Carballo e Malpica acollen a presentación de dous libros históricos

Dúas citas cos libros perfectamente completentarias as que se vivirán hoxe venres en Carballo e mañá sábado en Malpica.
Rodrigo Costoya en Carballo
Este venres 23 de maio ás 19:30 horas con entrada libre ata completar a cita será no Espazo Lector Nobel de Carballo (rúa Igrexa, 11), o autor compostelán Rodrigo Costoya presenta a súa quinta novela. O defensor do Colón Galego penetra na incrible historia dos Reinos da Península Ibérica entre os séculos once e doce con “Século do milagre”, unha obra que Ediciones Pámies edita por primeira vez simultaneamente en español e en galego.
José Manuel Fernández Pensado devolve as Vellas de Mens a Malpica
Ademais, o sábado 24 de maio, celebrarase, ás 17:30 h, na igrexa parroquial de Santiago de Mens (Malpica de Bergantiños), a presentación do libro “As vellas de Mens”, de José Manuel Fernández Pensado.
Acompañando o autor, estarán Eduardo José Parga Veiga, alcalde, Noelia Freijeiro Novo, concelleira de Cultura; Xosé Manuel Varela, escritor, e Isabel García Quintela, presidenta de Aturuxo.
Manel de Aturuxo achéganos un relato de primeira man das “Vellas de Mens” desde a perspectiva de quen as viu aparecer en 1972 e coas que conviviu artisticamente durante vinte anos, compartindo infinidade de vivencias con elas e as súas familias.
Relátanos como foi posible que unhas mulleres labregas xa maiores se integrasen nunha agrupación folclórica por espazo de tanto tempo, quen eran, cal era a súa contorna, os seu devezos e o que significaron para o eido folclórico galego. O seu legado.
Unha obra imprescindible para coñecer máis fondamente o noso folclore e unhas mulleres senlleiras neste ámbito.
José Manuel Fernández Pensado (Manel de Aturuxo) (Porto do Son, 1946).
En 1969 ingresou na Agrupación Folklórica Aturuxo, onde, entre outros cargos, foi vogal da xunta directiva, responsable do corpo de baile, presidente e, actualmente, presidente de honra.
Tamén formou parte da Federación Galega de Grupos de Danza, en representación da súa agrupación, exercendo de vicepresidente varios anos e de presidente en funcións, séndolle outorgada a primeira Medalla de Ouro da Federación en 2001. Recibiu a Medalla de Prata Marcial del Adalid pola Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario en 1998.