundial que temos agora no Salvador. Tráeme moi bos recordos e moitas ganas de dalo todo alí”, declarou Carracedo tras a final

Na categoría sub 18, o andaluz Felipe Morillo rubricou a súa progresión cunha gran vitoria sobre Rodrigo Basilio.

Surf en Malpica

Máis cousas do Malpica SurfFest 2025 #FS25

Pero é que houbo moito máis na praia de Área Maior esta fin de semana. A segunda proba do circuíto nacional de longboard, integrada no recentemente estreado Malpica SurfFest, xa é un evento que se consolida como cita destacada no calendario de surf nacional, organizado por One Surf Academy, a Federación Española de Surfing e a Federación Galega de Surf.

Cunha gran afluencia de público, mercadillo, proxeccións e un excelente ambiente xunto ao mar, a localidade galega acolleu unha competición marcada polo bo surfing e unhas condicións que permitiron aos e as surfeiras mostrar a súa mellor versión.

Na categoría open masculina, a vitoria foi para o vasco Oier Landaida, seguido por Jon Garmendia, Nicolás García e Jose Luís Berasaluce. En open feminina, Alaitz Castro subiu todo o máis alto do podio, con Lara Xastre, Mia Ramakers e Lola Bermúdez completando os postos de honra.

Surf en Malpica 2

Máis novas

 

Comentarios